Editorial

CUT TIME // NÚMERO #1

 

Ao longo dos séculos os músicos teñen estado obsesionados coa idea do tempo, tentando medilo, definilo, controlalo ou mesmo roubalo (“tempo rubato”).

Con esa mesma ansia xurde hoxe “CUT TIME” a Revista de Músicas do Cmus Profesional de Vigo. Músicas en plural porque cada unha e un de nós ten, como co tempo, un concepto diferente do que a nosa arte pode ser, un concepto definido polas nosas experiencias, a nosa idade, o noso xénero, en suma a nosa sensibilidade.

Na nosa revista esa pluralidade quere estar ben presente e para iso contamos con colaboracións do alumnado, do profesorado e de antigos membros da comunidade escolar que hoxe están vivindo experiencias moi diversas ao longo do mundo. As lectoras e lectores que se suman na nosa publicación atoparán visións tan diversas coma as que van dende unha crítica do Afrofuturismo de Ibibio Sound Machine, até unha proposta de aplicación práctica da teoría de tópicos musicais; das orixes dos conservatorios galegos nos anos cincuenta do século pasado até a descrición das posibilidades dunha aplicación informática para a análise harmónica; da vida diaria nun dos templos da tradición musical occidental, o Conservatorio Tchaikovski de Moscova á reflexión sobre o presente e o futuro da música clásica, por pór só algúns exemplos.

Queremos con este “tempo cortado” que hoxe iniciamos, non tanto realizar a crónica do cotián que acontece no noso centro, se non máis ben abrirnos a un mundo cheo de músicas por descubrir. Un tempo que esperamos por veces liso e outras estriado, quizais acelerado ou retido, ou con calquera dos cualificativos empregados para definilo ao longo da historia. Un tempo que a través das súas fendas nos deixe en suma enxergar o insondable da música que amamos.

Baldomero Barciela
Maio de 2017