En terra de oliveiras [cortadas].
Impresións sobre a música clásica en Palestina

No pasado mes de xaneiro, tiven a oportunidade de participar nos concertos inaugurais do proxecto que pretende converterse na Filharmónica de Palestina. O que segue son uns pequenos apuntamentos recollidos nas conversacións con algunhas das persoas envoltas no proxecto.

Un pouco de contexto

As primeiras imaxes do poético documental 5 cámaras rotas realizado por Emad Burnat en 2011, no que narra paralelamente as mobilizacións do pobo de Bil’in contra da confiscación de terras e a construción dun muro israelí, e o crecemento do seu cuarto fillo son moi significativas: unhas escavadoras arrincan varias oliveiras deixando unhas enormes cicatrices na terra. Unha boa metáfora da situación actual de Palestina…

Aínda que a información sobre o “conflito” palestino-israelí é abundante, a proliferación de visións nesgadas, propaganda e manipulación é tal que pode ser difícil facerse unha idea “obxectiva” do devir histórico recente. Un breve e sempre discutible resumo podería ser o seguinte.Unha oliveira perto de Bélén

A rexión de Palestina foi durante catro séculos parte do Imperio Otomano. Co desmembramento do mesmo ao final da Primeira Guerra Mundial en 1918, o territorio quedou baixo mandato británico. Simultaneamente e coa aparición do movemento sionista no final do século XIX, empezan a chegar a este territorio sucesivas vagas de inmigración xudía fundamentalmente europea, que se ven multiplicadas como consecuencia da persecución nazi e do Holocausto ao final da Segunda Guerra Mundial. Se en 1880 a poboación xudía representaba escasamente o 5% do total, en 1947 era xa o 33%. Como método de resolución dos continuos conflitos entre a poboación árabe e xudía na rexión, a recente creada ONU aproba a resolución 181, que dividía o territorio en dous estados diferentes. Dita resolución non foi aceptada pola poboación árabe (sendo o 67% da poboación só obtiña o 45% do territorio) nin tampouco por unha parte dos xudeus (os sionistas revisionistas). O abandono de Palestina por parte dos británicos e a declaración de independencia de Israel en 1948, deron lugar ao inicio da primeira guerra árabe-israelí, que para os israelís supón a súa guerra de independencia mentres para os palestinos é a Nakba1 (catástrofe en árabe), que provocou o desprazamento de máis de 750.000 persoas refuxiadas que foron expulsadas dos seus fogares, e ás que a pesares das numerosas resolucións da ONU nunca se lles ofreceu ningún tipo de compensación.

En 1967 prodúcese a guerra dos seis días que tivo como principal consecuencia, a ocupación militar permanente por parte do exército israelí da faixa de Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste (xunto cos Altos do Golán e a península do Sinaí que foi posteriormente devolta a Exipto). Dende entón e pese as varias resolucións da ONU demandando o retorno ás fronteiras de 1948, os territorios palestinos atópanse baixo xurisdición militar israelí. A partires dos anos 80 multiplícanse os asentamentos de colonos ultraortodoxos nestes territorios, confiscando terras palestinas de xeito arbitrario e que foron reiteradamente declarados ilegais non śo polas autoridades internacionais, se non ás veces tamén polo propio Tribunal Supremo de Israel. Despois dos acordos de Oslo de 1995 o territorio foi dividido en tres tipos de zonas: “A” baixo control civil e militar da ANP (Autoridade Nacional Palestina); “B” control civil da ANP e militar do exército israelí e “C” baixo control total de Israel. O 62% de Cisxordania está en zona C e as áreas A e B están completamente fragmentadas o que imposibilita de feito a creación dun estado palestino viable. Ademais dende 2002, o goberno israelí construíu o Muro de Cisxordania, condenado como ilegal por todas as instancias internacionais e que baixo pretextos defensivos, o que fai é confiscar novamente territorios palestinos, illar a numerosas vilas, introducir novas e vexatorias limitacións de movementos para a poboación palestina e impedir de facto a creación dun estado independente palestino.

graffiti Banksy
Graffiti de Banksy no Muro de Cisxordania

Nada mellor para representar o absurdo desta infamia que os graffitis do artista británico Banksy sobre as paredes do dito muro, ou a recente creación polo mesmo artista en Belén do “hotel coas peores vistas do mundo”.

En 2005 o exército israelí abandonou o territorio da faixa de Gaza, pero segue a controlar as fronteiras e impide arbitrariamente o acceso e saída de persoas e mercancías, polo que neste momento Gaza é considerada por numerosas organización de dereitos humanos, como o maior cárcere do mundo a ceo aberto. Ademais e como resposta ao lanzamento de foguetes contra cidades israelís por parte das milicias palestinas, o exército israelí ten desenvolvido varias invasións militares da faixa, a máis cruenta e recente á de 2014, que foron consideradas por numerosas ONGs como castigos colectivos contra a poboación civil, que debido aos bloqueos, atópase nunha situación case permanente de emerxencia humanitaria.

En canto aos órganos de goberno palestinos a ANP foi creada como consecuencia dos acordos de Oslo en 1994 como administración independente das áreas A e B (só nos aspectos civís neste último caso). En principio sería unha entidade transitoria por cinco anos até as negociacións finais que levarían á creación dun estado palestino. Aínda que estas negociacións finais nunca tiveron lugar, en 2012 foi admitido como estado observador pola ONU porén sen ter o recoñecemento da maioría dos estados do mundo. A sede da ANP (goberno) está en Ramallah (Cisxordania) mentres que a do Consello Lexislativo (parlamento) está na faixa de Gaza. A independencia da ANP vese moi limitada entre outras cousas polo efecto da ocupación israelí. A economía palestina depende en grande parte das doazóns internacionais pero tamén dalgunhas exportacións, pero ao seren o control das fronteiras realizado polas autoridades hebreas, estas reteñen en ocasións o pago dos tributos como política de presión. A ANP ten ademais unha longa tradición de casos de corrupción2, o que fai que a súa valoración entre a poboación sexa bastante baixa (recollido por organizacións como transparencia internacional pero confirmado nas conversacións mantidas polo redactor deste artigo). Ás veces a ANP é vista ademais como un goberno colaboracionista coas forzas militares ocupantes (a policía palestina desaparece misteriosamente cando o exército israelí entra nos campos de refuxiados!), en parte debido á súa pouca lexitimación democrática: a pesares de que as eleccións de 2006 foron gañadas por Hamas (islamitas), a presión internacional fixo que Fatah (núcleo central da Organización para a Liberación de Palestina) seguise gobernando a ANP a partires de 2007. Até 2014 produciuse unha sorte de guerra civil soterrada onde de facto Gaza era gobernada por Hamas e Cisxordania por Fatah, sucedéndose asasinatos, secuestros, torturas… (varias ONGs teñen denunciado a conculcación dos dereitos humanos por parte das dúas organizacións).

Estudar música en Palestina

A pesares da ocupación militar do territorio e das enormes limitacións de dereitos civís que esta produce, necesariamente a vida continúa para a poboación palestina con rutinas moi similares (entre elas a educación musical) ás doutras sociedades urbanas.

Existen en Palestina dúas grandes institucións que ofrecen formación musical regrada. A máis antiga é o Conservatorio Nacional de Música Edward Said (ESNCM), que foi creado no ano 1993. e que posúe sedes en Ramallah, Xerusalén, Belén, Nablus e Gaza (aberta no 2012). O conservatorio ofrece un programa de estudos en varios ciclos que se asemella bastante ao ofertado por un conservatorio profesional en Galicia, aínda que tamén inclúe uns cursos para persoas afeccionadas limitado basicamente á práctica instrumental. Ten un millar de alumnos e alumnas repartidas nas súas diferentes sedes, e o currículo inclúe a formación tanto nos instrumentos da música clásica occidental como nos da música árabe (qanum, oud, buzuk, violín…). O custe da matrícula anual é bastante alto (entre 750€ e 1300€), e aínda que existen diferentes tipos de bolsas a maioría do alumnado pertence ás clases máis favorecidas da sociedade palestina. Existe tamén un programa para a extensión da educación musical en lugares socialmente menos desenvolvidos (diversos campos de refuxiadas, Hebrón…), pero polas informacións recollidas este programa non ten por desgracia unha regularidade que permita unha formación continuada.

A outra institución musical palestina é a asociación Al Kamandjâti (que significa o violinista en árabe). Fundada no 2002 por un violista procedente dun campo de refuxiados e que realizou estudos profesionais en Francia, a asociación oferta cursos de instrumento, canto coral e algunhas materias teóricas cun plano de estudos menos ríxido que o ESNCM. Ten sedes en Ramallah, Deir Ghassana e Jenin e tamén desenvolve un labor social importante con cursos de sensibilización musical en varios campos de persoas refuxiadas.

Non existen escolas de formación superior polo que a única opción, son os estudos no extranxeiro que varios músicos palestinos conseguiron xa realizar.

Ademais destas escolas, existen outras dúas institucións (orixinadas no ESNCM ) que aínda que cunha grande descontinuidade contribúen ao desenvolvemento da música clásica en Palestina. A primeira sería a Orquestra Nacional Palestina (PNO), que reúne unha ou dúas veces ao ano (entre o 2013 e o 2016 non tivo actividade), a músicos e músicas profesionais palestinas da diáspora e residentes nos territorios e a intérpretes extranxeiros establecidos en Palestina como varias das profesoras e profesores do ENSCM, para a preparación dun programa e a realización dun ou varios concertos. Co mesmo espírito foi tamén creada a Xove Orquestra Palestina (PYO), aínda que neste caso a maioría dos concertos son realizados no estranxeiro, posibilitando así o contacto con outros xoves instrumentistas de diversos países.

O proxecto dunha Filharmonía

Grazas ao labor desenvolvido polas institucións descritas nos parágrafos anteriores, existen actualmente nos territorios ocupados unha boa cantidade de músicos cunha alta formación que porén teñen poucas posibilidades de desenvolver un traballo profesional (fóra da docencia). Coa idea de cambiar esta situación, Michele Cantoni un violinista italiano residente en Palestina dende hai quince anos e que foi xefe de estudos do ESNCM, ten a idea de crear unha “cidade da música” no Convention Palace de Belén, un enorme pazo de congresos construído por un importante empresario da diáspora e que posúe entre outros equipamentos un grande auditorio de 1600 prazas totalmente infrautilizado. O proxecto é moi ambicioso e incluiría a creación dunha orquestra profesional que ofrecería en torno a dez programas anuais con concertos na sede en Belén pero tamén descentralizados noutras cidades palestinas, a programación dalgúns artistas internacionais e o desenvolvemento de actividades educativas e de sensibilización musical orientadas á formación dun público que no momento actual é aínda moi limitado en número. Como inicio do proxecto M. Cantoni decide organizar un primeiro programa para orquestra de cordas centrado nos concerti grossi de A. Corelli, onde participan fundamentalmente instrumentistas de Palestina, pero que reciben axuda na preparación do programa por diversos músicos europeos especializados na interpretación do repertorio barroco, todo elo dirixido pola violinista francesa Amandine Beyer.

Foto de Tom Suárez
© Tom Suárez

Os músicos palestinos que participan no proxecto teñen orixes e formacións diversas aínda que todos eles colaboraron en programas anteriores da PNO ou da PYO. Son en xeral moi xoves con idades entre os dezasete e menos de trinta anos. Hai algúns que aínda están realizando os seus estudos de grao medio e outros que xa tiveron a oportunidade de cursar estudos de grao superior no estranxeiro (fundamentalmente en Francia e Alemaña) grazas a diversas bolsas de estudo. Tamén participan no proxecto dous profesores españois do ESNCM que obtiveron o seu grao na Musikene e que realizaron un máster no conservatorio de Bruxelas. O nivel técnico é bastante alto e interpretativamente desborda a intensidade e a enerxía. O coñecemento das convencións do repertorio barroco é máis limitado pero todos teñen unha grande facilidade de aprendizaxe. Destaca que a maioría da orquestra é feminina e especialmente entre as solistas onde cinco das oito son mulleres. Participan tamén unha serie de músicos que tocan instrumentos árabes, para facer a conexión cunha música coa que o público está moito máis familiarizado. É sorprendente como todos os músicos coñecen moito do repertorio tradicional e inmediatamente se lanzan en acompañamentos improvisados cando se interpreta unha canción coñecida A maioría deles residen nos territorios ocupados de Cisxordania pero tres proceden de Galilea (oficialmente territorio israelí dende 1948). Tamén estaba prevista a presenza dun músico de Gaza pero non puido obter permiso para saír da faixa.

Vistos no seu conxunto o comportamento destes xoves non difire moito do de calquera dos seus coetáneos galegos. O que si destaca é a súa forte concienciación dos efectos da ocupación. Lamar, unha das máis xoves cóntanos como unha das portas da súa escola se atopa en zona C polo que quedou inutilizada despois dos acordos de Oslo mentres o resto da escola está en zona A. Dima sinálanos dende as alturas de Belén a presenza ameazante das colonias ultraortodoxas que van cercando de xeito oprimente a cidade. Tibah procedente de Galilea e por tanto con pasaporte israelí, nos describe como dende pequena tivo que escoitar na escola como os palestinos son descritos de xeito maniqueo como “terroristas” (ela é por suposto palestina e da minoría drusa), e como os seus irmáns maiores foron encarcerados por non querer facer o servizo militar nun exército que ten como misión reprimir ao seu propio pobo. A maioría deles teñen algún familiar que foi encarcerado nalgún momento por resistirse (ou non!3) á ocupación. É incrible que nun entorno tan violentamente opresivo como este, podan centrarse en algo tan etéreo como a música… pero sorprendentemente o conseguen.

Un día de “turismo”

Ás veces a música consegue illarte da realidade. É por iso que no día libre de ensaios que por razóns loxísticas está no medio do proxecto, Mathilde Vittu unha das organizadoras, decide propornos unha visita de Hebrón. Quizais por estar nela a Tumba dos Patriarcas (un lugar sagrado para o islam e o xudaísmo), é nesta cidade onde máis duramente se vive a violencia da ocupación. Despois do asasinato en 1994 de 29 persoas na mesquita por parte dun xudeu ultraortodoxo, as autoridades israelís decidiron ironicamente, crear unha colonia pechada e inaccesible no centro da cidade expulsando progresivamente aos habitantes palestinos4. Ao entrar na vila moderna un atopa unha cidade buliciosa e activa envorcada na rúa, e non pode imaxinar a terrible desolación que atopará no casco vello da cidade. A medida que nos achegamos ao centro, os entrada á rúa principal de Hebróncomercios van sendo cada vez máis escasos, moitos pechados, o ambiente faise progresivamente máis negro e opresivo. E de repente un se atopa cunha enorme porta metálica, rodeada de torretas militares e concertinas, que pecha a entrada da que un día foi a rúa principal de Hebrón. Ao entrarmos no zoco sorpréndenos ver que hai unha tea metálica que cubre toda a rúa. A explicación é que os colonos ultraortodoxos construíron as súas vivendas sobre as tendas palestinas e que adoitan botar o lixo desde a xanela sobre a rúa do zoco.

Ao final do zoco está o checkpoint que permite acceder á zona habitada polos colonos, onde se atopa a mesquita e a sinagoga. Pasar un checkpoint cun instrumento musical e cámaras (o proxecto está a ser filmado por unha equipa francesa coa idea de realizar posteriormente un documental) non é a mellor idea nun lugar como Hebrón. Sentimos a hostilidade dos soldados (prohíbennos inmediatamente a filmación), que veremos confirmada nos minutos seguintes cando nos impedirán dun xeito bastante violento a visita da sinagoga. Decidimos continuar o noso percurso e adentrámonos na rúa principal da cidade. O ambiente é desolador e descubrimos o que é unha vila pantasma e sen vida. So se poden ver soldados fortemente armados (as cifras varían pero parece que hai uns 2000 soldados israelís que “protexen” a 500 colonos en Hebrón) e todas as tendas están pechadas xa que todos os comerciantes árabes foron expulsados. Nas portas desas tendas vemos inscricións racistas (ver vídeo de Breaking the Silence) e cruces de David pintadas. Nos pisos superiores hai aínda algunhas vivendas onde reside poboación palestina continuamente asediada, nunha especie de cárcere pechado á rúa principal. Nas xanelas algúns carteis dan a benvida a un territorio gobernado polos principios do “apartheid”5, un estado onde algunhas persoas por razóns étnicas ou relixiosas, teñen todos os dereitos e outras ningúns. Esta idea representa ben o pensamento sobre a situación actual da maioría da poboación palestina dos territorios ocupados e tamén dunha pequena parte da poboación israelí (aínda que asediadas continuamente polo estado, existen numerosas organizacións israelís de defensa dos dereitos humanos nos territorios como B’Tselem, ACRI…). O efecto surrealista de estar nun decorado cinematográfico dun filme distópico vese acrecentado ao cruzarse co único símbolo de vida da rúa: un colono con roupa deportiva e coa kipá na cabeza, correndo…

Despois de Hebrón, a visita do campo de refuxiados de Dheisheh nos suburbios de Belén, parécenos case un momento de relaxación e esperanza no futuro. Como parte dos 59 campos palestinos que se atopan diseminados por Cisxordania, Gaza, Siria, Líbano e Xordania, a poboación procede fundamentalmente do exilio propiciado pola guerra de 1948 e polo da ocupación israelí de 1967. Reside no campo de 1 km2 unha poboación de 13000 persoas (pensemos que unha cidade densamente poboada como Vigo ten unha ratio de

fotografía hebrón
A entrada principal deste edificio en Hebrón, atópase dentro da colonia israelí polo que os inquilinos están obrigados a entrar pola xanela.

2726 h/km2!), e esta é xa a cuarta xeración de persoas refuxiadas do mesmo. Aínda que o campo orixinal (e cun espírito de provisionalidade) estaba formado por tendas, posteriormente a propia UNRWA construíu vivendas estables que pouco a pouco foron reformadas e ampliadas polos propios refuxiados. Mesmo se Dheisheh está oficialmente baixo a xurisdición da autoridade palestina, periodicamente o exercito israelí penetra no campo detendo, ferindo ou incluso matando residentes do mesmo. Toda esta combinación de factores: superpoboación, falta de infraestruturas, situación socioeconómica (o 40% dos residentes están no paro), violencia do exército israelí, non parece definir o lugar ideal para o desenvolvemento da cultura. Pero a pesares diso existen numerosas iniciativas que incitan á creación artística, como a de Shoruq (amencer en árabe), unha asociación cun importante centro de creación multimedia dentro do campo, que entre outras actividades promove cursos de gravación e produción musical. Un interesante resultado dos programas de Shoruq é por exemplo, a gravación dun disco de rap dun conxunto de mozas do campo (o proxecto estaba centrado só en mulleres co obxecto de promover a igualdade) e que grazas ao proxecto tiveron a oportunidade de actuar en Nova York (curiosamente ningunha delas puidera aínda visitar Xerusalén polas restricións ao movemento impostas polo exército de ocupación israelí).

Os concertos

Tras varios días de ensaios están previstos dous concertos. O primeiro deles terá lugar na École Biblique (museo arqueolóxico do Institut Français) en Xerusalén. Pero para un músico palestino os problemas non rematan en dominar a súa parte instrumental e integrarse no conxunto. Hai dificultades engadidas como poder chegar ao lugar do concerto. A poboación palestina ten severamente limitada a súa mobilidade, e transitar dunha zona a outra de Cisxordania (por non falar de Gaza!), ou peor aínda entrar en Xerusalén, supón ter que pasar un checkpoint para o que é necesario obter un permiso das autoridades israelís (como exemplo só o 6% da poboación de Belén, a 10 km de Xerusalén ten este permiso permanente). Cinco dos nosos músicos (entre eles un dos solistas) non teñen autorización, polo que tratarán de pasar agochados en coches con matrículas israelís. Os checkpoints son sen dúbida un dos elementos máis odiados pola poboación civil palestina, xa que neles a arbitrariedade e humillación son continuas. Bastante explicativo é este video filmado polo exército israelí co obxectivo de “educar” aos seus soldados do comportamento violento e humillante a manter nos controis, e filtrado á prensa pola asociación de ex-soldados israelís Breaking the Silence. Finalmente os músicos conseguen pasar os controis e o concerto pode celebrarse.

O segundo dos concertos ten lugar no propio Convention Palace de Belén, nun día no que se programan varias actividades co obxecto de converter o centro nun punto de encontro cultural dentro da filosofía da nacente Filharmonia. Hai un obradoiro de coro guiado por Mathilde Vittu no que participan decenas de nenos e nenas, actividades desenvolvidas pola Escola Palestina de Circo, ensaios abertos ao público e a presentación do documental de Anne Renardet It’s more than music, feito a partir dos concertos realizados pola Xove Orquestra Palestina en Francia en 2015, tendo como protagonistas a algúns dos solistas do presente proxecto. O centro rezuma actividade durante todo o día e incluso algunhas non previstas: dous violistas adolescentes de Hebrón (e que non teñen a posibilidade de ter aulas regulares), chegan pensando que estaba tamén programada unha masterclass. Aínda que non era así, reciben unha improvisada clase introdutoria ao arco barroco.

O desenvolvemento do concerto en si mesmo ten algunhas particularidades por causa da relevancia institucional do acto. Xa que asisten numerosos cargos políticos (o ministro de cultura da ANP, a alcaldesa de Belén e outros), os discursos introdutorios prolónganse enormemente e sumado ao frío da sala, a concentración dos músicos é menor que na noite anterior en Xerusalén, aínda que o resultado final é altamente satisfactorio. O concerto remata coa participación do coro infantil Amwaj (ondas en árabe) cantando xunto coa orquestra, o que fai unha boa síntese de todo o que o proxecto pretende: non só a creación dunha orquestra profesional, senón reamarcar tamén a importancia da música no desenvolvemento de nenas e nenos que viven nun entorno político, social e económico tan altamente desfavorable.

Cara ao futuro

Nunha das escenas de It’s more than music, pregúntanlle a Marina Eichberg (unha violista que toca tamén na nosa orquestra) que é o que lle aporta a música na súa vida. A resposta xubilosa é un compendio do mellor da nosa arte: enerxía, desenvolvemento persoal e social… riqueza en suma. Cando a continuación lle preguntan se cre que a música axudará a solucionar o conflito de máis de setenta anos en Palestina e logo dun enorme e triste silencio responde… non.

Falar de proxectos a longo prazo nunha sociedade como a Palestina, onde a vida diaria está tan condicionada polas decisións unilaterais que poida adoitar o ocupante militar, parece un pouco irreal. Pero tal vez por causa desta fraxilidade do cotián (ou a pesares dela), sorprende ver a paixón coa que a xente se entrega en actividades culturais que sexan transformadoras da sociedade, en circunstancias nada favorables para isto. Quizais a Filharmonia de Palestina non chegue nunca a ser a ambiciosa realidade educativa e cultural que os seus promotores pretenden, pero o simple feito de soñala responde ao mesmo impulso de plantar unha oliveira, que esperemos que por unha vez, poda crecer libre e frutífera por varias xeracións.

Baldomero Barciela
Profesor do Cmus Profesional de Vigo

NOTAS

  1. A historiografía oficial israelí defendía que o pobo palestino abandonase os seus fogares “voluntariamente”. Coa desclasificación de documentos oficiais realizada nos anos 80, xorden os “novos historiadores” israelís que explican como o que se produciu foi unha expulsión violenta da poboación palestina con tintes claros de limpeza étnica. Ver Pappe, Ilan: La limpieza étnica de Palestina, Barcelona: Crítica, 2008
  2. Pode consultarse este interesante artigo comparando a corrupción en Israel e Palestina.
  3. Numerosas organizacións de defensa dos dereitos humanos teñen denunciado a continúa detención de persoas palestinas de xeito arbitrario e sen interpor ningún tipo de cargo contra elas, incluídas nenas e nenos.
  4. Pódese ver unha descrición bastante clara da situación en Hebrón neste vídeo da asociación Breaking the silence (subtitulada en inglés), desde o punto de vista dos soldados ocupantes israelís.
  5. En marzo de 2017 a secretaria dunha comisión da ONU presentou a súa dimisión ao non ser aceptado o seu informe no que denunciaba as prácticas do goberno israelí, descritas xa anteriormente como apartheid polo relator da ONU sobre os dereitos humanos en Palestina o estadounidense Richard Falk.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *