Entrevista a Diego Ares

Entrevistamos a Diego Ares Groba, un clavecinista vigués que acadou un notable recoñecemento a nivel europeo, realizando concertos tanto en España (Festival de Granada, Festival de música antiga de Barcelona…) coma en Europa (Francia, Noruega, Alemaña…), incluíndo tamén unha actuación no Tokyo Ópera City Hall, en Xapón. Obtivo tamén numerosos premios (como tres Diapason d’Or) polas súas gravacións das sonatas para clave de Domenico Scarlatti ou as de Antonio Soler.

CUTTIME: Como e cando comeza a túa interese polo cembalo? Por que esa interese por un instrumento tan antigo?

DIEGOARES: Non lembro a primeira vez que escoitei un cravo, pero si lembro que foi moitos anos antes de que o atopara nunha sala de concertos: cada ano, para festexar o día de Santa Cecilia, os profesores do conservatorio daban un concerto para os alumnos. Nun deles, no escenario, atopábase o que parecía un piano pequeno. Cando comezou a soar recoñecín o son que dende anos me tiña namorado, era o instrumento dos meus soños e chamábase o cravo! Eu tiña 9 anos, e tiven que agardar outros cinco para poder tocalo.

CT: Por que decidiches marchar ao estranxeiro?
DA: En Vigo, ata hai poucos anos, non había posibilidade de estudar este instrumento de modo oficial. Se quería estudar cravo tiña que saír de casa. Meu pai acompañoume a Barcelona para visita-lo conservatorio superior da cidade, a ESMUC. A impresión non foi prometedora, o xefe de estudios naqueles intres tratounos dun modo moi despectivo, con moito desprezo, e non quixen nin presentarme ós exames de acceso. Pola contra, o profesor de cravo do conservatorio da Haia, en Holanda, tiña moita interese en levarme alí para estudar, de modo que iso foi o que fixen.

CT: Cal é a razón pola que continúas a vivir en Suíza?
DA: As razóns son varias, a principal lamentablemente: a económica. En España, coma noutros países, hai moito tempo que se nos fai crer que a música é innecesaria, e unha gran parte da sociedade non está disposta a pagar polo traballo dun músico. En Suiza a actitude é distinta: a música é parte indispensable da educación dos cativos e forma parte do ocio cotidián da xente adulta. As igrexas –ata a máis pequena- contratan un organista profesional para acompaña-los cantos, e os coros aficionados contratan ás veces instrumentistas para formar unha orquestra que os acompañe.

CT: Tes pensado volver nalgún momento?
DA: Pénsoo todos os días! Agardo a ocasión.

CT:Tocaches como solista en diferentes lugares. Hai algún que te marcase especialmente?

DA: Son moitos os lugares que me veñen á memoria. Ás veces os concertos son especiais polo lugar no que se dan, sitios cheos de historia como a Alhambra ou o mosteiro do Escorial. Outros son especiais polo significado persoal, como un concerto que din en Saint-Leu-la-Forêt, a vila na que traballou Wanda Landowska, no que toquei o programa que esta artista tocara en Pontevedra pouco antes da guerra civil. Ás veces o concerto é especial por algún accidente exterior, como cando en Xapón rematei as Variacións Goldberg cun pequeno tremor de terra… Pero os concertos que lembro con máis felicidade son nos que se establece un vínculo especial co público.

Disco Sonatas Soler Diego Ares
Último disco de Diego Ares

CT: Gravaches o teu primeiro disco en 2006. Como músico activo, estás en constante evolución. Como vés esas primeiras gravacións dende o punto de vista actual?
DA: Pois cunha mestura de severidade e de indulxencia. As cousas non se ven sempre igual, nós mesmos non nos vemos iguais pasados os anos… o que nun momento nos parece moi importante, noutro momento parece menos. Pero teño a sorte de poder escoitar estas gravacións cun sorriso: sei que hoxe tocaría doutro modo, tomaría outros tempi… pero recoñezo a felicidade daquel neno que devecía por tocar o cravo!

CT: Dos discos gravados até agora, cal é do que gardas un mellor recordo ou desfrutaches máis durante a súa gravación?
DA:Quizais sexa o primeiro o que fixen con maior ledicia. Ó ser a miña primeira gravación, puiden gravar sen presión, sen pensar nas expectativas do público.

CT: É moi diferente gravar obras de repertorio como as sonatas de Scarlatti a gravar obras sen ningún referente previo como as sonatas de Padre Soler?
DA: Creo que cando un intérprete achégase a un repertorio moi coñecido é difícil manterse alleo á influenza doutros artistas, é dicir, ser libre nas decisións interpretativas (como atopa-lo carácter da peza, elixir o tempo, frasear, ornamentar, rexistrar…). Cando un ten diante obras inéditas (como foi o caso coa gravación das sonatas de Soler do manuscrito da Biblioteca Morgan) atopámonos sós, con liberdade, si, pero sen posibilidade de corrobora-la nosa intuición coa doutro artista, co medo de non atopar a verdadeira personalidade de cada obra, ou de cada frase…

CT: Cales son os teus próximos proxectos de concertos e discográficos?
DA: A próxima gravación ten como suxeito precisamente unha das obras máis coñecidas e máis gravadas do meu instrumento: as Variacións Goldberg de Bach, e con tanta tradición discográfica non é doado ser libre!

Foto de Diego Ares
© François Sechet

CT: Cun instrumento menos habitual coma o clave, é fácil levar unha vida concertista ampla como solista?
DA: Creo que o importante para un solista non é o instrumento: é ter unha mensaxe e atopar o modo ideal de levarlla ó público. O instrumento é só unha voz, non a mensaxe. É certo que os concertos de cravo implican o transporte e afinación do instrumento (moitas veces, a cargo do propio intérprete). Pero estas cousas non deben dificultar o labor de difusión da música.

CT: Algúns medios especializados defínente coma o mellor clavecinista español do momento. Como vés a situación do cravo e a música antiga en España?
DA: Que medo! Espero que ninguén crea iso que din os medios! Eu teño aínda moito por aprender, por mellorar. Comezo o traballo todas as mañás polo principio básico da técnica: a pulsación. Ademais hoxe hai tantos intérpretes de cravo admirables! Como dicir quen é mellor? Segundo a disposición do oínte, unhas veces preferimos un intérprete, outras veces outro, pero a arte non se pode medir, e os artistas tampouco.
A situación do cravo e da música antiga en España a vexo con ilusión. Cada vez son máis os construtores de cravo no país, tamén nos conservatorios hai clases de cravo e doutros instrumentos de tradicións renacentista e barroca como a viola da gamba.

CT: Algunha vez imaxinácheste obtendo o recoñecemento que agora se che está outorgando?
DA: O recoñecemento e a popularidade son cousas que nunca busquei, e que aínda non acadei! Hai persoas que desfrutan e valoran o meu traballo, é verdade, e anímanme a seguir traballando. Pero eu non falaría de recoñecemento. Por exemplo, dende 2002 en que marchei para Holanda, nunca máis volvín tocar en Vigo, e xa choveu! Por iso mesmo estudio o mellor que podo, todos os días, e así, se chega o día en que toque para a miña cidade, estar preparado para poder dar o mellor de min.

Nadia Cernada, Uxía Goberna, Marco A. Gómez, Paulo Pérez e Andrés Valiente

alumnado de 6º de GP do Cmus Vigo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *