Top Teens

Como adoita suceder cos estados de transición, a adolescencia é tradicionalmente considerada unha etapa incerta, delicada, potencialmente perturbadora da orde establecida, e polo tanto suxeita á vixilancia da sociedade adulta. Espérase dos adolescentes que atopen un lugar onde integrarse e así perpetuar os valores da sociedade onde nacen e se educan. As circunstancias concretas nas que se desenvolve este proceso poden variar moito dependendo do entorno, clase social, sexo e capacidade persoal. Os grandes creadores consagrados pola historia, dos que ás veces se recordan as súas obras como se foran froito dun estado de madurez case que innato, tamén tiveron que percorrer o camiño entre a infancia e a idade adulta sometidos ás presións do seu entorno, malia que a súa precocidade ou as súas capacidades semellen elevalos por riba das circunstancias da vida cotiá.

No ámbito da creación musical, algúns autores tiveron a habilidade e a fortuna de conseguir compoñer, sendo adolescentes ou apenas adultos, unha obra que hoxe forma parte do repertorio estándar. Por suposto que a obra dos grandes compositores do pasado esperta tal interese que é difícil non poder escoitar, grazas aos medios dos que dispoñemos na actualidade, a peza máis infrecuente ou remota do seu catálogo; pero aquí referirémonos a obras que se interpretan con asiduidade, que forman parte da imaxe que temos hoxe do compositor, e das que soemos esquecer que saíron das mans dun mozo.

Dado que falaremos de obras do repertorio que se interpreta na actualidade, a selección está condicionada non só polas circunstancias do pasado, senón tamén polas do presente, pois cada época queda retratada no tipo de repertorio que valora. Como estamos a nos mover dentro da chamada música “culta” ou “académica” o repertorio maioritario chega, sendo xenerosos, ata a primeira metade do século XX. A situación do sexo feminino na sociedade non era tal que se estimulara a figura da muller compositora, polo que nesta ocasión os nosos protagonistas serán varóns.

Johann Sebastian Bach naceu en Eisenach, vila do centro da actual Alemaña, no seo dunha familia que formaba parte do que poderiamos chamar o “clan dos Bach”, que era como dicir “dos músicos”, pois ese era

Melchior d’Hondecoeter: Concerto de paxaros con curuxa (detalle).

o seu oficio tradicional. Foi o oitavo e derradeiro fillo en nacer, en 1685. A alta natalidade típica da época ía de lado cunha tamén alta mortalidade infantil, que hoxe nos resultaría dificilmente soportable: só chegaron á idade adulta catro dos oito irmáns. O rapaz recibiu as primeiras ensinanzas musicais do seu pai e amosou afección pola música, inda que de tódolos xeitos era a profesión á que estaba destinado por ser a que lle transmitiría a súa familia. O seu futuro como músico profesional non podía ser outro que o dun asalariado, que normalmente procedía dunha clase social con pouca ou mediana capacidade económica, como no seu caso. A súa máxima aspiración consistiría en atopar un emprego ben remunerado ao servizo dun concello, da Igrexa ou dun patrón aristocrático; sería considerado un criado, suxeito á benevolencia e á apreciación subxectiva do seu señor.

Pouco antes de chegar aos dez anos a situación de Johann Sebastian cambiou radicalmente: morreulle a nai, o pai volveu casar pero ao pouco tempo tamén faleceu. A madrastra quedou sen medios económicos, polo que o pequeno foi recollido polo seu irmán maior Johann Christoph, que tiña 24 anos e xa estaba independizado e casado, traballando de organista nunha vila non moi afastada, á que se tivo que trasladar o rapaz. Co seu irmán continuou os seus estudos musicais, a maiores dos xerais que recibía na escola, de asistencia obrigatoria por lei.

Ao chegar aos catorce anos, o máis natural tería sido que Johann Sebastian non ampliara os estudos escolares e se centrara exclusivamente nos musicais entrando como aprendiz, con dereito a soldo, dun músico establecido que necesitara axudantes. Despois de 5 anos como aprendiz, ascendería a oficial e tras 2 anos nesa categoría podería aspirar a atopar unha colocación como músico profesional independente. Non foi así, senón que marchou lonxe da súa terra natal para ir ao norte de Alemaña, á cidade de Lüneburg. Nunha importante institución educativa desa vila quedaran vacantes dous postos no coro de estudantes; as prazas estaban destinadas a rapaces con coñecementos musicais e sen recursos económicos. Os admitidos recibían unha bolsa aportada pola propia institución e tiñan acceso á escolarización ofrecida polo centro, baseada en materias relixiosas e lingüísticas como preparación para posibles estudos universitarios. Probablemente nesta decisión foi importante a vontade do propio Johann Sebastian de non centrarse nunha formación exclusivamente musical, como foi o habitual na súa familia; continuar cos estudos xerais daría resposta ao seu desexo persoal de formación cultural e podería no futuro facilitarlle o acceso a un posto musical de maior categoría.

Cando ingresou na escola e no coro de Lüneburg tiña xa quince anos pero inda conservaba o rexistro de soprano, que era de moi boa calidade. Ao pouco tempo perdeuno; estando un día a cantar no coro emitiu repentinamente a melodía na tesitura de soprano e simultaneamente na oitava inferior. Esta disfonía involuntaria, que lle afectaba ao cantar a ao falar, duroulle oito días ata que por fin mudou de voz; inda así puido seguir no coro cantando noutro rexistro e participando como instrumentista. O cambio de voz era un momento espiñento na vida dos rapaces de coro, porque para moitos era a única actividade que lles permitía acceder á formación musical e poder conseguir algúns ingresos. A perda da voz aguda podía supoñer a expulsión, como lle acontecería a Haydn case medio século máis tarde, que se viu repentinamente na rúa e sen recursos con dezasete anos.

Con esa mesma idade Johann Sebastian rematou os seus estudos na escola de Lüneburg en 1702, e tivo que ocuparse de atopar unha colocación. Concursou sen éxito a unha praza de organista, que se resolveu a favor dun candidato que tiña unha boa preparación e sobre todo unha boa recomendación. Dende 1703 pasou por varios empregos ata que atopou un posto estable como músico na corte de Weimar en 1708, con 23 anos de idade.

Non podemos saber con absoluta certeza que obras compuxo Johann Sebastian nos seus primeiros anos, pola falta de datos. Cando é así, os especialistas baséanse no estilo da obra para intentar situala cronoloxicamente. Este é o caso da Tocata e fuga en re menor BWV 565 para órgano. O consenso maioritario, de momento, é que se trata dunha obra temperá, que podería datar de cando o autor tiña entre 19 e 23 anos, apenas entrado na idade adulta e cunha carreira como compositor inda por desenvolver. Se foi así, o logro é maiúsculo porque esta obra é probablemente a peza de órgano más emblemática da historia, a única que hoxe forma parte da cultura popular. Como tal, representa a idea que o público de masas ten do que poida ser unha tocata e unha fuga, inda que na apreciación da obra ten bastante máis peso o xeito como foi utilizada; por exemplo como acompañamento de escenas de terror nos medios audiovisuais, como peza de “música absoluta” na película de Disney Fantasía (en transcrición orquestral), ou como chiste, na etapa final da ditadura española, no título do filme Tocata y fuga de Lolita. Debido ao carácter emblemático da peza, os esforzos por clarificar o seu carácter e datación teñen moita repercusión e son moi debatidos; en contra da opinión más estendida, algúns especialistas opinan que podería ser unha obra da derradeira etapa creativa do compositor, ou incluso que non se trataría dunha obra de Johann Sebastian Bach.

Johann Joachim Kändler: Teclista da Capela musical de monos

Wolfgang Amadeus Mozart naceu en Salzburgo setenta e un anos despois de Bach, no ano 1756. A súa infancia foi ben diferente. Wolfgang foi o derradeiro de sete irmáns, dos que só sobreviviron el e a súa irmá maior Maria Anna. O pai, Leopoldo, era músico como no caso de Bach e ademais compositor, e puido encargarse de xeito exclusivo da educación dos seus dous fillos, non só en canto a aprendizaxe musical, senón tamén en tódolos aspectos e materias; os irmáns Mozart nunca pisaron unha escola. Se no caso de Bach o pai desapareceu sendo o compositor inda moi novo, o de Mozart marcará practicamente toda a súa vida, para ben e para mal.

Tanto Maria Anna como Wolfgang tiñan dotes musicais, que pronto desenvolveron con resultados excelentes, sen dúbida tamén grazas á habelencia pedagóxica do proxenitor. Pero o talento de Wolfgang era tan precoz e espectacular que o seu pai decidiu empregalo precisamente niso, en facer espectáculo. A familia Mozart emprendeu unha serie de viaxes polos grandes centros cortesáns centroeuropeos nos que os dous rapaces exhibían súas habilidades a cambio dunha gratificación, que dependía da xenerosidade persoal de cada protector que atoparan. Cando se embarcaron neste xeito de vida Wolfgang tiña seis anos, e a súa irmá once. Maria Anna era unha intérprete moi precoz, pero a carón dun irmán moito máis novo e que facía de todo, inevitablemente quedaba nun segundo plano. Wolfgang sorprendía ao público interpretando no teclado pezas difíciles, repentizando, improvisando ou tocando pezas co teclado tapado cun pano. Entre os trece e os dezasete anos ampliou as súas xiras visitando Italia. O seu pai Leopoldo entendía estes viaxes non só como un xeito de facer negocio, senón tamén como unha oportunidade para que o fillo ampliara a súa formación coñecendo outros estilos e outros grandes compositores, como por exemplo Johann Christian Bach, fillo de Johann Sebastian. Pódese logo dicir que a súa educación foi verdadeiramente cosmopolita. Ademais a fama acadada facilitaría a consecución para Wolfgang dun posto estable como compositor nunha corte importante e, polo tanto, estabilidade económica. Este posto nunca chegou.

As primeiras composicións de Wolfgang, estimulado polo pai, datan de cando tiña seis ou sete anos; cando acadou os dezaseis xa tiña unha notable colección de pezas nunha ampla variedade de xéneros: sinfonías, cuartetos, pezas vocais, para teclado, misas, óperas, … Xusto dez días antes de cumprir os dezasete anos atopábase en Milán, o 17 de xaneiro de 1773. Ese día estreou un motete titulado Exultate, jubilate. A obra foi escrita para un cantante castrado que facía pouco participara na estrea dunha ópera do mesmo Wolfgang. Composta expresamente para as súas capacidades vocais, admiradas polo compositor, esta obra converteuse nunha das máis interpretadas de Mozart, e hoxe pódese considerar a máis temperá do compositor que forma parte habitual do repertorio, especialmente a súa sección final Alleluia. Como afortunadamente hoxe non é necesaria a castración para facer unha carreira de cantante, a obra é interpretada por sopranos. Cando Mozart a compuxo era un mozo, pero practicamente xa se atopaba na metade da súa breve vida.

Cornelis Saftleven: Concerto nun palleiro (detalle)

A formación musical de Franz Schubert discorreu polo camiño habitual na súa época para un neno con talento de familia pobre. Naceu en 1797 nun barrio de Viena, sendo o duodécimo fillo de catorce irmáns, dos que só cinco superaron a infancia. O seu pai era mestre de escola, e polo tanto tiña coñecementos musicais, que transmitiu aos seus fillos; Schubert adquiriu as primeiras nocións de música do seu pai e o seu irmán maior. O rápido progreso do rapaz fixo evidente que precisaba como profesor un verdadeiro profesional, así que o pai recorreu ao mestre de capela da igrexa da parroquia. Este quedou igualmente sorprendido co neno, que ademais de recibir clases formaba parte do coro na corda de soprano. Segundo o que contará posteriormente o seu irmán maior, con once anos Schubert era o primeiro soprano, tocaba o piano e o violín e compoñía cancións, cuartetos e pezas para piano. O problema nese momento era como podería seguir desenvolvendo a súa carreira musical o fillo dun mestre de escola.

Cando Schubert tiña once anos apareceu unha oportunidade, dun xeito habitual na época: entrando nunha capela musical prestixiosa como neno cantor. Convocouse un concurso para ocupar dúas prazas para rapaces soprano no coro da corte imperial e real austríaca, e Schubert reunía tódolos requisitos: ter polo menos dez anos de idade, posuír coñecementos musicais e unha boa escolarización. Na proba chamou a atención pola súa seguridade na lectura e na afinación; foi declarado o mellor e gañou unha praza. Tamén chamou atención por levar un traxe de cor abrancazada polo uso, o que suscitou a burla clasista dos outros aspirantes, que lle chamaron “fillo de muiñeiro”.

Gañar o concurso implicaba entrar gratuitamente como alumno interno nunha escola dependente do estado, co compromiso de non ser expulsado cando lle mudara a voz. Polo tanto Schubert tivo que deixar a casa familiar e pasar a residir nun internado. Alí seguiu coa súa educación e, malia a súa timidez, nos cinco anos que pasou de interno fixo unha serie de amizades que conservaría para o resto da súa vida. A escola procuraba a formación necesaria para seguir estudos universitarios, pero Schubert decidiu abandonala cando tiña dezaseis anos, probablemente porque xa tiña claro que non podería facela compatible coa súa dedicación á composición. Quizais por presión familiar, ingresou noutra escola para conseguir o título de profesor, como o seu pai.

En agosto de 1814, con dezasete anos, xa ten o título; está de vacacións, e no inicio do próximo curso entrará a traballar como axudante na escola que dirixe o seu pai. Nunca abandonou a composición, e neste sentido estes meses previos ao ingreso no seu primeiro posto de traballo son importantes. Estrea unha misa na súa parroquia: a súa primeira misa completa, e a súa primeira obra presentada ao gran público. O 19 de outubro compón unha canción sobre un texto de Goethe: Marga na roca. Este Lied converteuse nun dos máis coñecidos e admirados do compositor, un fito na historia do xénero da canción e unha peza fundamental do repertorio.

Goethe era unha figura venerada da cultura alemá, que inda vivía cando Schubert musicou o seu poema. Este forma parte dunha obra teatral, Fausto, e consiste nun monólogo en boca do personaxe de Margarida, unha rapaza perdidamente namorada de Fausto. Mentres está ocupada fiando na roca, medita sobre a súa situación: sofre cando non está con el, e non pode sacalo da súa cabeza. Inda que Schubert só conta dezasete anos, amosa unha admirable seguridade nos seus obxectivos musicais; para acadalos non dubida en modificar o poema dun autor consagrado, inda que só sexa modificando un verso e engadindo unha repetición final do refrán, o que aumenta a expresividade obsesiva da obra. É inevitable pensar se o compositor non aproveitaría o poema de Goethe para falar de si mesmo, porque esta canción, ademais de ser a obra dun adolescente, é a expresión da experiencia do amor na adolescencia.

José A. Vilas

Profesor do Cmus de Vigo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *