Rachando fendas:
Furore, unha editorial de músicas feitas por mulleres

Élisabeth-Claude Jacquet de La Guerre (1665-1729)

Propóñovos un pequeno reto: collede un folio e dividídeo en dúas columnas, unha para homes e outra para mulleres; agora subdividídeo en distintas disciplinas, as que queirades: nomes que aparecen nos libros de historia do ensino obrigatorio, filosofía, medicina, disciplinas artísticas coma a pintura, escultura , literatura… Anotade os cinco primeiros nomes que vos veñan á cabeza, sen pensar demasiado, e comprobade ao final como vai o reconto de ambos lados. Seguro que, adiviñando as miñas intencións, fixestes un esforzo especial para non deixar valeira a sección feminina, e que respirastes aliviados na parte de literatura, na que xurdiron sen moito problema un par de nomes. Entón seguro que vos interesará saber que os premios Cervantes galardoaron até o día de hoxe a 38 homes e 4 mulleres, ou que dende a súa creación en 1901 o Nobel de Literatura só foi parar ás mans dunha muller en 14 ocasións.

Pensemos agora no ámbito musical, máis en concreto no mundo da composición. Para a maioría o número de mulleres compositoras coñecidas redúcese a dúas ou tres. Clara Schumann ou Fanny Mendelssohn son das máis populares, e curiosamente ambas teñen apelidos que as vinculan moi directamente con homes. Se visitades a páxina da asociación de compositores galegos, nunha lista de 39 aparecen só 4 mulleres , entre elas Gloria Rodríguez Gil, profesora no CMUS profesional de Vigo.

Con este panorama poderíamos pensar que non hai mulleres que se adiquen ou se adicasen á composición dun xeito profesional, pero iso non é certo. As referencias históricas sobre mulleres relevantes, como ben comprobamos fai un anaco son escasas, e no mundo da composición musical non ía ser menos.

Ante esta situación temos dúas opcións: mirar para outro lado mentres nos lamentamos das inxustízas pasadas e presentes ou asumir que a Historia tamén a facemos nós día a día, e que con pequenos xestos se poden conseguir grandes avances.

No ano 1986 a empresaria alemana Renate Mattei decidiu non mirar para outro lado e fundar Furore Verlag, unha editorial adicada exclusivamente a publicar música e libros de mulleres de distintas épocas. A súa aparición causou un auténtico furor no mundo musical, con claros prexuízos sobre a capacidade das mulleres para compoñer, que se amparaban en que se non tiñan sido publicadas sería porque non estaban cualificadas para facelo. A resposta de Renata Mattei a tal afirmación foi a creación dunha editorial que a día de hoxe conta cun catálogo de 1500 obras de 170 mulleres, que van dende a italiana Francesca Caccini (1587-1640) á taiwanesa Chia Meng Ling (1978-).

Na súa web podemos atopar información sobre as biografías de numerosas compositoras ademais de consultar o seu amplísimo catálogo, que dispón dun buscador por instrumentos e agrupacións moi útil para quen, coma min, descoñeza á maioría destas mulleres e se achegue a elas por primeira vez a través do seu instrumento.

Algúns dos pequenos xestos cos que nós podemos contribuír a debuxar un futuro máis equitativo serían interpretar en público estas obras, incluílas no repertorio dos centros de ensino achegándollas así ao alumnado, programalas en ciclos e festivais…., en fin, cada quen fará o que poida en función das súas posibilidades, co obxectivo de que nuns anos (se cadra bastantes) quen acepte o reto que vos propuxen ao principio non teña grandes dificultades para cubrir ambas columnas.

Belén Ferreiro

Profesora do Cmus de Vigo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *