Martín Codax en Vigo

Entre outubro de 2017 e Marzo de 2018, tivo lugar no Museo do Mar de Galicia en Vigo, a exposición “Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas”. Organizado pola Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, a exposición presentaba por primeira vez fóra das salas da Pierpont Morgan Library de Nova Iorque o manuscrito do século XIII que contén a música de seis das sete cantigas de amigo de Martín Codax.

A historia moderna do manuscrito é bastante coñecida: descuberto polo libreiro Pedro Vindel en 1914, foi vendido ao diplomático e musicólogo español Rafael Mitjana (descubridor do Cancioneiro de Uppsala en 1907) e á morte deste pasou aos seus herdeiros. Tras varias vicisitudes foi adquirido en 1977 pola Pierpont Morgan Library, e ate o descubrimento do pergamiño Sharrer en 1990 (nun estado de conservación moito peor que o Vindel) era a única fonte musical da lírica profana galego-portuguesa.

A exposición estaba articulada en sete seccións, tomando un verso de cada cantiga como punto de partida de cada unha delas. A través de pezas orixinais medievais (fundamentalmente escultura e arte mobiliaria), e varias reproducións facsimilares (cantigas de Alfonso X ou recreacións de instrumentos musicais do Pórtico da Gloria), tentábanse amosar varios aspectos en relación ás cantigas: cultura e espiritualidade; ámbito familiar e cotián; amor sacro e profano… Tamén estaban expostas varias pinturas galegas contemporáneas inspiradas no mar e unha pequena mostra de edicións da poesía neotrobadoresca galega do segundo terzo do século XX. Se a idea orixinal da exposición era moi atractiva, o resultado final era un pouco menos convincente, tal vez pola heteroxeneidade das pezas ou porque o número de obras non era suficiente para encher o ambicioso contido conceptual de cada sección. O certo é que a chegada final ao pergamiño parecía unha etapa máis da exposición, sen chegar a xerar esa sensación especial que unha podería esperar ter por estar diante dun pequeno anaco da historia.

En todo caso a mostra foi todo un éxito de público con máis de 50.000 visitantes. Unha grande cantidade de colexios e institutos da cidade participaron en visitas guiadas (incluíndo o noso conservatorio cunha vintena de alumnas e alumnos de 4º e 5º de grao profesional), e en torno á exposición programáronse unha serie de actividades entre as que cabe destacar un pequeno número de concertos centrados nas cantigas, ben con interpretación historicistas ou como inspiración para grupos “folk”. Tal vez un pequeno festival de música medieval tería sido unha excelente idea nunha cidade que non destaca especialmente pola amplitude nin variedade da súa oferta cultural.

Tras o peche da exposición e quizais polo éxito de público da mesma, produciuse o inevitable intento de aproveitamento institucional da mesma. O Concello de Vigo (que non participara na súa organización nin promovera ningunha actividade complementaria), instou ao Ministerio de Cultura a comprar o pergamiño, mesmo se a Pierpont Morgan Library non parece ter amosado ningunha intención de vendelo, e no caso de facelo seguramente tería un prezo inasequible.

En resumo, unha exposición que serviu para dar a coñecer a unha boa parte da cidadanía a existencia dun extraordinario patrimonio cultural ligado ao nome de Vigo, e que nos gustaría que nunha cidade onde a política cultural é manifestamente mellorable, fora o punto de partida para que as nosas administracións se concienciasen da importancia de fomentar a creación artística. Tal vez deste xeito dentro duns anos ou séculos, podamos estar orgullosas de moitos e diversos “pergamiños vindel”.

Ángela Ferreiro

Profesora do Cmus de Vigo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *