ISTO ÍA SER UN ARTIGO SOBRE ORQUESTRAS DE MULLERES

A pesar de ser unha das directoras de orquestra máis relevantes no panorama musical actual en España, o nome de Isabel López Calzada continúa a ser bastante descoñecido para moita xente. Fai uns meses escoitei unha entrevista que lle fixeron, precisamente para falar sobre as dificultades que atopou tanto na súa formación coma na súa carreira profesional, debido fundamentalmente ao feito de ser muller nun sector aínda extremadamente masculinizado como é a dirección. Foi entón cando falou dun proxecto que iniciou no ano 2004, a orquestra de mulleres da comunidade de Madrid (OSMUM). Eu descoñecía por completo a existencia deste tipo de agrupacións, e nun primeiro momento pregunteime se serían realmente necesarias e por que. En xeral, cando pensamos na discriminación da muller no ámbito da música clásica, tendemos a centralo en dous focos: o pouco peso das compositoras tanto ao longo da historia como na actualidade, e a dirección de orquestra. Pero nunca pensariamos que no eido da interpretación puidese existir algún xeito de discriminación, especialmente porque a miúdo vemos grandes orquestras nas que homes e mulleres comparten escenario.Decidín buscar máis información, e durante as miñas pesquisas descubrín datos do máis interesante. A primeira sorpresa foi saber que as orquestras de mulleres non eran un fenómeno do séc. XXI, senón que apareceran por primeira vez en distintos puntos de Europa e América a finais do XIX. Neste punto pareceume interesante afondar algo máis e escribir un artigo sobre elas, coñecer exactamente os motivos polos que xurdiran, e os que facían que continuasen a existir máis de 100 anos despois. Así que fun buscando as respostas a algunhas preguntas.

Por que?

A primeira pregunta era evidente, que motivos propiciaron a creación de agrupacións formadas exclusivamente por mulleres? A resposta, predecible: non tiñan acceso ás grandes orquestras. Ademais, durante o séc. XIX só algúns instrumentos eran considerados aptos para as mulleres; a arpa, o piano ou a guitarra eran algúns deles, e por varios motivos, coma o volume, a tesitura e a posición en que se tocaban. Era impensable unha muller tocando o cello!! Así que salvo algunha excepción na arpa, as portas das grandes orquestras estaban pechadas para as instrumentistas. Pero non só para elas, as directoras e compositoras sufrían o mesmo rexeitamento, e así creando as súas propias formacións atopaban o espazo perfecto para desenvolver a súa creatividade.

Quen?

Pois mulleres que non se resignaron, que non aceptaron o papel que lles ofrecía a sociedade naquel momento. Persoas de gran talento que querían desenvolver plenamente as súas carreiras artísticas independentemente do seu xénero. Algunhas das impulsoras destes proxectos foron:

Caroline B. Nichols

Violinista e directora, funda en 1888 as “Fadettes of Boston”, que comeza con 6 instrumentistas e chegan a ser 20. Deron arredor de 6000 concertos durante a súa traxectoria, que rematou arredor de 1920.

Mary Wurm

Pianista, alumna de Clara Schumann, e compositora. Foi a impulsora da primeira orquestra de mulleres en Europa, en 1898 en Berlín.

Elisabeth Kuyper

Compositora e directora de orquestra, naceu en Amsterdam en 1877. Foi a primeira muller admitida como alumna no Meisterschule für Komposition con Max Reger, que se converteu no seu mentor. Foi tamén a primeira muller en recibir o Mendelssohn Prize en 1905. O seu compromiso co movemento feminista levouna a fundar en Berlín a “Berlin Women Musician`s Orchestra” en 1910, en Londres a “London Women`s Symphony Orchestra” en 1923, e en Nova Iorque a “American Women´s Symphony Orchestra” en 1924.

Jane Evrard

Nacida en 1893 en Neuilly-Plaisance, violinista e primeira muller francesa directora de orquestra, funda en 1930 a “Orquestra feminina de París”, coa que obtén o recoñecemento non só do público senón tamén da crítica.

Isabel de la Calle

Profesora de piano e directora naquel momento do Conservatorio Femenino, funda en 1932 a “Orquestra femenina de Barcelona”.Foi a única orquestra destas características en España, e contou, entre outras, coa presenza de Alicia de Larrocha como solista. A orquestra interrompeu a súa actividade durante a guerra, e retomouna posteriormente obrigada polo franquismo a cambiar o nome polo de “Orquesta clásica femenina”, e anos despois será coñecida como “Orquesta clásica femenina Isabel de la Calle”. A partir dos anos 60 redúcese significativamente o número de concertos que ofrecen, e desaparecerá definitivamente na década dos 70.

Chegadas a este punto teño que confesar que a miña idea inicial era centrar o artigo precisamente nestas formacións que acabo de mencionar. O problema foi que cando comecei a procurar máis información sobre elas atopei un muro. A pesar de que se coñece a súa existencia os datos nas redes sobre a maioría delas son escasísimos. Un par de liñas na wikipedia ou pequenas mencións en artigos ou entrevistas foi todo o que conseguín. En realidade tampouco debería sorprenderme tanto, non deixa de ser un exemplo máis de como mulleres relevantes ao longo da historia foron apartadas da primeira liña, de xeito que apenas transcendan as súas aportacións, neste caso ao mundo das orquestras. Pero non deixa de ser curioso que nun momento no que pensamos que todo está en internet sexan unha vez máis as mulleres as que permanezan ao marxe.

Descartada a opción de profundar nestas primeiras agrupacións, decidín avanzar no tempo para saber como evolucionou o papel das mulleres nas orquestras ata os nosos días, e comprobar así que obxectivos tiñan iniciativas coma a OSMUM.

Cando comezaron a ser admitidas nas grandes orquestras?

En 1913 a Queen`s Hall Orchestra de Londres, dirixida naquel momento por Sir Henry Wood, contrata a seis mulleres, 4 violinistas e 2 violistas, entre as que se atopaba a recoñecida intérprete e compositora Rebecca Clarke. Pero terán que pasar aínda 17 anos para que as orquestras estadounidenses dean o paso, neste a caso a de Philadelphia baixo a batuta de Stokowski, que contratou á arpista Edna Phillips. A partir deste momento empeza a facerse máis habitual a presenza feminina nestas formacións, pero dun xeito moi lento. Foi o inicio da Segunda Guerra Mundial o que supuxo unha apertura maior en todos aqueles países que participaron no conflito. O acceso ao mundo laboral das mulleres fíxose patente en moitos ámbitos, obviamente por pura necesidade, e a música clásica non foi unha excepción.

Permitídeme agora facer un pequeno paréntese. De todas as orquestras que coñecín durante as miñas pesquisas houbo unha que me sorprendeu especialmente. Non se axusta aos modelos dos que xa falei ou dos que falarei máis adiante, e o único que ten en común con eles é o feito de estar formada exclusivamente por mulleres. Trátase da orquestra formada en abril de 1943 no campo de concentración de Auschwitz. A súa traxectoria foi breve, xa que desapareceu en outubro de 1944, e durante a súa existencia contou con varias directoras, entre elas a neta de Mahler, Alma Rosé. As mulleres que participaron no proxecto tiñan dereito a máis comida, a barracóns limpos, e non eran enviadas á cámara de gas. A cambio, tiñan que “entreter” aos membros das SS e participar en eventos oficiais, coma a recepción de novas presas ou distintas execucións, o cal non deixa de ser bastante macabro. Moitas das superviventes falaron dos horrores alí vividos, pero foi o testemuño de Fania Fénelon o que tivo máis repercusión. O seu libro Playing for Time conta a súa visión do alí acontecido, e foi adaptado ao cine por Arthur Miller. Pero moitas das mulleres protagonistas non comparten esa visión, de aí a publicación posteriormente do libro The truth about Fania Fénelon. E cerro paréntese.

Continuando co proceso de admisión das mulleres nas orquestras sinfónicas, temos necesariamente que falar do impacto que tivo a implantación das audicións cegas. Comezaron a realizarse en Boston no ano 1952, pero foi realmente nos anos 70-80 cando moitas das orquestras norteamericanas as implantaron dun xeito máis habitual. Un estudio publicado no ano 2001 por Cecilia Roose (Princeton) e Claudia Goldin (Harvard) afirma que este tipo de acceso fixo que aumentara a presenza de mulleres ata nun 50%.

Pero paralelamente a estas melloras, as orquestras de mulleres non deixaron de existir. Non vou facer un listado con todas elas, pero si destacar por exemplo a Orquestra de Mulleres de Cleveland. Por un lado, trátase da máis lonxeva das que existen actualmente, xa que foi fundada en 1935 e a día de hoxe continúa a súa actividade. Por outro, e se cadra isto é o máis sorprendente, porque foi fundada por un home! Hyman Schandler, membro da orquestra de Cleveland e profesor de violín, vía como moitas das súas alumnas con talento non atopaban unha saída profesional unha vez rematados os seus estudios. Así, despois de meditalo e consultalo, decidiu crear unha orquestra para elas, e iniciou este proxecto cun grupo de 80 mulleres. Estivo á súa fronte durante 55 anos, ata a súa morte no ano 1990.

Cal é a situación actualmente?

E este é precisamente o punto ao que quería chegar. Todo o exposto ata agora soa a pasado, e a priori calquera pensaría que na actualidade homes e mulleres compiten en igualdade de condicións por unha praza de orquestra. Por iso é interesante un artigo publicado en outubro de 2018 que analiza a porcentaxe de homes e mulleres en 20 das mellores orquestras do mundo. Aínda que é evidente que a presenza feminina aumentou notablemente nos últimos anos, hai datos que continúan chamando a atención. Na corda, sección na que máis se perciben os cambios, as prazas de concertino ou principais permanecen maioritariamente en mans masculinas. Na percusión ou no vento metal a porcentaxe de mulleres é en moitos casos do 0%. Así, por un lado, é evidente que o teito de cristal existe, e por outro, que o prexuízo de que hai certos instrumentos que son masculinos aínda está vixente. Como ben afirmou a cellista Amy Phelps, “Os instrumentos que se identifican coma masculinos son máis sonoros, grandes instrumentos. A nosa sociedade non quere que as mulleres sexamos ruidosas”.

Xa en España, un estudio publicado no ano 2011 pola Junta de Andalucía entre as orquestras máis relevante do noso país, mostra como a porcentaxe media de mulleres era do 32%, o que supón un atraso duns 20 anos con respecto a outros países. E tamén unha diferencia importante con respecto á presenza das mulleres no resto do ámbito laboral, que naquel momento era dun 41,5%.

Vistos os datos, parece obvio que a situación da muller nas orquestras mellorou bastante con respecto ao que acontecía a finais so séc.XIX, pero aínda non estamos nunha situación de igualdade total. Se ben é certo que, a priori, o acceso é máis factible hoxe en día (nalgúns instrumentos), hai moitos aspectos nos que o machismo que impregna a nosa sociedade salpica tamén á música clásica. Para entender un pouco mellor de que estou a falar, aí van algúns exemplos.

Abbie Conant

Esta trombonista conseguiu a praza de 1º trombón na Philarmónica de Munich en 1980, por suposto despois de superar unha audición cega. A pesar de ter demostrado sobradamente o seu nivel interpretativo, o director naquel momento, o misóxino Celibidache, relegouna ao papel de 2º trombón. Ela denunciou esta situación no xulgado, e despois de 11 anos de litixios conseguiu que os tribunais lle desen a razón. Comezou entón o segundo asalto, cando reivindicou a igualdade salarial cos seus compañeiros, e tamén ganou. Pouco despois deixou a orquestra, pero sen dúbida é un referente na loita polos dereitos das mulleres. Convídovos a ler a historia completa, non ten desperdicio!

Elizabeth Rowe

O Washington Post publicou en decembro de 2018 un artigo no que esta frautista, solista da Boston Symphony, denunciaba que cobraba arredor de 70.000 dólares menos ao ano que o oboísta que sentaba ao seu carón. Outra lectura máis que recomendada, xa que trata outros temas relacionados coa discriminación por sexos máis alá do tema salarial.

Regulamento sobre a vestimenta

Se vos digo que me vou referir a un artigo do New York Times no que se fala da prohibición ás mulleres de tocar con pantalóns, na New York Philarmonic, posiblemente pensaredes que foi rescatado da hemeroteca, e publicado nos anos 70 ou 80. Pero non, trátase dunha publicación de xuño de 2018, e aínda que é certo que non ocorre na maioría das orquestras, non deixa de ser curioso que pase nunha das máis importantes, a decana das estadounidenses. Se cadra a situación xa cambiou, ou estará a punto de facelo, xa que o artigo saíu á luz precisamente polas protestas das mulleres que integran a formación. Pero non deixa de ser un dato a ter en conta.

Orquestra Filármonica de Viena

Para ser honesta debo confesar que pretendía resolver este apartado cun simple “sen comentarios”, pensando que en xeral todo o mundo coñece a actitude machista e racista que impregna a esta orquestra,e porque me incomoda bastante ter que escribir sobre ela. Creo que algúns datos axudarán a que entendades de onde ven esa incomodidade.

Unha das súas grandes xestas foi ser a última orquestra en todo o mundo en admitir mulleres. A afortunada foi a arpista Anna Lelkes no ano 1997. Despois de 26 anos tocando na orquestra conseguiu ser membro de pleno dereito. Pero este cambio de actitude foi o resultado dunha presión internacional brutal, con boicots en concertos nos Estados Unidos, e críticas pola súa misoxinia que chegaban de todas partes. Tiveron que recapacitar, pero hai que dicir que a día de hoxe só hai 16 mulleres, sendo así unha das formacións con menos presenza feminina en todo o mundo.

Non só as mulleres, a discriminación afecta tamén a persoas de outras razas, que poden danar a imaxe da orquestra. Eles defenden que é unha cuestión de alma. Eu daríalle outro nome.

Sendo como é a protagonista absoluta do inicio do ano, nun concerto que se retransmite en todo o mundo, hai que lembrar que este aclamado concerto foi unha idea do coñecido ministro nazi Joseph Goebbels, en homenaxe ao estado alemán.

E aínda que podería seguir, convídovos a ler un interesantísimo artigo de William Osborne, que aporta unha cuestión máis a ter en conta: a maternidade. Neste caso fala da orquestra de Viena, e de como este tema se utilizou para xustificar a ausencia de mulleres, argumentando que despois de ter fillos as súas habilidades se vían claramente mermadas. O máis curioso é que cando comezaron a considerar a opción de admitir mulleres, pretendían obrigalas a repetir as probas de acceso se tiñan fillos, posiblemente convencidos de que non conseguirían acadar novamente as súas prazas.

Despois de todo isto, eu persoalmente considero que si ten sentido a existencia de orquestras integradas unicamente por mulleres. Non só polas oportunidades que ofrecen a instrumentistas, compositoras e directoras, senón tamén como plataforma de denuncia ás inxustizas, máis ou menos visibles, que continúan existindo no mundo das orquestras sinfónicas.

Finalmente non sei se me saíu un artigo sobre orquestras de mulleres, sobre mulleres nas orquestras, ou sobre o machismo na música clásica. O que si sei é que aínda queda moito por facer para conseguir unha sociedade que ofreza as mesmas oportunidades a homes e mulleres, e que para que iso pase é preciso ser conscientes das tarefas que aínda temos pendentes.

Belén Ferreiro

Profesora do Cmus de Vigo

Referencias

Abelson Macleod, B. (2001). Women Performing Music. [en liña] Google Books.  North Carolina: McFarland & Company. Dispoñible en: https://books.google.es/books?id=e4XvqUQ_21IC&pg=PA9&lpg=PA9&dq=%27Whence+Comes+the+Lady+Tympanist?%27+Gender+and+Instrumental+Musicians+in+America&source=bl&ots=1nT_B5980q&sig=ACfU3U3xaDzIxPQyAczsmt5LD6neBwtlAw&hl=gl&sa=X&ved=2ahUKEwjyide90dzgAhUE1xoKHQniBG8Q6AEwB3oECAIQAQ#v=onepage&q=’Whence%20Comes%20the%20Lady%20Tympanist%3F’%20Gender%20and%20Instrumental%20Musicians%20in%20America&f=false [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Bergauer, A. (2016). All She Wrote.  [en liña] Medium. Dispoñible en: https://medium.com/@AubreyBergauer/all-she-wrote-ea716ab86234 [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Buja, M. (2019). The Forgotten History of the Women’s Orchestra. [en liña] Interlude.hk. Dispoñible en: http://www.interlude.hk/front/playing-together-womens-orchestras-women-orchestras/ [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Catalunyamusica. (2016). Orquestra Femenina de Barcelona, la més femenina i singular. [en liña] Femení i Singulars. Dispoñible en: https://femenisingulars.wordpress.com/2012/10/23/orquestra-femenina-de-barcelona-la-mes-femenina-i-singular/ [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Colaboradores da Wikipedia (2019a). Elisabeth Kuyper. [en liña] Wikipedia. Dispoñible en: https://en.wikipedia.org/wiki/Elisabeth_Kuyper [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Colaboradores da Wikipedia (2019b). Fadettes of Boston. [en liña] Wikipedia. Dispoñible en: https://en.wikipedia.org/wiki/Fadettes_of_Boston [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Colaboradores da Wikipedia (2019c). Jane Evrard. [en liña] Wikipedia. Dispoñible en: https://fr.wikipedia.org/wiki/Jane_Evrard [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Connant, A. (1998). The Status of Women In German Orchestras: A Report Based on Practical Experience. [en liña] Osborne-conant.org. Dispoñible en: http://www.osborne-conant.org/status.htm [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Cooper, M. (2018). Women of the Philharmonic Can Play It All. Just Not in Pants. The New York Times [en liña] 14 de Xuño. Dispoñible en: https://www.nytimes.com/2018/06/14/arts/music/new-york-philharmonic-women-dress-code.html [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Edgers, G. (2018). A star flutist has sued the Boston Symphony Orchestra. Her case could change how orchestras pay men and women. The Washington Post. [en liña] 11 de Decembro. Dispoñible en: https://www.washingtonpost.com/graphics/2018/entertainment/music/orchestra-gender-pay-gap/?noredirect=on&utm_term=.203b0ec3f01b [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Esicheid, S. (2016). The Truth about Fania Fénelon and the Women’s Orchestra of Auschwitz-Birkenau. [en liña] Google Books. Suiza: Palgrave Macmillan. Dispoñible en: https://books.google.es/books?id=KwKPDAAAQBAJ&pg=PA18&lpg=PA18&dq=european+women+orchestra&source=bl&ots=h7m0a_KFY4&sig=ACfU3U2TRE4HDzxvsaTLH_1BQgUh7Lx-EA&hl=es&sa=X&ved=0ahUKEwifgMmdoujgAhVLnRoKHb6AAAc4ChDoAQguMAY#v=onepage&q=european%20women%20orchestra&f=false [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Goldin, C., & Rouse, C. (1997). Orchestrating Impartiality: The Impact of “Blind” Auditions on Female Musicians [en liña]. National Bureau of Economic Research Working Paper Series. Dispoñible en: https://www.nber.org/papers/w5903 [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Himmelbauer, R. (2005). Der Anteil an Frauen in europäischen und US-amerikanischen Orchestern (The Representation of Women in European and American Orchestras). [en liña] Osborne-conant.org. Dispoñible en: http://www.osborne-conant.org/orchestras.htm [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Lerner, E. D. (2019). Musicologist Ellen D. Lerner Interviews Rebecca Clarke, 1978 and 1979. A Rebecca Clarke Reader. [en liña] Dispoñible en: https://books.google.es/books?id=tDSKJ4FREnoC&pg=PA215&lpg=PA215&dq=first+women+queens+hall+orchestra+london&source=bl&ots=yvSbFQx5tC&sig=ACfU3U2Ne50JkwTpYqXKZwPckG_aw4bz9w&hl=es&sa=X&ved=0ahUKEwj- 5Kng4OvgAhWKmBQKHdDqBzgQ6AEIUzAM#v=onepage&q=first%20women%20queens%20hall%20orchestra%20london&f=false [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Maddy Shaw Roberts. (2018). When were women first allowed to join the orchestra?. [en liña] Classic FM. Dispoñible en: https://www.classicfm.com/discover-music/when-did-women-join-orchestras/ [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Nameit. (2011). La parte más femenina de la orquesta. [en liña] Orquestamedicos.blogspot.com. Dispoñible en: http://orquestamedicos.blogspot.com/2011/02/la-parte-mas-femenina-de-la-orquesta.html [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Nichols, C. B. (1904). The Fadettes Womans Orchestra of Boston  [en liña} Traveling Culture – Circuit Chautauqua in the Twentieth Century. Uiowa.edu.Dispoñible en: http://digital.lib.uiowa.edu/cdm/ref/collection/tc/id/50202 [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Osborne, W. (1994). “You Sound Like A Ladies Orchestra”. A Case History of Sexism Against Abbie Conant In the Munich Philharmonic. [en liña]Osborne-conant.org. Dispoñible en: http://www.osborne-conant.org/ladies.htm [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Osborne, W. (1996). Art Is Just an Excuse: Gender Bias In International Orchestras. [en liña] Osborne-conant.org. Dispoñible en: http://www.osborne-conant.org/excuse.htm [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Osborne, W. (1997). A Difficult Birth: Re-auditioning after Maternity Leave In the Vienna Philharmonic. [en liña] Osborne-conant.org. Dispoñible en: http://www.osborne-conant.org/birth.htm [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Poulet, M. (2019). Biographie de Jane EVRARD. [en liña] Christianpoulet.com.Dispoñible en: http://www.christianpoulet.com/Mafamillemusicienne/jane.htm [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Setuain, M., & Noya, J. (2010). Genero sinfonico. La participacion de las mujeres en las orquestas profesionales españolas. [en liña] Dispoñible en: https://www.juntadeandalucia.es/haciendayadministracionpublica/planif_presup/genero/documentacion/Informe_MUSYCA_02-2010_Setuain-Noya_Genero_Sinfonico.pdf [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Staley, O., & Shendruk, A. (2018). Here’s what the stark gender disparity among top orchestra musicians looks like. [en liña] Quartz at Work. Dispoñible en: https://qz.com/work/1393078/orchestras/ [Consultado o 20 de Maio de 2019]

The Cleveland Women’s Orchestra. (2018). The Cleveland Women’s Orchestra. [en liña] The Cleveland Women’s Orchestra. Dispoñible en: http://www.clevelandwomensorchestra.org/ [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Theros, X. (2013). El Conservatorio de la Infanta. [en liña] EL PAÍS. Dispoñible en:https://elpais.com/ccaa/2013/08/21/catalunya/1377106737_970452.html [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Women’s Philharmonic Advocacy. (2019). [en liña] Women’s Philharmonic Advocacy. Dispoñible en: https://wophil.org/?doing_wp_cron=1551721372.8468821048736572265625 [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Womensphil. (2012). A Leap Across The Bar Lines Part I [Arquivo de video]. Youtube. Dispoñible en: https://www.youtube.com/watch?v=AO82E8JPgPU&feature=youtu.be [Consultado o 20 de Maio de 2019]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *