NA ORELLA DE TODOS

Existe na tradición musical popular galega un conxunto de pezas coñecido por todos? Cales son? Non é tarefa sinxela dar resposta concreta a estas preguntas; a música segue as modas que os propios intérpretes crean, retómanse vellos pasodobres ou compóñense novas muiñeiras, polo que topar unha melodía do século pasado que permaneza no repertorio actual pode levar a unha intensa búsqueda. Procurando resolver esta dúbida, cincuenta alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Vigo participaron nun estudo, o cal consistía nunha única pregunta: podes mencionar tres cancións ou melodías do repertorio tradicional popular que creas que todo galego coñece? A resposta foi practicamente unánime, todos os suxeitos do estudo nomearon “A Rianxeira”, corenta e sete “A saia da Carolina” e trinta e nove “O pousa, pousa”. Agora cabe plantexarse as seguinte pregunta: que teñen en común todas estas pezas para que vivan na orella de todos os galegos?

“A Rianxeira”, ou “Ondiñas da nosa ría” como se lle chamou nun primeiro momento, nace en Bos Aires, Arxentina, sendo unha composición de Xesús Frieiro e Anxo Román para o Coro Castelao. Foi interpretada por primeira vez en 1947, ca chegada de Castelao a Bos Aires, un acto multitudinario no que a peza tivo unha moi boa acollida, tanto gustou que foi gravada nese mesmo ano polo Coro Castelao (Bernárdez 2013a) . A través dos emigrados esta gravación chegou a Rianxo , vila natal de Castelao, onde tivo tamén unha boa aceptación por parte do pobo. Nos anos cincuenta e sesenta a peza da o seu salto as masas grazas a artistas con gran repercusión que a incluíron nos seus concertos, por exemplo, Pepe Domingo Castaño, María Ostiz ou Ana Kiro que xunto cas agrupacións instrumentais e corais, as cales elaboraban versións ou variacións sobre o tema, lograron establecer “A Rianxeira” como unha peza que, dunha ou doutra forma, todo galego coñece.

“A Carolina” ou “A saia da Carolina” é unha peza de orixe descoñecido, que se atopa ligada ós territorios que no seu momento formaron o Reino de Galicia: o centro e norte de Portugal, Asturias e Galicia (Mateos 2016). A primeira gravación da peza realizouna o grupo Fuxan os Ventos, en 1978, recolléndoa no álbum “Sementeira”. Os integrantes da agrupación aclaran que dita gravación consiste nunha mistura de diferentes coplas da Carolina recollidas o longo do país, as cales son acompañadas pola melodía tradicional, formando así unha versión propia da peza. Volven ter aquí un papel fundamental as agrupacións, músicos ou cantantes destacados como Augamar, José Marentes, Xistra de Coruxo ou Luar na Lubre, que conseguen establecer “A Carolina” como unha peza emblemática dentro do repertorio.

Se existe unha canción de taberna por excelencia é sen dubida “O pousa, pousa”. Foi gravada polo grupo “A Roda” no ano 77, pero non é de composición propia: confesa un dos integrantes (Bernárdez 2013c) que a peza lles chegou no ano 75 a través do crego de Moraña. A pesar disto, foi este grupo vigués quen conseguiu establecer o xerme de tan popular peza, dando pé a que cada un inventase cadansúa copla, a cada cal máis subida de ton.

Queda claro que “boom” destas pezas coincidiu co momento no que foron gravadas, pero a súa continuidade ata a actualidade foi determinada por distintos factores. Un destes factores, por exemplo, é o emprego de “A Rianxeira” e “A Carolina” como unidades didácticas musicais, é dicir, os profesores empregan estas dúas pezas na aprendizaxe da frauta doce. Outro factor clave é o fútbol galego, os aficionados do Celta e do Deportivo tomaron “A Rianxeira” practicamente como un himno, soando en vitorias e conquistas de títulos o longo das tempadas en primeira e segunda división (Durán 2001). Quizás o factor que realmente permitiu a supervivencia destas pezas foi a súa presenza en ambientes festivos, pois non había orquestra ou grupo, sen importar o “caché”, que non interpretase durante a verbena un destes clásicos. Isto acabou por converterse nun condicionante, tanto para o público como para os músicos: se se quere tocar en festas será necesario tocar o repertorio que a xente quere escoitar; por outra banda, a xente quere escoitar aquel repertorio que se escoita en todas as festas, pois pode cantalo e bailalo con soltura, producindo así un círculo vicioso.

Explicada de breve forma a orixe e a continuidade destas tres pezas, é necesario indagar nos aspectos que comparten. Todas elas teñen ritmos sinxelos, representativos da tradición musical popular galega, moi claros e recoñecibles: un valse, un pasodobre e unha muiñeira, respectivamente. Tamén as tres teñen letra, polo que, a parte de ser interpretadas por músicos, poden ser cantadas, facilitando ou facendo posible o aprendizaxe destes temas ás persoas que non dominan ningún instrumento musical. Cabe facer unha importante distinción: “A Rianxeira” ten unha letra única, con pequenas variantes segundo a zona xeográfica na que se interprete; pola contra, “A Carolina” e “O pousa, pousa” teñen infinidade de coplas distintas, que foron xurdindo mediante a improvisación, o que leva a que a sociedade identifique como propia a creación destes temas.

A clave do éxito destes tres temas radica no feito de que foron expostos á xente en dous momentos clave da cultura galega como foron a chegada de Castelao a Bos Aires e as mobilizacións ligadas ó estatuto de autonomía do 78; dúas situación nas que se buscaba reivindicar a identidade propia dos galegos. Se se suma este factor ao feito de que as pezas son introducidas ao público da man de grupos dun alto renome, non cabía esperar outra cousa que non fose un rotundo éxito atemporal.

Adrián Fernández

Alumno de 6º de Grao Profesional

Referencias

BERNÁRDEZ, S. (2013a) No bico un cantar. [en liña]. CRTVG. [Consultado o 9 de Maio de 2019]. Dispoñible en: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-carolina.

BERNÁRDEZ, S. (2013b) No bico un cantar. [en liña]. CRTVG. [Consultado o 9 de Maio de 2019]. Dispoñible en: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-rianxeira.

BERNÁRDEZ, S. (2013c) No bico un cantar. [en liña]. CRTVG. [Consultado o 9 de Maio de 2019]. Dispoñible en: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/pousa-pousa.

COLABORADORES DE GALIPEDIA (2007) A Rianxeira. Wikipedia.org [en liña]. [Consultado o 9 de Maio de 2019]. Dispoñible en: https://gl.wikipedia.org/wiki/A_Rianxeira.

COLABORADORES DE GALIPEDIA (2015) A Carolina. Wikipedia.org [en liña]. [Consultado o 9 de Maio de 2019]. Dispoñible en: https://gl.wikipedia.org/wiki/A_Carolina.

DURÁN, J.A. (2001) Tribuna | A Rianxeira, un himno compartido. EL PAÍS [en liña]. [Consultado o 9 de Maio de 2019]. Dispoñible en: https://elpais.com/diario/2001/09/30/deportes/1001800811_850215.html.

ESTÉVEZ VILA, X. (2008) As gravacións da música galega (1975-2000) : 500 horas de música, 500 artistas e grupos, 10.000 temas. Lugo: Tristram ; [Santiago De Compostela]:Agadic.

MATEOS, M. (2016) A Saia da Carolina ten un lagarto pintado | Música folk. Música folk [en liña]. [Consultado o 9 de Maio de 2019]. Dispoñible en: https://www.musicafolk.es/a-saia-da-carolina-ten-un-lagarto-pintado/.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *