Romance Oubliée
Tabea Zimmermann, viola e
Thomas Hoppe, piano, Myrios classics (MYR 014), 2014
Tabea Zimmermann, unha das violistas máis destacables do noso tempo, e o pianista Thomas Hoppe achégannos un programa moi interesante. Neste álbum composto íntegramente por pezas románticas, a gran maioría orixinais para a viola, podemos atopar dende pezas tan coñecidas como as Elexías de Alexander Glazunov ou a de Henri Vieuxtemps, ata pezas non tan populares como Deux piéces: Le Soir et Legénde, de Louis Vierne.
Na maioría das pezas podemos escoitar o ton melancólico da viola, pero o que máis destaca é a calidade coa que todas as pezas son interpretadas. Pese á existencia dun fío condutor entre as obras, que neste caso é o estilo, podemos apreciar perfectamente o contraste entre unhas e outras debido á excelente execución por parte de tanto Zimmermann como Hoppe. Un exemplo disto é Album Leaves, de Hans Sitt, peza na cal todos os movementos teñen unha personalidade propia.
A tristeza reflictida nas dúas Elexías contrasta coa vitalidade que presenta Aucassin et Nicolette de Fritz Kreisler, tamén compositor da Romanza que atopamos neste álbum, que pese a ser orixinal para o violín, Zimmermann executa brillantemente, tendo especialmente en conta os agudos do rexistro extremo da viola. Pezas como Rêverie de Henryk Wienawsky, Romance Oubliée de Franz Liszt, orixinalmente composta para piano e máis tardíamente arranxada para a viola polo mesmo compositor, e o Adagio de Zoltán Kodály aportan aínda máis sensibilidade ó álbum.
Tanto a elección do programa coma a interpretación das mesmas obras fan deste disco unha oportunidade perfecta para disfrutar do son da viola e coñecer diferentes obras compostas para a mesma.
Lucía Molina
Alumna de 5º de GP