COMANCHERIA (Hell or high water)
Director: David Mackenzie // Reparto: Jeff Bridges, Chris Pine, Ben Foster // Música:
Nick Cave, Warren Ellis
USA 2016
Comanchería (“Hell or high water”, pase o que pase ou contra vento e marea) é unha película dirixida por David Mackenzie, estreada en España a última semana de Decembro de 2016. A película foi nominada a catro Oscars, entre os que se atopaba o de mellor película.
A historia sucede no oeste de Texas, no deserto de Chihuahua, onde dous irmáns son informados de que a casa e os terreos da granxa da súa nai van a ser embargados polo Texas Midland Bank. É por isto que o protagonista Toby Howard (Chris Pine) e o seu ex convicto irmán Tanner (Ben Foster) deciden facer pequenos atracos a diferentes sucursais do banco no que súa nai tiña a casa hipotecada. Ó longo da película os dous protagonistas rememoran momentos do seu pasado a medida que se van sucedendo os atracos ós bancos. Conforme avanza a trama vaise mostrando a verdadeira personalidade dos protagonistas, e descubrimos que Toby só rouba pola necesidade que sinte, e porque percibe que o banco se aproveitou da súa nai, mentres que Tanner demostra que isto é o único que sabe facer, e que o cárcere lle obrigou a aprender a tomar medidas drásticas e decisións rápidas.
A banda sonora da película está formada por diferentes cancións, as instrumentais compostas por Nick Cave e Warren Ellis teñen unha sonoridade moi contundente e que afianza o que se nos está a amosar na pantalla. A pesares de que a maioría da película non conta con música de fondo (o que fai que o ambiente sexa peculiar) e son normalmente os ruídos os que xeran a atmosfera que envolve a película, nos momentos nos que esta aparece resalta notablemente a situación da escena. Poderíamos polo tanto catalogar en moitos casos esta banda sonora como banda sonora empática.
Noutros momentos Nick Cave e Warren Ellis recorren a composicións de autores country coma Townes Van Zandt, Scott H. Biram ou Chris Stapleton, que en practicamente todo momento nos transporta ó corazón dos Estados Unidos coa súa sonoridade tan característica. É por este tipo de características que a película é considerada por algúns coma un western policíaco ou un neo-western. As letras das canción teñen na maioría dos casos relación co que está a suceder na pantalla (na versión en español aparecen subtítulos na pantalla para poder seguir o significado da letra sen complicación). Nun momento do filme isto faise calaramente patente. Nunha escena aparecen os dous protagonistas sentados no xardín da granxa e comezan a xogar coma se se tratase dos dous nenos que eran hai non tanto tempo, á vez que soa unha canción de Waylon Jennings que empeza dicindo “Hai moito tempo e moi lonxe, cando eu estaba nos meus zapatos de traballar”, e desenvolve unha historia chea de amor fraternal e de nostalxia polos tempos pasados, que fai que unha escena simple se transforme nunha critica á situación que estes dous irmáns se ven obrigados a vivir por culpa dos abusos que as grandes empresas fan sobre os pequenos empresarios (neste caso granxeiros) e sobre os enfermos necesitados (a nai morta dos nosos protagonistas).
Xa cara o final, á hora de pechar a película e mostrar os créditos comeza a soar unha canción de Chris Stapleton, “Outlaw State of mind” na que se lle fai un giño ao irmán por que el é o que é, e non vai renunciar á súa realidade só porque ós demais non lles pareza adecuado, que ven sendo o significado de fondo na canción final.
En xeral a elección da banda sonora pareceume adecuada xa que axuda a darlle máis personalidade á película sen chegar a ser excesiva, de feito nalgún momento poderíase ter engadido algo máis de música para xerar ambientes máis tensos (quizais no tiroteo que hai cara o final), aínda que quizais esta opinión estea influenciada polo exceso de efectos sonoros que moitas películas presentan ultimamente, especialmente nas escenas de acción.
Marco A. Gómez
Alumno de 6º de G.P. do Cmus Vigo