AIRAS ENSEMBLE
Julia Estévez, frauta; Roberto Baltar, óboe; Beatriz López, clarinete; Alfredo Varela, trompa; Santiago López, fagot
Obras de Poulenc, Jolivet, Bal y Gay e Milhaud
Columna Música, 2017
Decorre o ano 2011 cando un grupo de músicos que ven a súas carreiras enlazarse constantemente decide iniciar o proxecto conxunto do Airas Ensemble. Este nace coa formación tradicional do quinteto de ventos con Julia Estévez á frauta, Roberto Baltar ao óboe, Beatriz López ao clarinete, Alfredo Varela á trompa e Santiago López como fagotista. Pero o Ensemble non se conforma e decide xogar coa súa formación orixinal, creando tríos, duetos ou incluso traballando con colaboradores como a pianista Haruna Takebe neste primeiro disco.
O quinteto comeza a gravar o seu debut discográfico no ano 2013 no Auditorio de Galicia baixo a supervisión do técnico de son Pablo Barreiro, continuando ata o pasado 2016. O repertorio céntrase en compositores franceses do século XX exceptuando ao galego Jesús Bal y Gay. As obras escollidas van dende aquelas que encantan aos ouvidos máis afeccionados e adestrados como a Sonatina para frauta e clarinete de André Jolivet ata as que poderían engaiolar ao gran público menos experto como o Sexteto para ventos e piano de Francis Poulenc. Sen dúbida, aínda que poida parecelo nunha primeira ollada, unha grande e variada selección.
Un dos grandes reclamos deste primeiro disco é o Divertimento para cuarteto de madeiras do compositor galego Jesús Bal y Gay, xa que se trata da primeira gravación mundial da obra. Como os propios músicos expresaron en distintas ocasións, a recuperación e difusión desta música tan inxustamente esquecida é dunha importancia igual á excelente calidade da mesma.
Airas Ensemble pon sobre a mesa con este lanzamento a súa coherente e comedida interpretación coa que gañou tantas boas críticas e louvanzas. Evitan alardes esaxerados pero sen caer nunca nunha versión pesada ou plana. O quinteto presenta un son conxunto compensado e unificado adornado de pinceladas na forma de excelentes intervencións nas que cada un dos músicos ten oportunidade de mostrar as súas calidades como solista.
Non hai escusa posible para non dedicarlle un momento das nosas vidas a escoitar de arriba a abaixo este primeiro álbum do quinteto. Cun repertorio interesante no que o conxunto fai mostra da súa capacidade de adaptar e facer seus os distintos estilos e atmó sferas nunha gravación realmente pulida. Por unha vez haberá que por atención á crítica da prensa especializada e comprobar por nos mesmos que este primeiro disco é un a ter en conta.
Uxía Goberna
Alumna de 6º de G. P. do Cmus Vigo