VIGO UNDERGROUND

Panorama das organizacións culturais e musicais alternativas de Vigo

Este artigo busca mostrar e dar recoñecemento á xente que se adica a producir e crear contido cultural nunha cidade como Vigo. Dende simples bolos ata pequenos festivais con interese por traer bandas de fóra e crear lazos artísticos co resto de España e mesmo países europeos. Este conxunto de organizacións e bandas aportan moito á arte undergound en Galicia, polo que merecen ser dados a coñecer, en parte debido ao moito traballo e esforzo que hai detrás e en parte para amosar o resultado: un mundo creativo feito por xente nova con ganas de encher Galicia de arte.

Grupos

Preguntando a Tania Prieto (guitarra e voz de Cheap Lipstick​) como e por que formaron o grupo:

“Amanda e mais eu eramos colegas do insti e queríamos facer música. A ambas gustábanos ir a concis (de peña de Vigo en xeral) e queríamos facer o mesmo, bailotear e pasalo ben. Hai moita escena en Vigo”.

Cheap Lipstick defínese como “Garaxe con algo de punk máis cousas bonitas”, e é un claro exemplo do que se quere impulsar en Vigo. Un dúo de guitarra e batería que está gañando experiencia nos escenarios, participou en eventos tales como o festival Nas Verzas organizado polo grupo ​85C ​(do que se falará máis adiante) e sobre todo en bolos en colaboración con outros grupos novos da zona, como por exemplo ​Malboro Tigers​.

Roi López (guitarrista de ​Malboro Tigers​):

“Todos queríamos facer música e ver ata onde podemos chegar, non nos gusta etiquetarnos para non nos recluír só a un estilo, pero o son que facemos podería describirse como indie/punk/rock psicodélico. Buscamos moitas variacións do estilo xa que todos estamos influenciados por diferentes correntes, pero á hora de compoñer guiámonos bastante pola música de finais dos 90 e comezos dos 2000, tipo post-punk revival (véxase Favourite Worst Nightmare​ dos ​Arctic Monkeys​)”.

Falando sobre a organización de bolos, comenta:

“Cada vez hai un abano máis grande de grupos cos que tocar e organizarse en Vigo. É algo que mola bastante, tocar con grupos de diferentes estilos, coñecer xente nova e aprender uns dos outros”.

Outro grupo non tan novo coma os anteriores, ​Lamprea Explosiva​, ten moito que contar. Dende 2014 Adán (guitarra e voz) e Alén (batería e coros) teñen varios proxectos montados (disponibles en Bandcamp), sendo ​Cancións pra matar ao teu fascismo interior bailando o seu último proxecto, e tamén forman ​Caracol Negro (colectivo de organización de bolos e eventos). Adán cóntanos un pouco da traxectoria do grupo:

“Lamprea fixémolo en 2014 como evolución dunha banda que tiñamos antes. A idea inicial era facer un grupo de punk que puidese soar a garaxe e a hardcore punk ao mesmo tempo. Naquela época escoitábamos moito hardcore clásico tipo ​Minor Threat​, ​Ill Repute​, ​Jerrys Kids​… punk anarquista inglés (​Crass​, ​Flux of Pink Indians​…) tamén moito garaxe estilo Ty Segall ou Black Lips​, e intentabamos tomar influenza de todo iso. Tamén escoitabamos moito a Terbutalina​, a ​Terremoto Sí​, e sobre todo aos ​Srasrara​. O asunto de formar unha banda de guitarra e batería foi unha influencia directísima dos Srasrsra.

Actualmente o estilo de lamprea segue fluindo á par dos nosos gustos persoais”.

Un dos grupos máis coñecidos de Vigo é Kings of the Beach​. A banda naceu en Vigo no verán de 2013 e está formada por Adrián Rodríguez (guitarra, voz), Yago Guirado (baixo, voz) e Samuel Otero (batería). A principios de 2015 publicaron a súa primeira demo, “Badass​”​, que deixou unha forte pegada na sempre prolífica escena galega. Un ano despois, en febreiro de 2016, lanzaron o seu primeiro EP, “​Bat Pussy​, obtendo repercusións nacionais e internacionais e facendo unha boa impresión nos medios como ​Rne3​ ou Mondosonoro​, entre outros.

O son de ​KOTB​ pode definirse como salvaxe, de praia e rápido, como unha labazada na cara. Comparado con ​Together Pangea​, ​Jacuzzi Boys​ ou o mesmo FIDLAR​, ofrecen “unha vida rápida, con suor e moitos anfitrións”. Participaron en importantes festivais (​SXSW​, ​Atlantic Fest​, ​O Marisquiño​), foron finalistas do ​30º Concurso Internacional de Bandas de Vila de Bilbao​ na categoría Pop/Rock e compartiron escenario con grupos nacionais e internacionais como The Gories​, ​Sexy Zebras​, White Fang​ e ​Metz​. (Entrevista de A. Leyenda no Faro de Vigo).

Colectivos

Estamos nun momento en Vigo no que se está a desenvolver un boom de organizacións, colectivos e grupos de persoas que están responsabilizándose de promover a estas bandas novas e de xerar lazos tanto profesionais como sentimentais con grupos de fóra. É un traballo moi duro pero cuxos resultados son altamente satisfactorios.

Alén, batería de ​Lamprea Explosiva​, ​Bazongo​, ​Zurraspa​… e un dos integrantes de Caracol Negro conta:

“O que buscamos en Vigo é que xente moza anímese a facer moita música e pasalo ben, temos moitas ganas de ampliar a escena musical local e a xente moza é a máis axeitada para levar estes proxectos adiante”.

Caracol Negro formouse co fin de facer moitos eventos para pasalo ben, onde os beneficios obtidos van 100% para as bandas que tocan. Fan pequenos bolos convidando a grupos de toda España como No Fucks ​(Madrid), Césped de Verdad (Valencia), etc. e mesmo grupos de Francia, Suecia… onde se crea un ambiente moi agradable e respectuoso, co único obxectivo de facer arte e poder mostralo. Tamén suben proxectos de diferentes grupos a ​Bandcamp​.

Un colectivo feminista bastante activo ultimamente é o ​85C​:

​85C é un proxecto creado para que toda persoa que o desexe poida sentir a maxia a través da arte dunhas mulleres que xa non choran para mamar, non saben de axeonllarse e non queren vivir máis na submisión que alguén un día lles quixo impoñer”.​

“O que nos levou a materializar a nosa idea neste Festival foi o feito de convivir durante anos nunha sociedade na que ser mulleres e artistas aínda é algo que molesta e é posto en dúbida. Precisamos renomear a realidade e crear ambientes nos que se nos respecte como creadoras e profesionais. Dos centos de proxectos que existen na cidade, o que diferenza realmente a 85C é que buscamos un cambio na percepción do público a través dos espectáculos”.​

Outro colectivo que organiza eventos e tamén produce temas é ​Caput​, unha pequena organización formada polos integrantes de ​Kings of the Beach​, que sobre todo destaca no seu evento chamado Macaulay Party, unha festa onde hai varios bolos e logo hai un dj set. Xa van pola terceira. ​Caput tamén produce e comparte temas como por exemplo de Dientes Feos​, grupo recentemente creado.

Locais

Os locais máis utilizados polos colectivos anteriores están sobre todo na zona de Churruca, como por exemplo a sala ​Kominsky​, ​La Iguana​, a sala Doppler​, etc. A Kominsky​ deixa a sala gratis a cargo da banda ou organizadores para que monten o evento con total liberdade, traballando os donos na barra, é dicir, só obtén beneficio polas consumicións, xa que este tipo de proxectos non buscan remuneración. O único beneficio obtido é mediante entradas e o 100% vai ás bandas.

Tamén hai un local en Pontevedra, o ​Liceo Mutante​, que colabora moitísimo cos grupos vigueses e de arredores.

“O Liceo Mutante​ é un espazo autoxestionado dende 2011 polas socias que decidan participar nel, sen retribucións económicas e de xeito asembleario, constituído en forma de asociación cultural. Este espazo serve para que as socias que participan nel leven a cabo as actividades que desexen realizar, entre elas a maioritaria é a xestión e organización de concertos, aínda que se desenvolven máis actividades como sesións de cinema, teatro, baile, xornadas de autoedición, etc. Para tales actividades a organización divídese en comisións, órganos no que certa parte das persoas do espazo deciden xestionar unha actividade. Neste contexto temos diversas comisións como a comisión de concertos, a comisión de teatro, comisión de xardín (arranxar o xardín e coidar a horta), comisión de cociña (para as ceas das diversas actividades do liceo), comisión de artes plásticas, comisión de cine e comisión de actividades (para actividades puntuais e as clases de baile). O Liceo conta cunha sala para actividades con barra, xardín, sala de ensaio, sala de gravacións DIY, piso con habitacións para as bandas, cociña, taller de serigrafía (actualmente en desuso), e unha sala de revelados actualmente en construcción”.

Conta Jose Solla, pertencente ao liceo.

Clarisa Pereira

Alumna de 6º de Grao Profesional

Referencias

85C (2018). Voluntariado 2018. [en liña] Asociación 85C. Dispoñible en: https://asociacion85c.wordpress.com/2018/07/30/voluntariado-2018/ [Consultado o 10 de Maio de 2019].

85C (2018). Our Story. [en liña] Facebook. Dispoñible en: https://www.facebook.com/unsupportedbrowser [Consultado o 10 de Maio de 2019].

Caracol Negro (2019). Caracol Negro. [en liña] Bandcamp. Dispoñible en: https://caracolnegro.bandcamp.com/ [Consultado o 10 de Maio de 2019].

Kings Of The Beach (2013). Our Story. [en liña] Facebook.com. Dispoñible en: https://www.facebook.com/kingsofthebeachvigo [Consultado o 10 de Maio de 2019].

Kings Of The Beach (2019a). BADASS (EP), por Kings Of The Beach. [en liña] Bandcamp. Dispoñible en: https://kingsofthebeach.bandcamp.com/album/badass-ep [Consultado o 10 de Maio de 2019].

Kings Of The Beach (2019b). BAT PUSSY (EP), por Kings Of The Beach. [en liña] Bandcamp. Dispoñible en: https://kingsofthebeach.bandcamp.com/album/bat-pussy-ep [Consultado o 10 de Maio de 2019].

Lamprea Explosiva (2019). Cancións pra matar ao teu fascismo interior bailando, por Lamprea Explosiva. [en liña] Caracol Negro/Bandcamp. Dispoñible en: https://caracolnegro.bandcamp.com/album/canci-ns-pra-matar-ao-teu-fascismo-interior-bailando [Consultado o 10 de Maio de 2019].

Leyenda, A. (2018). Kings of the Beach, los reyes del caos encienden la llama. [en liña] Farodevigo.es. Dispoñible en: https://mas.farodevigo.es/musica-vigo/kings-of-the-beach.html [Consultado o 10 de Maio de 2019].

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *