COMO INFLÚE A MÚSICA NA PERCEPCIÓN DO TEMPO?

“Ocurríuseme por intuición, e a música foi a forza impulsora detrás desa intuición. O meu descubrimento foi o resultado da percepción musical.”

Albert Einstein (1879-1955)

A música, arte temporal

A música ten unha relación moi estreita co tempo. Poderíase dicir que se trata dunha arte temporal, pois a diferenza de exemplos como a escultura ou a arquitectura (que se desenvolven no espazo), a música desenvólvese no tempo, de forma dinámica, deformándoo dunha maneira distinta en cada mente. Unha obra en directo será interpretada dun xeito distinto cada vez, e cando chegue ao final, a obra de arte estará rematada, e só perdurará na memoria humana.

Cos avances tecnolóxicos, esta calidade efémera da música viuse reducida, xa que agora as interpretacións poden ser gravadas e reproducidas múltiples veces. De todas xeitos, a sensación producida por cada reprodución pode variar.

Mais o vínculo entre a música e o tempo reside, sobre todo, no feito de que a concebimos linealmente, coma se se tratase dunha linguaxe, de atrás cara adiante no tempo, sen poder percibila toda a unha vez coma faríamos cun cadro. Falamos, escoitamos e actuamos mediante esta concepción vectorial do mundo, así que é lóxico que comprendamos a música do mesmo xeito, asimilándoa de forma progresiva e correlativa. Así, ao desprazarse simultáneamente ao tempo, a música pode exercer unha notable influencia na ilusión temporal.

Poderíamos diferenciar dous tempos: o obxectivo e o subxectivo. O obxectivo o miden os reloxos, e para intentar comprendelo o dividimos en horas. O tempo subxectivo, en cambio, é dictado polos metrónomos fisiolóxicos, e a música pode conseguir que eses metrónomos dividan e calculen o tempo aliñándose co seu ritmo, melodía, etc.

É innegable que a música distorsiona a percepción do tempo, mais como o fai? Cales son os efectos concretos que ten na nosa consciencia? Que factores inflúen? Sábese por que sucede isto e cal é a reacción do cerebro aos estímulos musicais en canto a sensacións temporais?

Isto é o que este artigo formula e tenta resolver mediante a experimentación.

Formulación e detalles do cuestionario

Hai moitas cuestións sen resolver en canto a relación música-tempo, mais esta investigación céntrase en atopar respostas a cinco preguntas concretas que delimitaremos a detallaremos a continuación.

Ao observar os efectos da música na percepción temporal xúrdenos unha primeira pregunta: 1.coñécese algunha explicación neurolóxica ou científica do fenómeno? Para resolver esta dúbida faremos unha breve valoración dalgunha da literatura existente.

Partindo da base da resposta a esa cuestión, podémonos formular varias preguntas, cuxas contestacións atoparemos a través da experimentación.

2. Percibimos todos esa alteración do tempo subxectivo de xeito similar? Tendemos a pensar que a sociedade percibe o mundo de modo similar ao que o facemos nós, pero isto non é sempre certo.

3. Varía dita percepción segundo a idade? É a idade un factor diferenciador en caso de que a música afecte á percepción temporal de cada persoa de forma desigual?

4. Cal é o factor da música que máis determina a nosa apreciación temporal? A idade, coma suxería a pregunta anterior? A música á que cada individuo está habituado? A cultura musical? O tempo? Os instrumentos ou a presenza de voz?

E unha última curiosidade: 5. causa sempre unha mesma obra o mesmo efecto sobre a impresión do tempo? O chamado “espexismo do fin da historia” fainos crer que os nosos ideais, gustos e conviccións non variarán. Invítanos a crer que nun pasado quizais puidemos ter gustos horrendos, mais agora xa estamos formados e a nosa postura ante o cosmos é inalterábel. Así que sería lóxico que se escoitásemos unha obra concreta e sentísemos que o tempo corre (por exemplo) máis rápido, supuséxemos que sempre que escoitemos esa obra imos percibir o tempo coma se fose máis rápido. Mais estaríamos no certo?

Estas son as cinco principais preguntas que formula o meu estudo, preguntas que espertan unha serie de hipóteses expostas no seguinte apartado.

Hipóteses

As preguntas anteriores lévannos a barallar varias hipóteses, opinións e suposicións previas á investigación. Para empezar, en relación á pregunta sobre a existencia dunha explicación científica hai varias hipóteses diferentes, pois moitas persoas cren que a ciencia xa ten estudado prácticamente todo, e hai quen pensa que a ciencia aínda ten explicación para moi poucas cousas. A pregunta “percibimos todos a alteración do tempo subxectivo de xeito similar?” tamén xera dúas hipóteses contrapostas:

  1. Cada cerebro é moi diferente así que lle afectará de distinto modo a música.
  2. As sensacións producidas pola música as “aprendemos” dende pequenos mediante o cine, polo que son moi similares.

En canto á pregunta 3, seguindo o fío da segunda hipótese da cuestión anterior e contando con que, en xeral, canto maior sexa unha persoa, maior experiencia cinematográfica terá, podemos supoñer que as sensacións inculcadas pola música no cine determinarán un modo diferente de percibir o tempo coa música segundo a idade.

A pregunta 4, pola súa parte, pode dar pé a múltiples hipóteses, mais penso que o factor máis influínte é o estado de ánimo do oínte (que pode estar condicionado pola música), e as súas gañas de escoitar unha obra. Se non está predisposto a escoitar a obra, ou o estilo non é do seu agrado, é moi probable que teña a sensación de que o tempo pase máis lento. De todas formas, creo que tamén inflúe moito a velocidade do tempo da peza. Así, canto máis lento sexa o tempo da música, máis lento sentiremos o tempo.

E por último, a miña suposición con respecto á derradeira pregunta é que unha obra non causa sempre o mesmo efecto na percepción do tempo. Usar adverbios absolutos adoita inducir a erro, e neste caso creo que é moi difícil que todas as veces que escoitemos unha peza sintamos o mesmo (sobre todo tendo en conta a hipótese sobre os estados de ánimo).

Mais isto son meras sospeitas. Os experimentos confirmarán ou negarán as hipóteses.

Que sabemos sobre o tema?

É sabido que a música ten grandes efectos sobre o noso cerebro, e un dos máis fascinantes é o poder de moldear o tempo nas nosas mentes. Mais cómo o fai?

A neurociencia afirma que a música pode desencadear numerosas alteracións neurolóxicas. De feito, un traballo realizado por un equipo de ciencias da saúde da Universidade Veracruzana (Lozano, Shalom and García-García, 2013) mantén que pode chegar a causar epilepsia. Emporiso, o procedemento exacto e a causa dos cambios que a música poida provocar nas neuronas seguen sendo un misterio.

Tamén nos revela a neurociencia que o cerebro humano é capaz de recalibrar e axustar a percepción temporal, e que o sentido auditivo é o sentido sensorial humano con máis especialización na percepción do tempo. Desta forma, cando atravesamos períodos de intensa percepción musical, o córtex sensorial actívase mentres outras zonas do cerebro máis especializadas na conciencia do “eu” e na percepción do espazo-tempo externo diminúen a súa actividade, favorecendo así a inmersión no “tempo subxectivo (Goldberg, Harel and Malach, 2006).”

Un estudo realizado polo grupo da División de Neurociencias da Universidade de Pablo de Olavide de Sevilla (National Geographic, 2015) revelou que, para medir un pequeno intervalo de tempo que transcorre entre dous sinais sucesivos, interveñen unhas neuronas que se activan grazas a un oscilador, que funciona de modo semellante a un reloxo ou un metrónomo, marcando 10 pulsacións cada segundo e propagando esta activación rítmica a todo o cerebro. E se cre que o ritmo da música inflúe nos osciladores naturais, variando o seu funcionamento, aínda que non se sabe como o fai.

Outros estudos experimentaron cos efectos das alteracións na percepción do tempo a causa da música e chegaron a conclusións moi curiosas. Un exemplo é o estudo que realizou a Fundación do Club de Automovilismo en 2004, que comprobou o perigo de conducir escoitando a obertura da Cabalgata das Valkirias de Wagner (Omicrono, 2014), pois resulta que a obra provoca unha sensación de lentitude do coche que anima ao conductor a pisar máis o acelerador.

Hai tamén investigacións que indagan na influencia que pode ter a música nas nosas compras se consigue ralentizar ou acelerar o tempo subxectivo, como a tese do máster de Samuel Joseph Down, que concluíu que a música lenta aumenta o gasto dos consumidores nun bar; ou a investigación de Ronald E. Milliman, que afirma que nos supermercados as melodías lentas e tranquilas tamén favorecen as ventas. Hai quen relaciona isto co “mindfullnes”, pois parece ser que o tempo lento da música, ao causar a ralentización deses “metrónomos” cerebrais, pode sumerxir ao oínte nun estado de relaxación e abstracción do mundo.

Un experto neste asunto é Jonathan Berger, un profesor de composición e teoría musical na Universidade de Stanford que ten como obxectivo crear música que altere a percepción do fluxo do tempo . O seu referente é Schubert, a quen considera un maestro na manipulación da apreciación do tempo. De feito, a devoción de Berger polo compositor e pola alteración do tempo comezou cando, interpretando o segundo movemento do seu Quinteto de Corda en Do Maior sentiu como o tempo estábase detendo (Berger, 2014). Outros compositores que xogan coa nosas sensacións temporais son Anton Bruckner, Olivier Messiaen e Anton Webern.

Todos estes profesionais levan anos estudando distintos aspectos do mesmo asunto, mais o funcionamento do cerebro, do tempo e das súas variacións a causa da música son aínda un enigma.

Quen sabe, quizais Schubert coñecía o segredo:

“Durante o segundo movemento tiven a desconcertante sensación de que o tempo se estaba detindo literalmente . A sensación era poderosa, visceral, abrumadora. Foi un intre que me cambiou a vida ou, como se sintiu nese momento, un eón que me cambiou a vida.”

Berger, J. (2014)

Formulación e desenvolvemento da experimentación

A experimentación utilizada consiste en reproducir cinco obras musicais (as mesmas cinco con cada oínte) de distintos estilos, períodos históricos, tempo, etc., ante 15 persoas de diferente idade e gustos musicais.

Antes de comezar coa música pregúntaselles aos oíntes colaboradores cales son as súas preferencias musicais, como definirían o seu estado de ánimo no momento e se escoitaran previamente as pezas propostas. Se xa escoitaran as pezas ou cancións, explicarán se cren que a súa percepción do tempo variou respecto á anterior vez que as ouviran.

A música escollida para o experimento é:

A escolla destas pezas débese a que cada peza ten unha instrumentación, un estilo e unha duración diferente, ademáis de que grazas á súa popularidade poden ser coñecidas para un público moi ecléctico, o que será moi útil para a experimentación.

Unha vez escoitada a música, os oíntes estimarán a duración da obra, e esta compararase coa duración real para observar como afectou a música á percepción do tempo.

Resultados da experimentación

Duración subxectiva (en minutos)
OínteIdadeEstado de
ánimo
Concerto Nº 3NocturneMy GenerationFoootprintsRedemption song
Neo12aburrimento1363106
Iria13melancolía1294105
Alejandra14abafamento15204206
Sara17durmida106374
Lucía17contenta75,3035,303
María R.17estresada10936,305
Alba17cansazo85,30383
Carla17felicidade133,30474
Andrea18animada85,3048,305
María F.18barullo1493,506,304
Arturo18canso5,305494
Clarisa18alegre105375
Carmen45feliz124585
Antonio49deprimido1054107
John79contento8,122,523,197,253,31
Duración subxectiva media10,366,673,588,754,62
Duración obxectiva8,154,293,277,303,53
Diferencia media+2,21+2,38+0,31+1,45+1,09

En canto aos estilos preferidos polos oíntes, a maioría coinciden en que teñen gustos moi diversos. Carla, Clarisa, Carmen, Antonio e John están máis habituados á musica clásica, mentres que os demáis non tanto. Asemade, moitos deles confesan non escoitar moito Jazz, excepto María F., que preferiu a obra dese xénero.

Todos escoitaran xa a maioría das pezas propostas e non saberían afirmar con seguridade se a súa percepción do tempo cambiou con cada escoita, mais coinciden na suposición de que si que o fixo.

Conclusión

Os resultados revelan que non todos percibimos a alteración do tempo de forma similar, senón que varía segundo a persoa. Esta variación depende en certo modo da idade, pois os suxeitos de menor idade tenden a sentir con cada canción que o tempo pasa máis lento. Isto obsérvase claramente co Nocturne, xa que mentres as máis pequenas apostaban por unha duración de 6, 9 e incluso 20 minutos, o maior dos oíntes pensou que non pasaran nin 3 minutos cando rematou a peza. De todos modos, obsérvase que hai pezas que son máis propensas a deformar o tempo subxectivo que outras. My generation apenas produciu un desaxuste na percepción do tempo e, en cambo, o Nocturne ralentizou moito o tempo nas mentes das oíntes.

En canto ao factor máis influínte, pódese considerar que é o tempo, como amosa o exemplo anterior. A canción máis rápida non frena o tempo, mentres a máis lenta o retarda moito. Mais tamén inflúe moito o estilo de música ao que están habituadas as oíntes, pois aquelas que escoitan máis jazz sentiron que o tempo iba máis rápido con Footprints.

En cambio, a instrumentación e o estado de ánimo non parecen factores determinantes, aínda que a maioría das persoas afirmaron que o seu estado de ánimo cambiaba un pouco con cada canción.

Tamén coincidiron a maioría en que pensaban que cada vez que escoitaban unha mesma peza, a súa percepción do tempo cambiaba.

En síntese, aínda que non se coñeza a causa exacta, a música modifica a percepción do tempo (dun xeito distinto cada vez) de forma diferente en cada cerebro segundo a idade, o tempo da obra e a cultura musical.

Unha vez máis, confírmase a relatividade do tempo e a dificultade de definilo, así como o poder e a maxia da música.

“Ao escoitar música debe estar o suficientemente alta como para axitar as lámpadas! Ves que o demáis é simplemente unha perda de tempo e espazo”

Albert Einstein (1879-1955)

Lara Quicler

Alumna de 6º de Grao Profesional

Referencias

Berger, J. (2014). How Music Hijacks Our Perception of Time. [en liña] Nautilus. Dispoñible en: http://nautil.us/issue/9/time/how-music-hijacks-our-perception-of-time [Consultado o 12 de Maio de 2019].

Goldberg, I.I., Harel, M. e Malach, R. (2006). When the Brain Loses Its Self: Prefrontal Inactivation during Sensorimotor Processing. Neuron, [en liña] 50(2), pp.329–339. Dispoñible en: https://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0896627306002121 [Consultado o 12 de Maio de 2019].

Lozano, Ó., Shalom, S. e García-García, F. (2013). El cerebro y la música. Revista Médica de la Universidad Veracruzana, [en liña] no 1, pp.17–22. Dispoñible en: https://www.medigraphic.com/pdfs/veracruzana/muv-2013/muv131d.pdf [Consultado o 12 de Maio de 2019].

National Geographic (2015). ¿Cómo miden el tiempo las neuronas? [en liña] www.nationalgeographic.com.es. Dispoñible en: https://www.nationalgeographic.com.es/ciencia/como-miden-el-tiempo-las-neuronas_9877 [Consultado o 12 de Maio de 2019].

Omicrono (2014). ¿Cómo influye la música en nuestra percepción del tiempo? [en liña] Omicrono. Dispoñible en: https://omicrono.elespanol.com/2014/03/como-influye-la-musica-en-nuestra-percepcion-del-tiempo/ [Consultado o 12 de Maio de 2019].

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *