Introdución á experiencia do etnomusicólogo Alan Lomax en Galicia (1952)

Penso que a nosa tarefa é a de representar a todas as culturas somerxidas do mundo. (…) Suponse que a comunicación debería ser un acto recíproco, pero rematou sendo basicamente unidireccional, de parte daquelas persoas que poden permitirse ter un transmisor, que custa milleiros de dólares, mentres que o pequeno individuo só se pode permitir ter un receptor, que custa uns poucos dólares, de xeito que hai milleiros de receptores e no outro extremo só uns poucos transmisores e penso que este é un dos problemas máis grandes, que ten a humanidade a día de hoxe: a maioría da xente non ten acceso ás ondas (…). Penso que o máis importante que se pode facer é procurar restaurar o equilibrio.Eu denomínoo «equidade cultural». O lema é que todas as culturas debería dispoñer do mesmo tempo nas ondas e tamén nas escolas. A equidade cultural debería unirse aos demais principios de liberdade da dignidade das persoas: a liberdade de expresión, a liberdade de movementos para traballar, vivir, e desfrutar, e a liberdade de expresión da cultura propia. Porque iso é o que temos facer saber: somos unicamente cultura. Alan Lomax, 1991.1

Movido polo empeño en «dar voz» a todas as culturas, o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax (Texas, 1915 – Florida, 2002) dedicou a maior parte da súa vida a percorrer milleiros de quilómetros na procura de cantos e melodías, rexistrando todo aquelo que lle ofrecían os seus informantes para, posteriormente compartilo cos seus oíntes radiofónicos, permitíndolle así ao intérprete expresarse ante o mundo. Comeza a súa labor de recollida aos dezaoito anos da man do seu pai, o folclorista John Avery Lomax (1867-1948), realizando numerosos rexistros de campo no sur dos Estados Unidos:

No verán de 1933, a viúva de Thomas A. Edison deulle ao meu pai unha anticuada máquina de cilindros Edison para que puidera gravar melodías negras para a publicación dun libro de baladas americanas. Para nós, este aparato era unha vía para rexistrar melodías de forma rápida e precisa; pero para os propios cantantes, a voz chirriante e áspera que emerxía do tubo significaba que conseguiran comunicarse cun mundo máis grande que o seu.2

Alan y su padre, John Lomax, formaban una saga familiar de intelectuales urbanos, miembros de una elite de investigadores que buscaban muestras de autenticidad en la música popular. Siguiendo los pasos de su padre, que había empezado a documentar la música popular americana con el cambio de siglo, Alan comenzó a trabajar a los dieciocho años en los Archivos de la Canción Folk Americana de la Biblioteca del Congreso de Washington. A los veinte, era el director de los Archivos y viajaba con su padre por los estados del Sur, realizando históricas grabaciones de campo en un continuo rastreo de canciones tradicionales que les llevó, entre otros lugares, a la prisión de Angola, en Louisiana, en busca del estado más puro de las canciones antiguas.3

Eses serían os comezos dunha viaxe musical de seis décadas que levaría a Alan Lomax a recompilar un grande abano de músicas tradicionais por Europa, O Caribe, a Unión Soviética ou Marrocos:

Resulta paradójico y reconfortante que un miembro del imperio cultural más homogeneizador de los últimos siglos sea al mismo tiempo el ideólogo de lo que él llamaba cultural equity, cuyos principios proponen dar la vuelta a la centralización de la comunicación y otorgar la misma atención a cada una de las culturas de la humanidad. Mucho antes de la moda de la world music –antes incluso del rock y de la divulgación a escala mundial de la música popular americana– Alan Lomax viajaba por el mundo estudiando y documentando las músicas populares y tradicionales, preservando con respeto y con pasión la voz del pueblo, de muchos pueblos que para él no eran tan diferentes.4

Na década dos 50 Lomax cruza o Atlántico para establecerse en Londres, sendo, precisamente, as illas británicas o punto de arranque da súa recompilación musical en Europa. En xuño de 1952, armado coa súa gravadora portátil modelo Ampex 6025 , o etnomusicólogo chega a España, recalando en Galicia no mes de novembro, rexistrando un total 91 ítems de música tradicional galega que pasaron a formar parte desa grande colección de músicas na que estaban representadas aquelas culturas ás que Lomax se aproximou, dende unha ollada curiosa e amable, dende o compromiso de darlle voz ao pobo sometido:

Durante un mes ou máis, eu andaba de xeito errático, coma si estivera mareado pola insolación, pola beleza solemne desta terra, case enfermo por mor da visión dese pobo nobre, azoutado pola pobreza e por un país gobernado pola policía. Decateime de que en España o folclore non era mera fantasía ou recreo. Cada aldea era un sistema cultural discreto, onde a tradición empapaba cada aspecto da vida; e era precisamente este sistema de costumes tradicionais, ás veces incluso pagás, o que lles servira aos españois de armadura espiritual contra as moitas formas de tiranía que se lles impuxeran a través dos séculos. Era na súa herdanza folclórica onde os labregos, os mariñeiros, os arrieiros e os pastores aos que coñecín atoparon os seus modelos para aquel comportamento nobre e aquela sensibilidade á beleza que os fixo ser amigos tan satisfactorios.6

Lomax en Galicia: a viaxe que parte de Palma de Mallorca

No ano 1950, xa establecido en Londres, Alan Lomax se atopa traballando nunha serie de música folclórica mundial, a World Library of Folk and Primitive Music. Aínda que España, pola súa situación política, non se atopaba entre as preferencias do etnomusicólogo como territorio que formara parte desa colección, a BBC, para a que traballaba, e o selo Columbia Records, responsable da publicación das gravacións, comunícanlle que o rexistro de gravacións de música tradicional española convertíase nun requisito para a publicación de toda a serie:

No verán de 1953 [1952], Columbia informoume de que a publicación da
miña serie dependía de que eu articulara un disco de música folclórica española; e así que, tragándome a miña aversión por El Caudillo e as súas obras, me dirixín a unha conferencia de folclore na illa de Mallorca co obxectivo de atopar un editor español.7

Convidado a participar no Congreso Internacional de Folklore, celebrado en Palma de Mallorca entre 22 e o 28 de xuño de 1952 baixo a coordinación do musicólogo alemán Marius Schneider, Lomax chega a España:

Este home [Marius Schneider] era un refuxiado nazi, que tiña tomado o arquivo de cancións folclóricas de Berlín despois de que Hitler retirara ao seu responsable xudeo e que, despois da guerra, fuxira a España onde estaba a cargo das investigacións de música popular no Instituto de Estudos Superiores de Madrid. Cando lle comentei o meu proxecto, fíxome saber que el persoalmente se encargaría de que ningún musicólogo español me axudara. Tamén suxeriu que me marchara de España.
Realmente non tiña a intención de quedarme. Só tiña uns cuantos rolos de cinta a man, e non fixera ningún estudo da etnoloxía española. Porén, esta fora a miña primeira experiencia cun nazi e, mentres miraba a través da mesa do almorzo a este Idiota autoritario, me prometín que gravaría a música deste país sumido na escuridade aínda que me levara o resto da miña vida. No fondo, eu tamén estaba encantado ante a perspectiva da aventura nunha paisaxe que me lembraba en grande parte ao meu Texas natal.8

Non amedrentado polo musicólogo ex-nazi, Alan Lomax decide aproveitar a celebración do III Certamen Internacional de Folklore, que tiña lugar na mesma cidade paralelamente ao congreso, para realizar as primeiras gravacións de música tradicional española. A representación galega no certame estaría a cargo da Agrupación de Educación y Descanso de A Coruña, co acompañamento musical do cuarteto Os Tempranos de Eirís que interpretarían as pezas Muiñeira de Eirís, Jota Gallega, Foliada de Vilaboa, Fandango e Ribeirana, sendo estes os primeiros rexistros de música galega recollidos polo etnomusicólogo. Así describía Lomax aos participantes galegos no festival, aludindo tamén ás monteiras do traxe masculino:

Estes galegos semellan un pouco incómodos cos seus sombreiros con borlas, pero están convencidos a aguantar coma tantos escoceses cos seus kilts. Son tipos corpulentos, (…) un pouco teimudos, pero exaltados coma o inferno.9

Imaxes no 1: Portada do programa do Congreso y Certamen Internacional de Folklore celebrados en Palma de Mallorca en 195210
Imaxe no 2: Fragmento do programa, onde se informa da participación galega11.

A partir desa primeira experiencia coa música tradicional española na illa balear, o etnomusicólogo decide completar a recompilación destas músicas percorrendo durante os sete meses seguintes, acompañado da súa asistente inglesa Jeannette Bell, parte da xeografía do país, sempre baixo a atenta e desconfiada ollada da Garda Civil:

Pasaron sete meses dunha aventura empapada en viño. Os pneumáticos do meu Citroën estaban tan gastados que nun chuvioso día de inverno en Galicia tiven nove pinchazos. A Garda Civil, de sombreiro negro e terrible, tíñame na súa lista -nunca saberei por que, porque nunca me arrestaron. Pero ao parecer, eles sempre sabían onde estaba. Non importa en que lugar de sabe Deus, en que punto improbable nas montañas configurara o meu equipo, aparecerían coma voitres negros levando consigo o fedor do medo.12

No mes de novembro de 1952 Lomax chega a Galicia, á que describe do seguinte xeito:

Galicia, a esquina do noroeste de España, é un país de néboas e serras con verdes montañas. Coma Escocia, a longa liña de costa atlántica está chea de rías e acantilados, e coma os seus curmáns celtas do norte, os gandeiros e mariñeiros galegos son austeros, traballadores e grandes amantes da poesía e a gaita. A súa lingua melodiosa e as súas incontables cancións corais fan que se lles relacione máis estreitamente co norte de Portugal que con España, aínda que foi en Galicia, nas Cantigas de Alfonso O Sabio, que a canción española foi notada por primeira vez; as súas letras do século XII [ XIII ] amosan unha semellanza importante coa das cancións populares galegas modernas. A tumba do apóstolo Santiago en Santiago de Compostela era o destino máis importante das peregrinaxes cristiás, só excluíndo a Xerusalén, polo que Galicia estivo en contacto coa cultura europea durante toda a Idade Media. Hoxe en día, a pesar do afastamento e a pobreza, Galicia segue parecendo a provincia máis cosmopolita e máis viva de España. Porén, o estilo das súas cancións populares lévanos de volta á España pagá, antes de que os mouros, a igrexa romana e a coroa de Castela dominaran a península.13

Durante as dúas semanas que durou a súa viaxe galega realizou recollidas de campo en Fisterra, Corcubión, O Hío (Cangas), Pontevedra, Soutoxuste (Redondela), Ribadavia, Faramontaos (A Merca), Luintra (Nogueira de Ramuín), Sobrado do Bispo (Barbadás), Solveira (Viana do Bolo), Ourense, Paredes (Leiro) e O Canizo (A Gudiña) sumando un total de 86 pezas vocais e instrumentais diferentes.

Tras a súa estancia en Galicia, no mes de decembro Alan Lomax continuaría a súa viaxe por España, chegando rexistrar en total 75 horas de gravación: «España, a pesar do meu profesor nazi, estaba gravada».14

Diferentes perspectivas da música tradional galega a través da ollada de Lomax

A través de catro exemplos extraídos dos diarios de campo de Alan Lomax pecharemos esta breve introdución ao traballo de recollida levado a cabo polo etnomusicólogo en Galicia. Neles, ademáis de describir o feito musical en si mesmo, Lomax achéganos ao contexto social da época e ás diferentes funcións que, en relación a el, desenvolve a música.

  1. A música como canal de evasión da miseria
  2. Arrolo, informante Manuela Lema Santos Corcubión (21/22 de novembro de 1952):

    Manuela, xunto a súas irmás e un grupo de anciás cantaron para nós durante toda a noite. Todas as mulleres desta sesión de gravación facían labores co gando ou traballaban no porto – calquera cousa para gañar un anaco de pan para os seus fillos famentos e mal vestidos. Mentres as mulleres maiores nos recreaban os cantos da noite de San Xoán na outra habitación escura diante da gravadora estaba tendo lugar outra escena.
    O cativo de Manuela comezou a chorar. Ela colleuno do colo de Pip, e lle deu de mamar, e inmediatamente se puxo a cantar un arrolo galego con voz desgarradora; unha estraña e hipnótica melodía que mentres era gravada conseguiu durmir ao meniño. En todos os sentidos esta fora a mellor noite de gravación en España. Este grupo de mulleres terriblemente desgraciadas que paseaban pola rúa vestidas con farrapos, estas pobres persoas, mostra da fame que se sufría na costa, cubriran de beleza esta espantosa habitación desprotexida do frío durante tres horas, deixando constar para sempre gravacións que os estudantes investigarán e os oíntes desfrutarán.15

  3. A música como mediadora das relacións sociais
  4. Desafío, informantes Aurora Martínez e Regina Barado (Soutoxuste, Redondela, 23/24 de novembro de 1952):

    Señora Regina e Señora Martínez intentaron cantarme un desafío, que é unha canción de insulto, pero cada vez que Regina chegaba á última liña do seu verso lle entraba a risa e tiñamos que parar a gravación. Levounos o resto da tarde e gastamos case toda a cinta para gravar dous versos. A raíz do problema era que en Soutoxuste aínda se adoitaban cantar desafíos e a xente alterábase ao escoitar estas rimas polas rúas da aldea. Ás veces, cando as mulleres están lavando roupa á beira do río comezan chancear entre elas en forma de canción, e as participantes continúan ata que xa non lles xorde material novo, e é entón cando entran en xogo os tiróns do pelo, rabuñazos e berros.
    Un dos desafíos máis salvaxes deuse fai pouco cando unha das galiñas da Señora B colouse na eira da Señora A. As dúas mulleres comezaron a pelexarse ao lavar a roupa, caendo xuntas ao río. […] Os omes non fan desafíos, porque os resultados serían demasiado serios. Todo o mundo ría escoitando á maquina repetir as súas obscenidades favoritas.16

  5. A música como profesión. O oficio de gaiteiro
  6. Pezas de gaita, informante Modesto Sánchez Ribadavia (26 de novembro de 1952):

    [Filgueira] Valverde convidounos […] a ir a Ribadavia que, como capital do viño, é a vila da que máis se canta. Alí coñeceríamos a Modesto Sanchez, gaiteiro recoñecido. Achegueime a el coa reticencia que sempre teño ao entrevistarme con gaiteiros.
    […] hai fanáticos por todos lados, e os celtas en particular se volveron fanáticos na súa devoción especial á gaita. Ao contraer unha conversación privada e fluída cun celta de verdade, este asegurarache que a gaita é o máis perfecto de todos os instrumentos musicais, e se é un entusiasta de verdade, que ninguén aparte de el mesmo sabe como tocar ben o instrumento.
    […] Por iso nesta tarde escura fun xunto a Modesto Sánchez con desconfianza. […] O primeiro que me dixo despois dun moi breve «qué tal está» foi, «yo nunca toco, señor, a no ser que me paguen; porque soy el mejor gaitero en Galicia y he tocado ante el Rey Alfonso y su corte, nunca cojo la gaita si no es por una recompensa».
    […] É un músico marabilloso. Comezou a tocar con 14 anos, aprendendo do capataz do seu pai, e despois viaxou por toda Galicia, visitando a todos os bos gaiteiros e copiando aos mellores. A persoa que máis o influenciou foi un traballador rural da veciñanza de Pontevedra, Juan de Campañó, a quen Modesto considerou o mellor gaiteiro vivo antes da súa propia chegada.
    Modesto […] leva a gaita pola aldea as mañás de festa, espertando aos veciños cunha gloriosa Alborada, toca unha marcha procesional cando sae o santo da igrexa, e na praza onde está a romaría toca Jotas, Muiñeiras e Foliadas. En menos dunha hora rematamos o noso traballo, recolleu, recibiu o seu pago e nos mandou de volta con vinte minutos de bonitos aires de Ribadavia.17

  7. A música como divertimento

Cantar da vendima, informantes Ignacio Barreiro, Emilio Barrio, Isaac Blanco, Pepe Blanco, Camilo Santiago e outros (Paredes, Leiro, 29 de novembro de 1952):

Regresei para atopar o bar cheo de mozos que semellaban preparados e nerviosos. Puxemos unha fila de copas de coñac marrón na mesa e rapidamente comezaron a fluír as cancións de beber típicas do ribeiro nun bonito estilo autóctono. Pasou pouco tempo ata que Amelio [o alcalde] estaba alí cantando con tantas ganas coma os outros e tamén Pepi [Pepe] que lideraba o canto coa súa voz de tenor e un sorriso na cara. Levamos a sesión de gravación ás instalacións da carpintería local para ter máis privacidade, porque no patio había un montón de meniños, de borrachos berrando, era unha noite escura e estaba chovendo. Instalei a gravadora
[…]. Os mozos dicían que pisar forte na lama sonaba igual que pisar as uvas, porque aquí en Pareces fan o viño á antiga. Catro ou cinco saíron ao patio pisar na lama e o resto estaba cantando ben, a gravadora funcionaba e cando Pip o escoitou polo altofalante pensaba que estaban facendo viño de verdade, pero de repente unha voz coma un orneo freou a todos, os pasos rítmicos na lama convertéronse nunhas confusas pisadas e pararon, e chegamos a un resultado harmónico no canto dunha canción do viño. Paramos a gravadora. Despois de moito falar comezamos de novo. Despois dun par de estrofas ocorreu o mesmo e esta vez o mozo e eu tivemos unhas palabras. Dixo que podía irse a casa a cear e levar aos seus amigos con el, falamos algo máis e acabamos poñéndonos de acordo, démonos unha aperta, comezamos de novo e gravamos algunhas melodías interesantes, aínda que despois de tanto falar o verdadeiro espírito da noite xa se perdera. Porén, os mozos de Paredes estaban moi compracidos con eles mesmos e cada vez que había un erro grave e eu semellaba decepcionado un dos “compañeiros” dicía: Bueno, non somos cantantes, aquí somos traballadores.18

Lucía Comesaña Abreu

Musicóloga

Bibliografía / sitografía

Asociation for Cultural Equity: http://www.culturalequity.org.

«Entrevista a Alan Lomax», por Charles Kuralt. CBS Sunday Morning. CBS, 1991.

González Cachafeiro, Javier. «Las nuevas tecnologías aplicadas a los archivos orales». II Jornadas Archivando: Las nuevas tecnologías en los archivos. Actas de las Jornadas. León: Fundación Sierra Pambley, 2009: 29-38.

Library of Congress – Alan Lomax Collection: https://www.loc.gov/manuscripts/?q=alan+lomax+collection.

Lomax, Alan. «Saga of a Folksong Hunter».HI/FI Stereo Review 4, no 5 (1960). Reimpresa en Cohen, Ronald D. ed. Alan Lomax: Selected Writings, 1934–1997. Nova York: Routledge, 2003: 173–86.

Montaner, Joan Vich. «Alan Lomax. El rastreador de (nuestras) canciones». LDNM, no 23 (ene.-abr. 2007).http://www.ladinamo.org/ldnm/articulo.php?numero=23&id=584.

NOTAS

  1. «Entrevista a Alan Lomax», por Charles Kuralt, CBS Sunday Morning, (CBS, 1991).
  2. Alan Lomax, «Saga of a Folksong Hunter», HI/FI Stereo Review 4, no 5 (maio de 1960). Reimpresa en Ronald D. Cohen, ed., Alan Lomax: Selected Writings, 1934–1997 (Nova York: Routledge, 2003), 173.
  3. Joan Vich Montaner, «Alan Lomax. El rastreador de (nuestras) canciones», LDNM, no 23 (ene.-abr. 2007), http://www.ladinamo.org/ldnm/articulo.php?numero=23&id=584

  4. Ibíd.
  5. Javier González Cachafeiro, «Las nuevas tecnologías aplicadas a los archivos orales», en II Jornadas Archivando: Las nuevas tecnologías en los archivos. Actas de las Jornadas (León: Fundación Sierra Pambley, 2009), 29-38.
  6. Lomax, «Saga of a Folksong Hunter», 181.
  7. Lomax, «Saga of a Folksong Hunter», 180.
  8. Ibíd.
  9. Alan Lomax, Alan Lomax Collection, Manuscripts, Spain, -1953, 1952-1953, manuscrito/material mixto, American Folklife, Library of Congress (AFC 2004/004: MS 03.02.69). https://www.loc.gov/item/afc2004004.ms030269/.
  10. Ibíd.
  11. Ibíd.
  12. Lomax, «Saga of a Folksong Hunter», 181.
  13. Alan Lomax, Alan Lomax Collection, Manuscripts, Spain, -1953, 1952-1953, manuscrito/material mixto, American Folklife, Library of Congress (AFC 2004/004: MS 03.02.75). https://www.loc.gov/item/afc2004004.ms030275/.
  14. Lomax, «Saga of a Folksong Hunter», 182.
  15. Lomax, Alan Lomax Collection, Manuscripts, Spain, -1953, (AFC 2004/004: MS 03.02.32).
  16. Ibíd.
  17. Ibíd.
  18. Ibíd.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *