Editorial #4

CUT TIME // NÚMERO #4

O título da nosa revista xoga coa idea dun tempo ambivalente musical e físico. Pero o que nunca tivéramos esperado é que ese concepto nebuloso se fixera realidade nas nosas vidas. Coa pandemia que azouta o mundo neste ano, puidemos experimentar o que sería un tempo suspendido. Unha especie de masa informe sen principio nin fin, onde os acontecementos descorren dun xeito estraño, ás veces lineal, ás veces nun retorno circular abafante e pastoso.

E foi este tempo suspendido o causante de que o noso apuntamento habitual de primavera, teña sido adiado até o final deste ano. Pero finalmente aquí estamos, tal vez un pouco cansos, con sentimentos estraños pero co mesmo interese de sempre en comprender mellor a música que amamos.

No número deste ano, atoparemos unha fantástica introdución á viaxe que o etnomusicólogo americano Alan Lomax fixo  por Galicia nos anos 50 do século pasado, xunto ao tal vez para algúns sorprendente descubrimento das prácticas improvisatorias na música de Beethoven, xusto no 250 aniversario do seu nacemento. Tamén poderemos gozar da música de cinema con dous artigos bastante diferentes: unha interesante análise que amosa o paralelismo entre a música wagneriana e o mundo das bandas sonoras de J. Williams para a serie Star Wars,  e unha crítica que profunda nas relacións entre imaxe e música na película Inherent vice.  E por último un artigo que cuestiona os alicerces do noso pequeno e por veces pechado mundo: é o ensino musical que temos o que queremos (ou polo menos o que quere o alumnado)?

A grande epidemia da peste negra do século XIV, aniquilou un terzo (nalgúns lugares máis!) da poboación europea, pero nos anos seguintes veu xurdir algúns movementos culturais extremadamente importantes como a Ars Nova florentina, ou o comezo do pensamento renacentista. Se creramos nas analoxías históricas, poderíamos sempre pensar que este tempo escuro que estamos vivindo é só o limiar dun luminoso e novo futuro. Deixémonos por tanto crer!

Baldomero Barciela
Decembro de 2020