O seguinte artigo está extraído do Traballo fin de Máster realizado por quen agora escribe, Beatriz Riobó Agulla, e que leva por título Desde las Irmandades da Fala al nacionalismo, Aportación de Cantigas e Agarimos a la construcción identitaria de lo «gallego». Este extracto pretende contribuír á divulgación dalgunhas das conclusión dese traballo, como son a presenza da música na difusión da lingua e cultura galegas así como a importancia do traballo que a este respecto realiza a agrupación santiaguesa Cantigas e Agarimos.
«La nación es una idea, una representación que se hacen los individuos del ser colectivo que juntos constituyen» (Corcuera, 1985). Esta arbitrariedade do concepto de nación constrúe o discurso historiográfico das nosas sociedades. De aí derívase a necesidade de ter presente este feito no estudo dos nacionalismos dentro do ámbito musical.
A historia da música é unha pugna constante de incursións hexemónicas que destacan un determinado discurso sobre outros, construíndo un relato da historia excluínte. O Romanticismo gravou no ADN das sociedades occidentais os conceptos de raza e identidade que propiciaron o auxe dos nacionalismos e a necesidade de redescubrimento das culturas marxinadas. Dentro deste contexto xorde en Galicia a présa por construír unha cultura que aglutine os vínculos identitarios baixo o mito do Volksgeist1 Estes redutos de autenticidade búscanse nas clases campesiñas e mariñeiras das que se recollen non só a lingua e os costumes perdidos polas clases dominantes, senón tamén as súas danzas e músicas populares (Costa Vázquez, 2001).
A importancia da recreación dos estereotipos culturais e identitarios reside, segundo o antropólogo González Reboredo (2001), no feito de que os individuos debemos participar na reconstrución da nosa identidade como nación xa que as percepcións e tópicos que constrúen a imaxe étnica dun grupo acaban incidindo na apreciación que o grupo ten de si mesmo. Por iso é polo que se considera pertinente a recreación desta imaxe por parte do propio colectivo, antes de que esta veña imposta dende rexións externas e propicie así unha posible colonización cultural. Reboredo reflexiona sobre a importancia que ten na configuración do estereotipo da figura do galego, a condición de emigrante, que parece perpetuarse a partires do século XVI, acentuándose no século XVIII coa movilización duns 30.000 galegos que participan da sega en Castela. Resulta obvio que os distintos rasgos culturais e anímicos destes estranos provocan certo recelo na poboación autóctona que á vez constrúe no seu imaxinario una imaxe dos estranxeiros totalmente parcial e subxectiva. O problema reside en que esta nova percepción creada dende axentes externos ao grupo acabará influíndo e penetrando nos propios individuos galegos. De aí a necesidade de reinventar a identidade galega limpándoa de prexuízos impostos dende grupos externos.
Nos albores do século XX, os movementos nacionalistas en Galicia deciden basear o seu discurso de etnicidade preferentemente na identidade social e cultural fronte á racial (Fernández Prieto, 2000). Nesta época desenvólvense distintos traballos de clasificación e recompilación de músicas populares e cancións de tradición oral que comezan a moldear unha nova identidade galega (Costa Vázquez, 2001). Lévase a cabo a reconstrución e recreación dunha tradición que aglutine á sociedade e achegue os acenos de identidade propios. Unha vez atopadas as bases desta tradición xorde a necesidade de contar cun vehículo de divulgación que propague e afiance a conciencia de grupo. Os coros galegos convértense entón nun instrumento idóneo para a difusión destas ideas, baseando as súas actuacións na recuperación de recreación do repertorio, dos traxes tradicionais, e da promoción da lingua e folclore galego presente nas súas cancións. Estas cancións, polas súas características intrínsecas, penetran na audiencia dun modo eficaz, propagando a estética do que hoxe en día consideramos tradición galega.
No plano político, os anos finais do século XIX están marcados en Galicia polo movemento do Rexionalismo, que se impulsa dende o mundo da cultura. Dous dos seus ideólogos máis salientables son Manuel Murguía e Alfredo Brañas2. Este último reúne os postulados do pensamento rexionalista no seu texto O rexionalismo. Os principios que se propugnan son basicamente tres: adquirir máis soberanía propia na rexión con autonomía lexislativa e administrativa, unha carta constitucional específica e o emprego da lingua galega. En base a estes preceptos xorde o partido Solidariedade Galega que, tras lograr uns bos resultados nas eleccións municipais de 1910, non acada o consenso dentro das súas propias filas, coa consecuente disolución. Este feito deixa inactivo ao movemento nacionalista en Galicia ata a irrupción das Irmandades da Fala en 1916 (Jurado Luque, 2010).
A creación destas organizacións resulta transcendental na defensa e promoción da lingua galega, na construción dunha identidade propia e, en definitiva, no desenvolvemento do nacionalismo galego. Nestas asociacións agrúpase o máis selecto da elite intelectual galega coa finalidade de dignificar o uso do idioma e promover o desenvolvemento integral da cultura desta rexión (Ínsua López, 2016).
O 18 de maio de 1916 celébrase o acto fundacional da primeira Irmandade de Galicia no local da Academia Galega de A Coruña. Ínsua (2016) recolle o texto da convocatoria da devandita asamblea, que di:
A comisión encargada dos traballos para o establecemento d’unha hirmandade d’Amantes dá terra (sic), que, entre outros fins, adicarase principalmente à defensa e exaltación do idioma galego, roga a vosté que nos honre co’a sua presencia na reunión que se fará o día 18 d’este mes, ás 8 dá noite. (Ínsua López, 2016, páx. 107)
Un dos obxectivos principais desta primeira asociación é o fomento do coñecemento de Galicia e da súa música tradicional. Comeza ao mesmo tempo unha campaña de publicidade que moi pronto dará os seus froitos con asociacións similares nas distintas urbes galegas. Para a creación da sociedade homónima en Santiago de Compostela soamente haberá que agardar ao día 26 dese mesmo mes. Ese día convócase unha primeira reunión, e tan só dous días despois, o 28 de maio de 1916, fúndase oficialmente a Irmandade da Fala de Santiago de Compostela. Finalmente, o 1 de xuño, noméase a directiva da mesma, que está encabezada polo avogado Lois Porteiro Garea como conselleiro 1º, e Salvador Cabeza de León como conselleiro 2º, aos que acompaña un nutrido grupo de mozos intelectuais. Entre os mozos militantes irmandiños atópanse Bernardo de Río, músico da 2ª Banda de Música do Rexemento de Zaragoza n.º 12, e o xornalista Ramón Salgado “Odaglas” (Beramendi González, 2007).
No regulamento da Irmandade santiaguesa recollido na Gaceta de Galicia o 31 de outubro de 1916 refírese o acordo explícito de fomentar a «música e cantos populares da rexión á vez que se tratará de que Compostela teña un coro enxebre» (Nuevo centro en Santiago, 1916). Poucos días despois, no mesmo periódico anúnciase a formación dun coro composto por 12 voces masculinas e 8 femininas, Follas Novas, baixo a dirección de D. José Gómez Veiga (Follas Novas, 1916). Desgraciadamente, non é posible facer a trazabilidade deste coro na prensa da época, do que se infire que non chegou a realizar ningunha presentación pública ou concerto.
O segundo intento de creación dun coro enxebre por parte da Irmandade compostelana será no ano 1917 baixo a dirección da emblemática figura dun xovencísimo Bernardo del Río, partícipe do ideario irmandiño. O coro recibe o nome de Queixumes dos Pinos e está composto por antigos compoñentes do Orfeón Valverde e do Orfeón Unión Artística xunto cun grupo de «mozos entusiastas». A directiva do coro está a cargo dos tamén militantes e promotores da Irmandade de Santiago, D. Salvador Cabeza de León como presidente, e Lois Porteiro Garea na vicepresidencia (Agarimos C. e., 1972). A influencia da Irmandade de Santiago é patente no establecemento desta directiva, de modo que as orientacións estéticas do coro están garantidas. Ramón Salgado, membro da primeira asemblea da Irmandade de Santiago, realiza o seu labor de promoción dende o diario A Gaceta de Galicia, na que escribe: «en breve hará su presentación el coro […] que contribuirá a hacer inmortales las obras de nuestros dos grandes poetas: Rosalía y Pondal» (Salgado, 1917).
Desgraciadamente, este coro mostra ser reflexo do seu tempo cunha vida efímera debido a pandemia da malchamada gripe española3do ano 1918. Esta enfermidade termina coa vida de máis da metade dos compoñentes da nova agrupación, así coma tamén co seu novísimo vicepresidente e cabeza da Irmandade compostelá Lois Porteiro Garea. O coro disólvese forzosamente, e en 1920, os sobreviventes da epidemia do 18 xunto cun grupo de amigos do director Bernardo del Río, vólvense agrupar para retomar a actividade. O nome Queixumes dos Pinos fora adoptado no ano 1919 por un coro do entón concello de Lavadores4na bisbarra de Vigo, feito que obriga a procurar un novo nome para a agrupación, que será Cantigas e Agarimos a partir deste momento (Agarimos C. e., 1972).
A agrupación coral Cantigas e Agarimos nace en Santiago de Compostela en 1921 como coro mixto acompañado de instrumentos tradicionais seguindo a estética e filosofía do coro Aires da Terra liderado por Perfecto Feijoo na Pontevedra de finais do século XIX. Este tipo de agrupacións xorden, en parte, como reacción á inercia da tradición dos orfeóns de voces masculinas e coa finalidade de revitalizar e achegar á cidade a auténtica Galicia rural (Vicente Monteagudo & Fernández Aldrey, 2006). O seu cadro artístico inicial estaba composto por vinte homes e seis mulleres contando con gaiteiro, tamboril, bombo, pandeireta, parella de baile e cadro de declamación (Noticias, 1921).
A presidencia de Cantigas e Agarimos nos comenzos é asumida polo fotógrafo Enrique Sánchez Guerra, na dirección musical continúa Bernardo del Río e o Círculo Católico de Obreiros lles proporciona o seu primeiro local de ensaio. Unha vez máis a agrupación reflexa a realidade da sociedade coetánea véndose na obriga de buscar unha nova ubicación debido a inclusión de mulleres no seu cadro artístico. Esta nova temeridade defendida dende as premisas artísticas do coro choca coa moral relixiosa dos anfitrións. O Círculo Católico de Obreiros entende que esta «mestura» é constitutiva dun «pecado grave» que non están dispostos a tolerar (Agarimos C. e., 1972). A formación pasa entón a reubicarse nos locais da Unión Protectora de Artesáns presidida por Manuel da Torre Lago que permite a convivencia de homes e mulleres neste proxecto cultural («Cantigas e Agarimos», 1921).
Tras esta primeira etapa de consolidación, Cantigas e Agarimos preséntase ao público o 29 de Xullo de 1921 co gallo da coronación de Alfonso VII (Nuestras fiestas patronales, 1921). Estes primeiros concertos lévanse a cabo con roupa prestada polo Hospicio e polas xentes das aldeas veciñas (Agarimos C. e., 1972). A acollida inicial é entusiasta, tanto por parte da prensa como por parte do público, e grazas ás distintas saídas do coro durante este primero ano de vida, conseguen reunir cartos dabondo para comprar a súa propia vestimenta, momento en que pasa a ser propiedade do coro e que presumiblemente estrenarán nas festas do Apóstolo do ano seguinte (Agarimos C. e., 1972).
O primeiro rexistro fotográfico de Cantigas e Agarimos que se pode encontrar no arquivo da propia agrupación, data de 1923 e resulta ser unha fotografía realizada polo seu presidente Sánchez Guerra. Nela cóidanse todos os aspectos relativos aos elementos identitarios que configuran as convencións do tradicional galego coa presenza do traxe rexional, instrumentos populares, a figura do hórreo e o palleiro enmarcando o escenario rural que resultará emblema identitario.
Nesta primeirísima etapa, o repertorio da agrupación caracterízase pola textura homofónica, tanto en obras a unha voz como en obras coas voces a distancia de oitava e terceira. As súas aparicións públicas fanse baixo o emblema festa galega contando cunha configuración do repertorio no que se intercalan aparicións do coro, intervencións do cadro de declamación e parellas de baile infantil e adulta. A interpretación do Himno era de obrigado cumprimento ao final de todos os seus espectáculos. Pouco a pouco o repertorio integra obras a catro voces, moitas delas pertencentes á tradición orfeónica, de compositores galegos emblemáticos como Juan Montes, Pascual Veiga, José Castro Chané ou Felipe Paz entre outros.
A traxectoria da agrupación sufrirá os cambios radicais que inciden na sociedade compostelana nestes axitados anos do primeiro terzo do século XX. O panorama político da época pasa do goberno da Restauración nos primeiros anos vinte á chegada da Dictadura de Primo de Rivera do ano 1923 ata o 1930. Este novo réxime prohibe todas as manifestacións das linguas vernáculas da periferia do estado español, tanto nos ámbitos culturais coma na vida civil (Tato Fontaíña, 1996). Nestes anos a evolución ascendente da agrupación diminúe a pesar dos abundantes esforzos por rexenerar o repertorio e a concepción escénica dos seus espectáculos por parte dos propios integrantes e moi especialmente polo seu director Bernardo del Río. En 1924 a agrupación participa da estrea da primeira zarzuela en galego A lenda de Montelongo composta por del Río con libreto dos vilagarcianos Juan Buhigas e Manolo Rey (Noticias de Pontevedra. Villagarcía. Obra Teatral Gallega, 1924). Sen embargo, o interese polas actividades de Cantigas parece decaer: por parte da prensa apenas hai referencias, e o número de concertos e aparicións públicas tamén diminúen. En canto ao programa, apréciase a paulatina desaparición do Himno Galego dos espectáculos, que pasan a recibir a denominación de festas rexionais ou festas españolas coa excusa da inclusión de formacións doutros puntos da xeografía española.
O 16 de setembro de 1925, o cadro de declamación de Cantigas e Agarimos fará a súa última actuación, moi probablemente debido á censura imposta polo goberno central (Tato Fontaíña, 1996). Esta sección non voltará a constituírse ata pasada a Guerra Civil. No ano 1928 será o resto da agrupación a que entre nun periodo de inactividade intermitente do que non se reporá ata pasados os anos da Guerra do 36 que acabaron con toda a actividade artística e cultural.
Na actualidade Cantigas e Agarimos segue en activo baixo o nome de Asociación Folclórica Cantigas e Agarimos e, tras cen anos de historia, conserva o mesmo espírito e estética que motivou a súa creación. Esta agrupación permanece fiel a un repertorio tradicional e en lingua galega, á vez que mantén a súa imaxe clásica, facendo as súas presentacións en público nos seus concertos e actuacións, ataviados co traxe rexional e acompañados de instrumentos tradicionais. A formación que partiu inicialmente como coro acompañado de instrumentos tradicionais evolucionou en distintas seccións que funcionan de modo independente entre sí. Todas elas comparten os principios básicos de ensinar e manter vivo o folclore galego de raíz. As seccións nas que se divide Cantigas e Agarimos nos nosos días son coro, baile, pandeireta e instrumental.
Poderíase dicir que esta asociación folclórica funciona como un centro sociocultural. Nela, ademais de impartir clases de baile e de música baseada nos instrumentos populares, organízanse cursos de harmonía tradicional e actividades relacionadas coas festas de maior raizame, tales como os magostos. Paralelamente, a asociación ten editado varios números da revista de divulgación Algalia. Ao mesmo tempo, e co fin de manter o espírito inicial, desenvolve unha importante actividade de recompilación de repertorio tradicional galego, así como un abundante traballo de campo e recolleita polas zonas rurais máis illadas da xeografía galega (Agarimos A. f., 2020).
A idea orixinaria que impulsou a creación da agrupación a principios do século XX fíxoa partícipe da construción dunha identidade propia para o pobo galego da man da Irmandade da Fala de Santiago de Compostela. Esta Irmandade, como as distintas organizacións que se aglutinaban baixo os epígrafes de Irmandades no resto de cidades galegas, comprende dende os seus comezos o poder de difusión que se atopa no mundo da cultura, e máis concretamente no discurso musical. Un dos principios básicos da Irmandade santiaguesa dende a súa fundación é apoiar e promover a creación dun coro destas características na cidade compostelá (Costa Vázquez, 1999). En canto ao poder do discurso musical na comunicación coas masas, Baily basea a razón desta efectividade no feito de que, pola natureza intrínseca ao discurso musical, este penetra na psique do receptor grazas á súa natureza artística. É esa natureza a que permite engadir ao contido do discurso un valor emotivo que as nosas mentes non logran racionalizar (Baily, 1994). A mensaxe cala profundamente na audiencia sen ser percibido conscientemente polos individuos que a conforman.
Deste xeito enténdese que os catro coros históricos que quedan en activo na actualidade, Cantigas e Agarimos en Santiago, Toxos e Froles no Ferrol, Cántigas da Terra na Coruña e Coral De Ruada en Ourense, son testemuñas vivas do asentamento das bases e reductos identitarios que hoxe en día asumimos como propios.
Conclúese pois que a pesar das distintas vicisitudes e dificultades coas que Cantigas e Agarimos víuse na obriga de lidiar, a súa participación na reconstrución dunha identidade étnica resulta evidente. A agrupación fúndase coa finalidade clara de impulsar o uso da lingua galega e difundir unha estética determinada arredor da tradición. Ademais, participa activamente na normalización do uso do galego non só a través do repertorio popular nos seus concertos, senón tamén mediante os carteis e programas de man. Enténdese que esta achega realízase en varios planos: por unha banda, os propios compoñentes do persoal artístico asimilan o repertorio musical galego e rompen cos estigmas preestablecidos acerca da lingua mediante o seu emprego nos escenarios. Doutra banda, coa súa actividade artística, normalizan o uso do galego fóra do mundo rural á vez que divulgan a música tradicional entre os seus concidadáns e o resto dos municipios galegos. Participan, ademais, na creación dun imaxinario tradicional tanto coa reprodución deste tipo de repertorio como coa recreación de principios estéticos que definen o tradicional galego tales como os bailes, a vestimenta e os elementos escénicos que incorporan nos decorados dos seus espectáculos.
Pero a difusión dos elementos discriminados coma identitarios e tradicionais non chegan de igual xeito a todos os estamentos da sociedade compostelana. Polos primeiros estatutos da agrupación creados no 1926 tras a súa independencia da Unión Protectora de Artesáns, coñécese que os socios da agrupación se dividían en socios honorarios, protectores e activos. Os socios protectores eran os mecenas da sociedade e pertencían, fundamentalmente, as clases medias. Os socios activos non pagaban cuotas e participaban do cadro artístico. Este grupo comprendía xentes humildes e traballadoras de talleres artesanais xunto con operarios das poucas fábricas existentes no Santiago dos anos vinte (Moar, 1924). As elites da cidade quedan pois fóra deste grupo de persoas afíns á entidade e, do mesmo xeito, tampouco parecen mostrar interese pola súa actividade musical permanecendo alleas aos posibles influxos culturais que a agrupación Cantigas e Agarimos desenvolveu nestes primeiros anos da súa historia. Co tempo e os cambios sociais, a entidade amoldarase ás novas situacións e os perfís tanto dos integrantes como da audiencia, previsiblemente, veranse ampliados.
En Cantigas e Agarimos atópase unha proba máis de como as artes en xeral e a música en particular son fillas do seu tempo amosándose permeables aos cambios que acontencen no seu contexto. Son tamén ferramentas poderosas na difusión dun discurso e ideario co que moldear a realidade do noso contorno. Convértese en tema central discernir ata que punto a música está sendo unha resposta a unha necesidade social ou un instrumento dun determinado grupo ideolóxico do que queremos, ou non, participar.
Beatriz Riobóo
Profesora do Cmus Superior de Vigo
Referencias Bibliográficas
«Cantigas e Agarimos». (11 de junio de 1921). El Compostelano, pág. 2.
Agarimos, A. f. (4 de diciembre de 2020). cantigaseagarimos. Obtido de https://www.cantigaseagarimos.es/
Agarimos, C. e. (1972). Anacos dunha vida de 50 anos. Memoria das xornadas comemorativas dos 50 anos de vivencia 1921-1971, 53.
Baily, J. (1994). The Role of Music in the Creation of an Afghn National Identity, 1923-1973. En M. Stokes, Ethnicity, Identity and Music. (págs. 45-60). Oxford-New York: Berg Publishers.
Beramendi González, J. (2007). De provincia a nación: historia do galeguismo político. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Corcuera, F. J. (1985). Nacionalismo y clases en la España de la Restauración. Estudios de Historia Social, 249-282.
Costa Vázquez, L. (1999). La formación del pensamiento musical nacionalista en Galicia hasta 1936. [Tesis Doctoral, Universidad de Santiago de Compostela, España].
Costa Vázquez, L. (2001). Música e galeguismo: estratexias de construcción dunha cultura nacional galega a través do feito diferencial. En X. M. González Reboredo, Etnicidade e Nacionalismo (págs. 249-284). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
El aguinaldo del soldado. (10 de diciembre de 1925). El Compostelano, pág. 2.
Fernández Prieto, L. (2000). Galicia en el siglo xx. Las condiciones del nacionalismo gallego. Las claves de la España del siglo xx. España Nuevo Milenio, (págs. 1-28). Valencia.
Ferrater Mora, J. (19 de diciembre de 2020). Diccionario de filosofía-Filosofía .org. Obtido de http://www.filosofia.org/enc/fer/espipueb.htm
Follas Novas. (4 de noviembre de 1916). El correo de Galicia, pág. 1.
González Reboredo, X. M. (2001). A construcción de referentes de identidade Etno-Nacional. Algunhas mostras sobre Galicia. En X. González Reboredo, Etnicidade e Nacionalismo. Simposio Internacional de Antropoloxía (págs. 201-248). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Ínsua López, E. X. (2016). A Nosa Terra é Nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931). A Coruña: Baía Edicións.
Jurado Luque, J. (2010). A lenda de Montelongo: A zarzuela galega como manifestación cultural multidisciplinar na conformación do nacionalismo galego. A Coruña: UDC.
Moar, J. M. (11 de abril de 1924). del ambiente Santiagués. EL Compostelano, pág. 1.
Noticias. (16 de julio de 1921). El Compostelano, pág. 2.
Noticias de Pontevedra. Villagarcía. Obra Teatral Gallega. (6 de mayo de 1924). El Pueblo Gallego, pág. 7.
Nuestras fiestas patronales. (28 de julio de 1921). El Compostelano, pág. 2.
Nuevo centro en Santiago. (31 de octubre de 1916). La Gaceta de Galicia, pág. 3.
Ortiz de Lejarazu, R. (2018). La pandemia de Gripe Española vista desde el siglo XXI. Anales de la Real Academia de Medicina y Cirugía (págs. 367-384). Valladolid: Universidad de Valladolid.
Pérez Gómez, C. E. (2020). Un siglo de teatro lírico en Vigo: escenarios, intérpretes, repertorios y prácticas de consumo (1832-1931). [Tesis Doctoral, Universidad Complutense de Madrid, España].
Salgado, R. “. (17 de septiembre de 1917). La Gaceta de Galicia, pág. 1.
Servicio de información bibliográfica, B. (8 de diciembre de 2020). Escritores en la BNE. Obtenido de https://escritores.bne.es/web/authors/alfredo-branas-1859-1900/
Tato Fontaíña, L. (1996). O teatro galego e os coros populares (1915-1931). [Tesis Doctoral, Universidad de Santago de A Coruña, España].
Vicente Monteagudo, P., & Fernández Aldrey, S. (2006). Cantigas e Agarimos. Na algalia de arriba. Cantigas e Agarimos . Na algalia de arriba. Santiago de Compostela, A Coruña, España: Ouvirmos.
NOTAS
- Volksgeist é un término derivado dos vocablos alemás Volk-pobo e Geist-alma. O término Volksgeist remontase a Voltaire e Montesquieu para ser posteriormente adoptado por Hegel cá finalidade de referenciar o espíritu do pobo. Dito espíritu mostra os rasgos comúns e inmutábeis que definen unha nación (Ferrater Mora, 2020).
- Alfredo Brañas (1859-1900) foi un economista, periodista y rexionalista galego. Oriundo de Carballo, trasladase a Santiago para realizar os sus estudos de secundaria y universitarios licenciándose en Dereito. Nesta mesma ciudade trascorre a súa carreira profesional dentro dás cátedras de Economía Política, Estadística e Facienda Pública na Universidade de Santiago de Compostela. Xunto con Murguía encabeza o movimento Rexionalista. O seu libro El regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario sentará as bases para o primiero partido nacionalista en Galicia no século XX (Servicio de información bibliográfica, 2020).
- Esta pandemia reducíu a esperanza de vida no primeiro mundo ós 20 anos. Foi especialmente agresiva ca xente máis nova que finaba tan só en 3 ou 5 días tra los primeiros síntomas. Existen certos estudos que cifran en 100 millóns o número de finados a nivel mundial. Foi mal chamada gripe española debido a que España, que non sufría a censura militar dos países inmersos na I Guerra Mundial, facía públicos os datos dos finados pola enfermidade (Ortiz de Lejarazu, págs. 369-372).
- O municipio de Lavadores, na actualidade un barrio máis da cidade de Vigo, funcionaba coma concello independiente ata o 9 de abril do 1941 data na que incorporase ó concello olívico (Pérez Gómez, 2020, pág. 44).