CUT TIME // NÚMERO #2

Voltamos un ano despois co noso número 2. Un ano que na “vida musical” (se podemos crer na existencia de tal concepto!) da nosa cidade, estivo sen dúbida marcado pola celebración da exposición en torno ao “Pergamiño Vindel”. Un tempo por tanto, centrado na valoración dun patrimonio por veces descoñecido e esquecido, e do que nos facemos tamén conta na nosa revista.

Ademais diso, nela atoparemos a mesma diversidade que anunciábamos no noso número fundacional: dende as orixes do “folk” galego, até o pormenorizado relato da construción do mito dun dos grupos clásicos do rock dos anos 70 e 80; da procura de referentes musicais femininos a través da rede até un amplo panorama do proceso de creación das orquestras galegas a partires dos anos 80; da obra teatral dun dos compositores referentes do século XX á reflexión e cuestionamento da práctica docente no ensino da linguaxe musical.

É por tanto o deste número un tempo lonxano e próximo á vez. Con reminiscencias de pasados mitificados e promesas de futuros onde tal vez un día “…bañar nos emos nas ondas”.

Baldomero Barciela
Maio de 2018