Moules, frites… e moito violín

Hai dous anos que vivo en Bruxelas, capital de Europa pero sen embargo unha grande descoñecida en moitos sentidos. Tamén para min nun primeiro momento o foi, pois tratábase dunha non moi planeada e derradeira oportunidade que me restaba de estudar no estranxeiro despois de quedarme fóra dos dous conservatorios aos que pretendía entrar en Alemaña. Pero o certo é que, tras a sorpresa inicial, non podería estar máis contenta de ter acabado aquí, nesta cosmopolita cidade na que se respiran todas as culturas do mundo e se escoitan todas as linguas. Bélxica é o berce da escola franco-belga de violín, ademais de país natal de compositores como Ysaye ou Gretry e do saxofón, instrumento que naceu na cidade de Dinant.

Comezarei por relatarvos a miña andaina belga dicindo que a vida aquí e moi diferente a España, dende os horarios ata a forma de ser das persoas. A miña xornada normalmente comeza indo ao conservatorio sobre as oito ou nove da mañá, onde estudo, recibo as clases e paso a maior parte do día. No inverno non é doado, pois o sol ponse moi cedo e ás veces entro e saio de alí en completa escuridade, algo ao que me costou acostumarme tendo en conta ademais o frío que fai sempre (este ano mesmo nevou en abril!). Ademais, o feito de ter que deixar o meu fogar, familia, amigos e en xeral o meu modo de vida resultoume nun principio bastante difícil, aínda que unha vez que atopas o equilibrio e comezas a habituarte as novas rutinas, despois o difícil e volver a Vigo e retomar as antigas!

Como xa dixen antes, en Bruxelas podes atopar xente de todos os recunchos do mundo, e o conservatorio non é unha excepción. Na miña clase teño compañeiros de todos os continentes, o que fai tamén que o nivel de aprendizaxe sexa moi diferente. Por iso, para a xente que xa ven cunha base de coñecementos máis avanzada é posible facer dous anos nun, mentres que para os alumnos con máis dificultades hai programas especiais que van de maneira máis lenta. É unha ensinanza moi personalizada, onde podes ir ao teu ritmo sen ningún tipo de impedimento, e na que o que prima e a formación como instrumentista, sendo as materias teóricas moito máis lixeiras que en España e máis orientadas a desarrollar o oído, a entonación e o ritmo, que a aprender grandes cargas de información. Normalmente, só temos clase de cada asignatura un día á semana, pero estas poden durar dúas ou tres horas, e se imparten en inglés ou neerlandés, aínda que como a maioría somos extranxeiros, case todos imos aos grupos ingleses.

As clases de instrumento adoitan ser unha vez á semana, e moitas veces cando o “Professor” viaxa moito e non pode vir con regularidade, contamos cos asistentes, que complementan o traballo do titular. Ademais, se tes interese mesmo é posible coñecer outros profesores indo ás súas clases como oínte. En xeral o ambiente é moi relaxado e familiar, pois o conservatorio non ten moitísimos alumnos, o que fai que todos nos coñezcamos entre nós e incluso un par de veces ao ano contemos con festas dentro do conservatorio organizadas polos mesmos alumnos.

Desgraciadamente, debido ao Covid-19 este último ano todas as clases teóricas as recibimos online, e as materias prácticas o foron durante gran parte do tempo tamén, o que fixo bastante difícil poder seguir o ritmo que me gustaría e ademais provocou que o contacto social cos meus compañeiros fora ata fai un par de meses case nulo. A pesares disto, podo dicirvos que a calma e tranquilidade que se respira na cidade e a ensinanza que recibo fixéronme crecer en gran medida e ensináronme a tomarme o tempo preciso para cada cousa, intentando desfrutar do proceso de aprender e facer ben as cousas, en definitiva de desfrutar aínda máis a música.

Bruxelas, impregnada de olor a gofre, coas súas rúas empedradas e recollidas, os seus edificios baixos e o seu brillo cálido, propicia un marco perfecto para a concentración e o afondamento na música e no seu estudo.

Laura Morales Rejas

Ex-alumna do Cmus Vigo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *