Editorial

CUT TIME // NÚMERO #5

Cinco números… cinco anos!

Cando comezamos a nosa andaina hai xa un lustro, non tiñamos moi claro canto podería extenderse o noso percorrido. Editar unha revista de reflexión musical nun conservatorio como o noso, onde a maioría do alumnado é moi novo e por tanto aínda non desenvolveu as destrezas necesarias para facer un cuestionamento profundo do mundo musical que o circunda, pode resultar un reto difícilmente superable. Pero sorprendentemente a nosa publicación foi evolucionando estes anos dun xeito moi interesante: dende os primeiros números onde primaban os artigos de profesorado e colaboracións externas, até os últimos anos onde  como neste mesmo, predominan as publicacións de alumnas e alumnos, con intereses moi diversos e variados.

Fronte a publicacións de anos anteriores moi centradas en contidos históricos, o noso número cinco presenta un interese maior pola relación da música coa fixoloxía, ou mesmo coa física. Atoparemos neste sentido unha clarísima e divertida introdución á comprensión dos temperamentos musicais. Dous artigos preséntannos as sorprendentes e aínda escuras relacións entre cerebro e música, nos seus aspectos máis experimentais ou a través  dunha posible aplicación práctica mediante a musicoterapia. Unha análise dun estudo de Chopin, proponnos novas vías onde a apropiación dunha peza clásica na cultura popular pode suxerir ideas diverxentes de interpretación. Recuperamos a nosa sección Do mundo exterior, onde unha antiga alumna do centro fálanos da súa experiencia en Bélxica. E a pesar do dito non podía faltar unha aproximación histórica ao fenómeno do folclore galego, que completa o aparecido en números anteriores.

Cinco anos poden parecer moitos… ou poucos, nunha concepción do tempo que nós sempre temos considerado relativa. En todo caso, estamos contentos de ter chegado até aquí e esperamos poder seguir aportando unha visión fresca sobre as músicas que amamos, durante algúns lustros máis (ou anos…).

Baldomero Barciela
Decembro de 2021