Un achegamento aos proxectos de sinfonismo en Galicia no período 1980-2018.

Corría o ano 1968 cando o mestre Rogelio Groba Groba, director da banda municipal de A Coruña e da coral polifónica “Follas Novas”, conxuntamente con Luís Coello Buendía, director de Música do Goberno Militar de A Coruña, presentaban aos poderes políticos un proxecto para a creación dunha orquestra sinfónica que representase a toda a comunidade galega. A idea inicial xurdira do alcalde daquel momento, Demetrio Salorio Suárez, e o obxectivo era formar unha agrupación de setenta e dous membros que dese oportunidades e ofrecese unha experiencia orquestral ao alumnado dos conservatorios. Nas bases especificábase que debería estar integrada por profesores galegos e que servise para dar difusión aos compositores da rexión. Devandito proxecto foi presentado no Concello de A Coruña, onde se desestimou a proposta.

Será finalmente no ano 1982 cando se teña en conta o proxecto ideado por Rogelio Groba, e o Concello de A Coruña proceda á creación da Orquestra de Cámara Municipal, como primeiro paso para o nacemento posterior da Orquesta Sinfónica de Galicia. A presentación oficial da devandita formación tivo lugar o 14 de decembro no Festival Musical Galaico-Portugués celebrado no teatro Rosalía de Castro de A Coruña, baixo a batuta do propio mestre Groba. A pesar das dificultades de contratación dos músicos e outros problemas de moi diversa índole, podemos dicir que esta formación pasaría á historia como a primeira orquestra profesional de Galicia. No ano 1984, o Concello envía un escrito á Xunta de Galicia pedíndolles cofinanciamento. Para o proxecto non houbo noticias ata abril de 1986 e estas foron, en palabras de Groba, que “o presidente da Xunta encargara o proxecto a un afeccionado, catedrático dunha lingua morta e sen estudos nin experiencia musicais”1. Todo apuntaba a que non era a persoa máis idónea para facerse cargo dunha empresa de tal envergadura e así o fixeron saber publicando unha carta de protesta o musicólogo José López-Calo, os directores Juan Trillo e Carlos Villanueva, e o propio Rogelio Groba.

O 29 de abril de 1987 preséntase a Orquestra do Conservatorio Superior de Música de A Coruña dentro do “Ciclo de actividades non reguladas” que ofrecía o propio Conservatorio, unha vez máis con Rogelio Groba como director da mesma agrupación. Esta formación xorde polo interese dos alumnos/as de posuír un vehículo propio que lles permitise expresar as súas inquedanzas musicais. O director da orquestra era Amador Santos Bartolomé (tamén director da Banda Municipal de Santiago e profesor de harmonía do Centro). Esta agrupación de estudantes tamén serviu, en ocasións, como reforzo para a propia Orquestra de Cámara Municipal.

Imaxe 1: Orquestra de Cámara Municipal dirixida por Luis Izquierdo (7 de xuño de 1990, Teatro Rosalía de A Coruña).

O 13 de xuño de 1991 a Orquestra de Cámara Municipal celebra un concerto dedicado aos 200 anos da morte de Mozart, o cal significou, ironicamente, a “morte” desta formación, pois por decreto oral do concelleiro de Cultura, Eduardo Branco, desaparecería súbitamente. Os músicos da Orquestra de Cámara Municipal foron relegados á Banda-Orquestra Municipal. Isto debíase a que se estaba preparando a creación da actual Orquesta Sinfónica de Galicia na que non figuraría nin un só galego no persoal.

O 4 de maio de 1992 convocábanse unhas probas de selección para formar a Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG), ás cales acudiron 968 músicos. Escolléronse setenta e cinco (trinta e oito homes e trinta e sete mulleres), cunha media de idade de 28 anos e de catorce nacionalidades diferentes, entre os que se atopaban tan só nove españois. O 15 de maio presentábase a orquestra cun concerto no Palacio de Congresos de A Coruña, o cal se retransmitiu por Radio 2 e completou a capacidade do Palacio (1.700 persoas). O concerto foi dirixido polo mestre Sabas Calvillo e se interpretaron Espacio de Espejo de T. Marco, Ultreia de R. Groba, Concerto para violoncello e orquestra de Dvorak con Misha Maisky como solista e Cadros dunha exposición, de M. Mussorgsky. O programa foi repetido en Santiago e Vigo, nesta último cidade cun baixo índice de asistencia, rexistrándose tan só unha trintena de persoas.

Imaxe 2: Primeiro ensaio da OSG, o 4 de maio de 1992, con Sabas Calvillo.

No ano 1993 Víctor Pablo Pérez convértese no director titular ata 2013, cando Dima Slobodeniuk tomaría a batuta, pasando o mestre Víctor Pablo a converterse no director honorario da formación. Actualmente, o seu persoal está constituído por setenta e nove músicos (catro máis que no momento da súa formación) e cunha repartición de nacionalidades bastante similar ao de 19922. Do total, soamente son españois quince músicos (19%) e destes, soamente dous son galegos (2,5%). Se analizamos as nacionalidades por especialidades, obtemos os seguintes datos: En corda soamente figuran tres españois (5,6%), dos cales un é galego (1,8%); en vento e percusión a porcentaxe aumenta ao haber doce españois na sección (46,1%) dos cales, soamente un é galego (3,8%).

Pero volvendo á década de 1980, máis concretamente en 1987, xurdirá en Santiago de Compostela un proxecto de formación musical eficiente da man de Joám Trillo3. Trátase da Xoven Orquestra de Galicia (XOGA), a cal nace a partir dun anteproxecto do propio mestre, quen xa fundara a Orquestra de Santiago no ano 1978, unha agrupación constituída por estudantes de corda do Conservatorio de Santiago e sen ningún tipo de respaldo económico significativo.

A XOGA contaba coa participación dun cuarteto estable e en activo, o “Cuarteto Moravo”, quen preparaba ás seccións de corda, ademais de impartir clases para elevar o nivel artístico dos estudantes. Os admitidos nesta formación posuían unha bolsa para poder dedicarse á actividade musical a tempo completo. Con este proxecto pretendíase dar unha formación a todos estes instrumentistas de corda que se atopaban descentralizados naqueles tempos en Galicia, cando a escaseza de profesores e de orquestras era a nota predominante. Ademais, outra das súas facetas era a de rescatar obras do panorama galego e apoiar aos compositores da terra, a través da interpretación das súas obras. A orquestra non buscaba cubrir unha programación dunha tempada, senón realizar concertos que ademais de redundar na citada formación dos seus integrantes tivese un labor interesante para Galicia, por iso tamén realizaban concertos pedagóxicos en colexios e institutos.

Imaxe 3: A XOGA ao completo e o seu director no centro ao final.

Debido ao notable desenvolvemento desta institución, a Xunta de Galicia enviouna como embaixadora cultural a Latinoamérica (Venezuela, Colombia, Chile, Arxentina, Uruguai) onde realizou unha xira de vinte e sete días con vinte e tres concertos —presentándose nos auditorios máis importantes destas cidades— e a países europeos como Suíza e Portugal. O 17 de maio de 1994 celebrouse no Auditorio de Galicia (o primeiro auditorio da Comunidade autónoma galega inaugurado o 20 de outubro de 1989 e obra do arquitecto Julio Cano Laso) o concerto de presentación do seguinte paso da XOGA: A Orquestra da Comunidade Autónoma de Galicia (OCAG). Os alumnos bolseiros con mellor traxectoria cambiaban a súa relación contractual pasando a ser profesionais. O 2 de decembro de 1994, publícase en prensa a creación dunha nova OCAG (que sería a Real Filharmonía actual) e dunha Escola de Altos Estudos Musicais, que suplantaría á xa existente OCAG, propoñéndose que sería formada por músicos estranxeiros, xa que “o nivel actual dos músicos galegos non era o adecuado para competir internacionalmente”4. Os membros da OCAG comezaron entón coas primeiras mobilizacións nunha campaña para informar do que estaba a suceder en realidade, a través da lectura de comunicados nos seus concertos. Mostrábanse remisos ante un novo proxecto que lles parecía elitista e megalómano e que non contemplaba ningunha fórmula para potenciar aos músicos e a música galega. Os medios de comunicación mostráronse bastante pasivos ante este conflito, e o Concello e a Consellería de Cultura de Santiago cancelarían, nas súas institucións, as próximas actuacións da orquestra para deter esta conduta. A continuación, créase unha plataforma para a defensa da OCAG, tentando sen éxito establecer diálogo coas autoridades. Recollen unhas 17.000 sinaturas, aproximadamente, e realízanse concertos reivindicativos na rúa e nos conservatorios. Finalmente, o conselleiro de cultura, Víctor Vázquez Portomeñe, reúnese cos representantes da Plataforma para, simplemente, limitarse a ler o decreto que regulaba a Escola de Estudos Musicais e a nova OCAG, e non permitindo ningún tipo de negociación. Atopámonos entón no ocaso deste proxecto tan innovador e con tanto éxito, e nunca saberemos como estaría o nivel musical galego actualmente no caso de continuar coa formación dos seus músicos a través de proxectos como este:

“Especialmente emotiva fue la interpretación que corría a cargo de la Orquesta de la Comunidad Autónoma de Galicia, una orquesta con unos meses de existencia, que nace de la antigua Xove Orquesta de Galicia reconvertida con profesionales y becarios en un ejemplo de lo que puede ser una buena orquesta española, sin importar rusos por toneladas”5.

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) preséntase o 29 de febreiro de 1996 cun concerto no Auditorio de Galicia, interpretando a Suite Amadís de Gaula de J. C. Bach e baixo a batuta de Helmuth Rilling, director titular ata o ano 2000 e o encargado de formar a orquestra a través dunhas probas de acceso en Stuttgart, onde se escolleron aos trinta e cinco músicos fundadores da formación.

Imaxe 4: Doce dos dezaséis músicos da RFG que forman parte dela dende o ano de formación.

Ros Marbá tomará a dirección da formación no ano 2001 ata o 2013, deixando paso a Paul Daniel ese mesmo ano, manténdose no cargo ata a actualidade. Maximino Zumalave figura como director asociado e Jonathan Webb como principal director convidado desde a tempada 2016/2017. O seu persoal está constituído por corenta e nove músicos, dezaseis dos cales forman parte dela desde os seus inicios6. Igualmente que a OSG, a RFG alberga moitas nacionalidades diferentes na súa orquestra, pero nesta quizais haxa algo máis de representación rexional. Do total, dezasete son españois (34,7%), dos cales seis son galegos (12,2%). Se analizamos por seccións chegamos a extraer os seguintes datos: En corda atopamos seis españois (17%), dos cales tres son galegos (8,6%); en vento e percusión a porcentaxe aumenta ao haber once españois na sección (78,6%), dos cales tres son galegos (21,4%).

Ata este momento, falamos dos proxectos de sinfonismo na provincia de A Coruña, onde residen na actualidade dúas orquestras profesionais subvencionadas pola Xunta e os seus respectivos concellos, ademais doutras entidades alcanzando un orzamento anual de aproximadamente 9,6 millóns de euros no caso da OSG e 4,6 millóns de euros no da RFG.

Na provincia de Pontevedra xorde en 1989 a Orquestra Clásica de Vigo. Esta formación independízase ese ano, pero ten as súas orixes nun grupo de trece alumnos do Conservatorio Superior de Música de Vigo que, por iniciativa do profesor de violín e viola Manuel Martínez Álvarez-Nava, únense e presentan, o 8 de xuño de 1984, a Orquestra de Cámara do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Os seus obxectivos principais eran incorporar a novos músicos en base á súa formación e tentar adquirir protagonismo na cidade a través de concertos en datas sinaladas como nadal, a festividade de Santa Cecilia, etc. Continúan aumentando a súa actividade progresivamente, e no ano 1988 a formación pasa a denominarse Orquestra de Alumnos do Conservatorio de Vigo, contando neste momento con vinte e cinco membros. Unha vez que se establece a Orquestra Clásica de Vigo, a partir do ano 1989, realizan numerosos concertos pola xeografía galega (moitos deles patrocinados pola Xunta de Galicia) e algunhas cidades españolas. No ano 1993 inician unha liña de traballo nova onde un instrumentista destacado realiza máster clases, ademais de tocar de solista coa orquestra. No ano 1996 comezan coa realización de Concertos Didácticos. Estas actividades amplíanse, finalmente, coa firma dun pequeno convenio co Concello de Vigo no ano 2000. Esta orquestra, a pesar dos seus escasos apoios económicos, e de non situarse no ámbito profesional, segue existindo na actualidade, dando cabida a todo tipo de estudantes que comezan, dese modo, a súa andaina orquestral.

Imaxe 5: Orquestra clásica de Vigo con Manuel Martínez Álvarez-Nava como director.

Non será ata o ano 2005 cando, por iniciativa do violista e pedagogo Javier Escobar, xorde o Ensemble Vigo 430. Debido a unha amizade e estancia conxunta na Joven Orquestra Nacional de España (JONDE) co solista Alejandro Garrido, presentan o Ensemble Vigo 430, o 28 de xaneiro de 2005, cun concerto de clausura do Curso de viola que se levou a cabo no Conservatorio Superior de Música de Vigo. O evento tivo lugar no Auditorio Martín Códax e o Ensemble estaba formado por nove músicos de corda, un continuo, dous clarinetes solistas que interpretaron o Concerto en Re Menor de G. P. Telemann e Alejandro Garrido, tamén no papel de solista, que interpretou o Concerto en Sol Maior de G. P. Telemann e o Concerto en Re Maior de K. Stamitz. Completaría o programa o Concerto en Sol Maior “Alla rustica” de A. Vivaldi. A partir de aquí realízanse diferentes concertos pola xeografía galega e o norte de Portugal, con Alejandro Garrido como director.

A Orquestra Sinfónica Vigo 430 (OSV430) xorde cando o Concurso Peninsular de Piano “Real Club Náutico de Vigo”, cuxo director artístico era José Manuel Fernández González, solicita a presenza dunha formación orquestral no evento. Figuraba nas súas bases que a final do concurso da categoría sénior sería acompañada pola Orquestra Vigo 430 (dirixida por Alejandro Garrido). Así mesmo, o único gañador gravaría un CD con esta formación. É o 30 de novembro de 2008 cando ten lugar a final do concurso no Centro Cultural Caixanova (hoxe renomeado como Teatro Afundación) e o Ensemble Vigo 430 pasa a contar cun persoal de vento e percusión estable e transformarse, por tanto, na Orquestra Vigo 430, un proxecto que na actualidade continúa unicamente cunha subvención do Concello de Vigo, ofrecendo á cidade unha tempada estable de concertos desde 2009.

Imaxe 6: Orquestra Sinfónica Vigo 430 dirixida por Irene Gómez-Calado. 16-02-2018.

O proxecto conta con catro seccións ben diferenciadas: orquestra sinfónica, orquestra xove, barroca e ensemble: O Ensemble Vigo 430 continúa a esencia do proxecto con concertos de música de cámara; a Orquestra Xove creada no 2012, é considerada como a canteira de novos músicos entre 14 e 23 anos que, nun futuro, poidan formar parte da agrupación principal; a Orquestra Barroca, creada en 2014, é a única orquestra en Galicia especializada en música antiga e centrada principalmente na interpretación de música anterior á primeira metade do século XVIII; e a Orquestra Sinfónica que dá cabida a músicos galegos principalmente, completando o seu persoal con instrumentistas españois e estranxeiros.

Julia Estévez

Profesora do Cmus de Vigo

Bibliografía

Andrade Malde, Julio: “Orquesta Sinfónica de Galicia: Tiempos difíciles”, en Scherzo, 26 (266), 2011.

Andrade Malde, Julio: “Orquesta Sinfónica de Galicia. Conservadora y progresista”, en Scherzo, 24 (244), 2009.

Andrade Malde, Julio: “Sinfónica de Galicia. Visitas, estrenos e incidencias”, en Scherzo, 21 (206), 2006.

Collado Gueva, Gloria: “10 años de la Real Filharmonía de Galicia” en Doce notas (52), 2006.

Fernández Vázquez, Manrique: Rogelio Groba: Meditacións en branco e negro. Galicia: Xerais, 1999.

Fernández, José Luis: “Real Filharmonía de Galicia: Del barbero a la escuela”, en Scherzo, 26 (266), 2011.

Fernández, José Luis: “Real Filharmonía de Galicia: Equilibrio”, en Scherzo, 25 (255), 2010.

Fernández, José Luis: “Real Filharmonía de Galicia. Vientos del este”, en Scherzo, 22 (227), 2008.

Garbayo Montabes, Francisco Javier: “La Xoven Orquestra de Galicia: una necesidad convertida en futuro”, en Ritmo, 61 (615), 1990.

García Caballero, María: La vida musical en Santiago a finales del siglo XIX. Lugo: Alvarellos, 2008.

Gómez Vilar, Jennifer & Martínez Iglesias, Cecilia & Archivo Orquesta Clásica de Vigo: Orquesta Clásica de Vigo. 25 años de música, 2009.

Groba Groba, Rogelio: “Orquesta de Cámara de La Coruña, ¿Unas instituciones que se hallan en el ocaso?”, en Las Orquestas no estatales, su problemática. Vª Decena de Música en Sevilla 1973. Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia, Comisaría Nacional de la Música, 1974.

Llano Ruíz, Carmen: “Xoven Orquestra de Galicia: Una solución a tener en cuenta”, en Da Capo Panfleto Musical Independiente del Pais, II, 1990.

Marco, Tomás. Diario 16, 13-9-1994.

Referencias electrónicas

Andrade, Alfonso: “Primer ensayo de la Sinfónica de Galicia, con músicos de 14 nacionalidades y 9 idiomas sobre el escenario”. La Voz de Galicia, 03-05-2017. Dispoñible en: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2017/05/03/primer-ensayo-sinfonica-galicia-musicos-14-nacionalidades-9-idiomas-sobre-escenario/0003_201705H3C11995.htm (última consulta 8 de abril de 2018).

Blasco, Ana: “La Xunta aporta un tercio del presupuesto de las orquestas de A Coruña y de Santiago”, en El Faro de Vigo, 20.09.2012. Dispoñible en: http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2012/09/20/xunta-aporta-tercio-presupuesto-orquestas-coruna-santiago/684838.html (última consulta 8 de abril de 2018).

Cancelas, Beatriz; “20 años de historia. Galicia y su Real Filharmonía”, en Codalario, 29-02-2016. Dispoñible en: https://www.codalario.com/portal/opinion/20-anos-de historia-galicia-y-su-real-filharmonia-por-beatriz-cancela_3773_32_10481_0_1_in.html (última consulta 8 de abril de 2018).

Iglesias, Ana: “Cumple quince sonoros años la Real Filharmonía”, en El Correo
Gallego, 23-02-2011. Dispoñible en: http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/cumple-quince-sonoros-anos-real-filharmonia/idEdicion-2011-02-23/idNoticia-642695/ (última consulta 8 de abril de 2018).

Jiménez, José Luis: “Bodas de Plata para un lujo de orquesta”, en ABC Galicia, 23-05-2017. Dispoñible en: http://www.abc.es/espana/galicia/abci-bodas-plata-para-lujo-orquesta-201705191247_noticia.html (última consulta 20 de abril de 2018).

Orquesta Sinfónica de Galicia: página web oficial. Dispoñible en: http://www.sinfonicadegalicia.com/ (última consulta 8 de abril de 2018).

Real Filharmonía de Galicia: página web oficial.Dispoñible en: http://www.rfgalicia.org/es (última consulta 8 de abril de 2018).

Redacción: “Las autonomías mantienen 27 orquestas pese a su alto déficit”. El Economista, 10-12-12. Dispoñible en: http://www.eleconomista.es/espana/noticias/4458042/12/12/Las-autonomias-mantienen-27-orquestas-pese-a-su-alto-deficit.html (última consulta 8 de abril de 2018).

Redacción: “Los galardonados del Concurso de Piano del Náutico ofrecieron ayer un concierto en el Teatro Caixanova”, en Noticias Real Club Náutico de Vigo, 17-06-2010. Dispoñible en: http://rcnauticovigo.com/es/categorias.php?var1=NOTICIAS&var2=&var3=Los+galardonados+del+Concurso+de+Piano+del+N%26aacute%3Butico+ofrecieron+ayer+un+concierto+en+el+Teatro+Caixanova&nar1=5&nar2=755&nar3=23892&vez=2&pagina=369#.WTp86BPyg18 (última consulta 8 de abril de 2018).

Redacción: “Se presentó una nueva edición del Concurso de piano del Náutico”, en Noticias Real Club Náutico de Vigo, 27-11-2008 Dispoñible en: http://rcnauticovigo.com/es/categorias.php?var1=NOTICIAS&var2=&var3=Se+present%26oacute%3B+una+nueva+edici%26oacute%3Bn+del+Concurso+de+Piano+del+N%26aacute%3Butico&nar1=5&nar2=755&nar3=11770&vez=2&pagina=1581#.WTpz0hPyg18 (última consulta 8 de abril de 2018).

Fontes das imaxes

Imaxe 1:Fernández Vázquez, Manrique: Rogelio Groba: Meditacións en branco e negro. Galicia: Xerais, 1999.; p.248.

Imaxe 2:Jiménez, José Luis: “Bodas de Plata para un lujo de orquesta”, en ABC Galicia, 23-05-2017. Dispoñible en: http://www.abc.es/espana/galicia/abci-bodas-plata-para-lujo-orquesta-201705191247_noticia.html (última consulta 20 de abril de 2018).

Imaxe 3: Garbayo Montabes, Francisco Javier: “La Xoven Orquestra de Galicia: una necesidad convertida en futuro”, en Ritmo, 61 (615), 1990; p. 16.

Imaxe 4:Iglesias, Ana: “Cumple quince sonoros años la Real Filharmonía”, en El Correo
Gallego, 23-02-2011. Dispoñible en: http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/cumple-quince-sonoros-anos-real-filharmonia/idEdicion-2011-02-23/idNoticia-642695/ (última consulta 8 de abril de 2018).

Imaxe 5: Gómez Villar, Jennifer & Martínez Iglesias, Cecilia & Archivo Orquesta Clásica de Vigo: “Orquesta Clásica de Vigo. 25 años de música”, 2009.

Imaxe 6: Arquivo persoal da autora

NOTAS

  1. Fernández Vázquez, Manrique: Rogelio Groba. Meditacións en branco e negro. Galicia: Xerais, 1999; p.216.
  2. Andrade, Alfonso: “Primer ensayo de la Sinfónica de Galicia, con músicos de 14 nacionalidades y 9 idiomas sobre el escenario”, en La Voz de Galicia, 03-05-2017. Dispoñible en: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2017/05/03/primer-ensayo-sinfonica-galicia-musicos-14-nacionalidades-9-idiomas-sobre-escenario/0003_201705H3C11995.htm
    (última consulta 8 de abril de 2018).
  3. Llano Ruíz, Carmen: “Xoven Orquestra de Galicia: Una solución a tener en cuenta”, en Da Capo Panfleto Musical Independiente del Pais, II, 1990; pp.56-57.
  4. Orden que regula el funcionamiento provisional de la XOGA, 1987.
  5. [Redacción] Marco, Tomás. Diario 16, 13-9-1994.
  6.  Iglesias, Ana: “Cumple quince sonoros años la Real Filharmonía”, en El Correo Gallego, 23-02-2011. Dispoñible en: http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/cumple-quince-sonoros-anos-real-filharmonia/idEdicion-2011-02-23/idNoticia-642695/ (última consulta 8 de abril de 2018).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *