Editorial

CUT TIME // NÚMERO #3

E chegamos ao noso número 3! Ao comezar un proxecto coma o dunha revista de música dun conservatorio, é difícil saber canto se vai prolongar no tempo. Son moitos os factores que inflúen no desenvolvemento do mesmo: os azos para mantelo en pé, o interese das colaboradoras, a repercusión da propia publicación… Pero con todo, seguimos aquí.

E seguimos cun número cunha personalidade un pouco diferente. Até o de agora a meirande parte dos artigos foran escritos por profesorado, ex-alumnas do centro ou musicólogos que tiñan xa unha bagaxe importante nas súas carreiras profesionais. Pero no número deste ano, a maioría das colaboracións pertencen a alumnado que aínda cursa os seus estudos no centro e para os que na maior parte dos casos, é a primeira vez que realizan un artigo destas características. Un número por tanto moito máis “novo”.

Polo demáis atopamos nas temáticas a mesma diversidade que en ocasións anteriores: dende unha descrición pormenorizada da psicodelia alemá dos anos 70 até unha introdución á cultura dunha tribo ugandesa; dun panorama da creación musical alternativa en Vigo até a apreciación psicolóxica da duración do tempo musical; da creación popular de himnos até as receitas para facer un cover de éxito; ou de como o que podía ser unha relación histórica das orquestras femininas acaba transformándose nunha constatación do machismo aínda imperante na música clásica.

O que si é unha absoluta novidade é a publicación da nosa primeira partitura, o que esperamos que sexa só o inicio dun longo camiño que amose a creatividade que aniña no noso centro.

Baldomero Barciela
Maio de 2019