Isabelle Faust e a OSG

Isabelle Faust, (violín), Orquestra Sinfónica de Galicia, Giancarlo Guerrero (director).

Concerto para violín Op. 61 e Sinfonía nº 7 Op. 92 de L. V. Beethoven. Vigo: Teatro A Fundación, 15 de Decembro de 2016

O pasado 15 de decembro asistín ao Concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia con Isabelle Faust como solista invitada e baixo a batuta de Giancarlo Guerrero. Cabe destacar un erro no programa e máis na entrada, que indicaba que tocaría a Real Filharmonía de Galicia. A primeira parte, con Isabelle Faust e o Concerto de violín de Beethoven foi moito máis interesante que a segunda, coa sinfonía nº7 do mesmo compositor. Esta recepción do concerto é case a contraria que a que tiveron ambas obras na súa época, tendo un estreo brillante a sinfonía (incluso tiveron que repetir o allegretto, baixo a batuta de Beethoven) que o concerto, que tivo unha acollida bastante pobre e inesperada polo compositor.

A primeira obra foi o Concerto en Re M, Op. 61 de Beethoven para violín e orquestra. A solista alemá interpretouno con gran mestría (xa o tiña gravado previamente) ante un auditorio case cheo. Exhibindo unha moi depurada técnica e sacándolle un gran son ao violín, tocou un primeiro movemento excelente rematando cunha cadencia pouco habitual con acompañamento de timbais. Os dous restantes movementos non foron tan impactantes coma o primeiro, mais a claridade e a limpeza coa que sucedía as notas estiveron sempre presentes, acompañadas dunha gran expresividade, enlazando as súas intervencións e dialogando co resto da orquestra. Antes esta moi boa primeira parte do concerto, Isabelle Faust viuse “obrigada” a tocar unha propina para violín solo.

Despois do descanso, a segunda metade consistiu na Sinfonía nº7 de Beethoven en La M, Op. 92. A disposición da orquestra foi característica, colocando aos violíns no lugar dos chelos e desprazando ás violas, ademais de situar as dúas trompetas ao fondo do escenario, máis atrás aínda que a percusión. Este afastamento das trompetas utilizouno o director para, nas pasaxes de dinámica máis forte, dar máis enerxía a orquestra e conseguir máis son, recurso que nalgún caso quedou moi forzado e inexpresivo, xa que ao principio da sinfonía quedaba ben pero chegando aos movementos finais era moi repetitivo. Sen dúbida, o segundo movemento (allegretto) foi o mellor, quizais porque foi levado a un tempo máis acorde coas indicacións. Os tres movementos restantes foron levados a un tempo bastante lento, o que provocou que o concerto levase un ritmo un tanto decaído.

Destacou tamén o director, que dirixiu tanto o concerto como a sinfonía sen partitura e sempre con moita expresividade.

Paulo Pérez
Alumno de 6º de GP do Cmus Vigo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *