O SECRETO DETRÁS DO ÉXITO DUN COVER

“Os Covers de Metallica”

Un pouco de historia

Metallica é unha banda estadounidense de Heavy Metal formada en 1981 en Los Ángeles en torno aos daneses Lars Ulrich e James Hetfield. A eles uníronse, ao principio, Lloyd Grant e Ron McGovney, pronto substituídos polo guitarrista Dave Mustaine e o baixista Cliff Burton, respectivamente. En 1982 Kirk Hammett ocupou o lugar de Mustaine; en 1986, a morte de Cliff Burton nun accidente levou ao grupo a Jason Newsted, que sería substituído quince anos despois polo baixista Robert Trujillo.

En maio de 1983 aparece publicado “Kill `Em All”, co que Metallica consegue vender máis de 300.000 copias en poucas semanas, o que propicia unha gran xira por todos os Estados Unidos. Un ano despois aparece o seu segundo álbum, titulado “Ride the lightning”, con algunhas cancións notables como “From whom the bell tolls” e a balada “Fade to black”. Uns meses despois, Metallica realiza unha xira por Europa que lle leva a percorrer todo o continente antes de regresar a Estados Unidos.

En 1986 Metallica publica “Master of Puppets”, o último traballo en que participa o baixista Cliff Burton antes de falecer. Tras recrutar a un novo baixista, retoman a súa actividade con concertos en Xapón e os Estados Unidos. A finais de 1988 lanzaron o álbum “And justice for all”, que entrou no top dez do seu país cunha acollida excelente. Tres anos despois tivo lugar a publicación de “Metallica”, un álbum de son máis comercial que os anteriores. Con máis de dez millóns de copias, é un dos discos de Heavy Metal máis vendidos da historia do xénero.

En xuño de 1996 saíu á luz “Loade”, álbum que representou un brusco xiro na súa carreira, non só polo cambio de imaxe, senón tamén pola inclusión de ritmos soul e dalgúns outros estilos e polo abandono da dureza das súas anteriores composicións, o que aproximou ao grupo ás tendencias do Hard Rock e do rock alternativo. “Reload” (1997), tal e como suxire o título, seguiu a liña do seu predecesor. Os seus últimos álbums, “St. Anger” (2003) e “Death Magnetic” (2008), alcanzaron tamén a primeira posición nas listas Billboard, aínda que con cifras de vendas menos espectaculares.

Covers

O termo cover do inglés pode traducirse como “tapa” ou “cuberta”, pero este tamén pode ser usado no ámbito musical para referirse a unha versión dunha canción ou obra que é interpretada por un autor ou autores distintos aos orixinais. Noutras palabras, un cover é unha versión diferente dun tema musical interpretado por outro artista.

Cabe destacar que unha mesma canción pode ter diversos covers diferentes proviñentes de diversas bandas, de feito que a día de hoxe existen numerosas bandas e artistas que se dedican exclusivamente á interpretación de covers, xa sexan realizados como tributo a unha banda ou artista concreto ou simplemente como unha forma de interpretar aquelas cancións preferidas polo devandito grupo.

Do mesmo xeito, os músicos populares poden interpretar cancións versionadas por diferentes razóns: como unha homenaxe ao intérprete ou compositor orixinal, para gañar audiencia á que lle gusta escoitar unha canción familiar, ou para incrementar a súa oportunidade de éxito utilizando unha canción xa recoñecida como éxito popular, comprobado ou gañando credibilidade pola comparación coa versión orixinal. Aínda que moitas versións son tan boas como as orixinais outras, con todo, superan á orixinal.

Concretamente Metallica é un grupo referente no mundo dos covers, sendo un dos grupos dos que se fixeron máis versións das súas cancións. Ademais é un das bandas máis influentes no estilo musical de moitas outras. Por estes motivos, entre outros, decidín centrarme nesta banda en concreto para realizar a miña investigación acerca dos covers e os factores que afectan á hora de que estes teñan unha mellor ou peor recepción por parte do público.

Clasificación dos covers de Metallica

Dentro dos moi numerosos covers de cancións de Metallica que existen vou centrarme nos pertencentes a vídeos subidos á plataforma de Youtube. Para clasificalos, terei en conta tres factores, de tal maneira que podemos atoparnos con, en función dos instrumentos utilizados, covers de bandas que, normalmente, utilizan o conxunto de instrumentos clásicos dunha banda de rock ou metal: unha batería, un baixo, unha ou varias guitarras, tanto eléctricas como acústicas e un/unha cantante. Tamén son comúns os covers nos que só se utiliza un instrumento, normalmente este é unha guitarra pero tamén son populares os covers de baixistas ou baterías. Ademais tamén existen casos de covers nos que se empregan instrumentos que se saen do convencional deste xénero, como un piano ou un violín ou un cello ou un arpa ou mesmo instrumentos artesanais creados polos propios músicos.

No que respecta ao tipo de músicos que realizan estes covers, atopámonos con grupos ou bandas de músicos que se dedican principalmente a realizar covers de diversos grupos, bandas coñecidas ou populares que compoñen a súa propia música pero que tamén interpretan estes covers e músicos independentes que utilizan o ou os instrumentos que dominan para facelos.

A gran maioría de covers limítanse a interpretar da forma máis precisa posible á canción orixinal, pero tamén se poden atopar casos de bandas ou músicos que deciden dar o seu toque persoal a estas cancións ou mesmo interpretalas en estilos ou formatos diferentes do orixinal.

Popularidade dos covers

Á hora de analizar os motivos que inflúen en que un cover consiga unha mellor ou peor recepción por parte da audiencia pódense observar múltiples factores comúns a aqueles vídeos que logran alcanzar unha maior popularidade, como son, por exemplo, a calidade audiovisual do propio vídeo. Os vídeos que son gravados cun bo equipo de gravación de vídeo e audio teñen polo xeral unha maior probabilidade de ser vistos.

Doutra banda, pode observarse que moitos dos vídeos que obteñen as maiores cantidades de visitas son aqueles en os que o músico ou músicos en cuestión son nenos. Isto probablemente débese a que cando a xente busca na plataforma de youtube covers de Metallica e a estas aparécenselles vídeos nos que os músicos que interpretan dita canción son nenos, a curiosidade faga que o vexan e se ademais conclúen que, a pesar de ser interpretado por nenos, os cales non debería ter polo xeral unha formación musical demasiado avanzada, estes son capaces de facer unha boa versión da canción en cuestión, sendo esta similar á orixinal, compartirán o vídeo con outras persoas coñecidas e algunhas delas farán o mesmo, de tal forma que estes vídeos termínanse volvendo virais.

Outro factor que inflúe na popularidade dos vídeos, aínda que é un tanto relativo, é a similitude que o cover teña con respecto á obra orixinal. Este é o caso sobre todo con respecto aos músicos independentes, ou non moi coñecidos, que deciden sacar a súa versión dunha canción. Digo que este punto é un tanto relativo xa que existen bastantes vídeos de calidade similar, tanto en canto á calidade audiovisual como na similitude con respecto á canción orixinal, pero que entre eles en ocasións existen grandes variacións en canto ao número de visitas e á popularidade destes vídeos. Esta diferenza de aceptación entre vídeos similares pode deberse, entre outras cousas, á data do vídeo, xa que se é recente probablemente xa habería antes del outro vídeo que é tomado como referencia pola maioría de usuarios á hora de escoitar un cover da canción elixida. Tamén pode deberse á popularidade da canción en si, un mesmo músico pode sacar versións de diferentes cancións dun grupo e atoparse con que algunhas delas teñan millóns de visitas mentres que outras só unhas poucas miles dependendo de se a canción en si é popular para empezar. Por exemplo, un guitarrista pode subir un cover de cancións de Metallica populares como o son “One” ou “Master of Puppets” ou “Enter Sandman” e obter máis dun millón de visitas en cada unha delas, e despois subir outro cover dunha canción menos coñecida como o é “Escape” e obter apenas cincuenta mil.

caso de grupos populares, cando estes deciden interpretar unha versión ou cover dunha canción doutro grupo de partida xa teñen máis posibilidades de triunfar xa que de base estes grupos contan cunha serie de seguidores e fans que, como mínimo, daranlles unha oportunidade e escoitarano. Logo á hora de que estes covers triunfen ou non é un pouco máis complicado, xa que se fan unha versión moi similar á orixinal esta adoita ter éxito pero non o suficiente para superar á orixinal, mentres que se deciden facer unha versión propia adaptando o seu propio estilo musical á canción que versionan poden chegar mesmo a superar en popularidade á orixinal, por exemplo, aínda que non pertenza á discografía de Metallica, a coñecida canción “The sound of silence” composta orixinalmente por “Simon & Garfunkel” actualmente ten como primeiro vídeo en youtube en canto a popularidade e visitas a versión interpretada polo grupo “Disturbed”.

Outros vídeos vólvense populares por razóns diferentes, como pola súa orixinalidade. Isto pode ir desde persoas ou grupos que realizan un cover dunha banda como é Metallica con estilos musicais ou instrumentos que nada teñen que ver cos utilizados na versión orixinal, ou outras que producen vídeos a partir de ideas para facer que estes destaquen, por exemplo un vídeo no cal se interpreta un cover sendo tocado ao revés, de tal maneira que cando reproduce o vídeo cara atrás pódese escoitar unha interpretación exacta da canción orixinal, todo isto mentres se ve un videoclip no que se ve ao artista realizando diversas accións ao revés, facendo que o vídeo sexa aínda mais interesante e entretido de ver.

Conclusións

En resumo, non existe ningún secreto que poida garantir o éxito dun músico ou músicos que se dediquen a interpretar covers de cancións, pero se unha serie de puntos a ter en conta á hora de decidirse a facelo.

O primeiro é que á hora de realizar un cover hai unha total liberdade en como decidir interpretalo, podendo optar por cinguirse á versión orixinal e intentar que a interpretación desta sexa o máis similar posible, ou decidindo crear unha versión propia utilizando un estilo persoal, empregando os instrumentos musicais máis adaptados ao estilo escollido e ao propio intérprete.

Doutra banda, independentemente do tipo de cover que se decida facer hai que ter en conta que a calidade audiovisual do vídeo derivada do equipo que se utilice para a gravación así como as condicións sonoras do lugar de gravación terán, na gran maioría de casos, un impacto importante na mellor ou peor recepción deste.

Para rematar lembrar que a maior parte de músicos que conseguen triunfar non o conseguen no primeiro intento nin no segundo, polo que aínda que os primeiros covers non consigan o éxito pretendido a pesar de seguir estes consellos, é preciso non desanimarse tentando probar ideas novas. Talvez unha interpretación idéntica á orixinal non teña éxito porque existe outra que xa o ten ou talvez a adaptación ao estilo persoal tampouco teña unha boa recepción, en calquera caso, se realmente se quere conseguir un cover de éxito hai que seguir tentándoo, probando cousas novas e, sobre todo, asegurándose de que o feito corresponde co que un quere facer.

Pablo Pérez

Alumno de 6º de Grao Profesional

Referencias

Biografías y vidas (2019). Metallica. [en liña] Biografiasyvidas.com. Dispoñible en: https://www.biografiasyvidas.com/biografia/m/metallica.htm. [Consultado o 12 de Maio de 2019].

Colaboradores da Wikipedia (2003). Metallica. [en liña] Wikipedia.org. Dispoñible en: https://es.wikipedia.org/wiki/Metallica. [Consultado o 12 de Maio de 2019].

Colaboradores da Wikipedia (2004). Versión (música). [en liña] Wikipedia.org. Dispoñible en: https://es.wikipedia.org/wiki/Versi%C3%B3n_(m%C3%BAsica) [Consultado o 12 de Maio de 2019].

Pérez Porto, J. and Merino, M. (2017). Definición de cover.[en liña] Definición.de. Dispoñible en: https://definicion.de/cover/[Consultado o 12 de Maio de 2019]

Todomusica.org. (2019). Metallica – Biografía, discos y canciones. [en liña] Dispoñible en: https://www.todomusica.org/metallica/. [Consultado o 12 de Maio de 2019].

Recursos

Videos populares

htps:t//www.youtube.com/watch?v=y2vMVR7ntWc

Videos menos populares

Videos pouco populares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *