O conservatorio que queremos

Introdución

O obxectivo deste traballo é valorar cales son as carencias do noso conservatorio no que se refire a formar a un músico con todas as destrezas necesarias actualmente, ademais dos contidos teóricos que estexan acorde co seu nivel de formación. A dúbida xorde de que persoalmente, como alumno de 6º de Grao Profesional, sinto ás veces que non se tocan temas ou destrezas que deberían ser esenciais. Algúns exemplos son a improvisación ou toda a música que se fixo dende o século XX ata os nosos días: jazz, blues, música contemporánea, sistemas musicais como o serialismo ou o dodecafonismo.

As fases da investigación constarán, en primeiro lugar, dunha enquisa alumnos de 5º e 6º do noso conservatorio, coa que se poderá comprobar se, de forma xeral, o resto do alumnado tamén sente que existen unha serie de carencias ao chegar ao final da súa educación musical. Posteriormente, farei unha comprobación das programacións para comentar as miñas impresións ante estas e se se fai mención con respecto a algúns dos conceptos que se irán mencionando ao longo do traballo. Consecutivamente, escollerei a catro alumnos para realizarlles unha entrevista e así obter de primeira man catro posibles opinións sobre a cuestión. Finalmente, comentarei o que puiden atopar relacionado con isto noutros conservatorios de Galicia.

Por outra banda, vexo conveniente comentar que espero atopar no meu traballo. Seguramente os resultados das enquisas leven a pensar que a maioría dos alumnos (e eu case penso que tamén ata os profesores se os incluíse) pensarían que en certo sentido a educación musical está obsoleta, aínda que non sabería dicir exactamente cales serían as destrezas que máis se sente que faltan. Por outro lado, tamén supoño que a educación musical ofrecerá aspectos moi similares na maioría dos conservatorios de Galicia.

Conceptos

Antes de comezar coa investigación, creo que é conveniente definir e explicar brevemente algúns termos aos que nos imos referir continuamente. O primeiro deles é o de música contemporánea , pois creo que é o que pode suscitar mais dúbidas cara a maioría de persoas. Este termo fai referencia á música académica que se crea a partir de 1945, mais que comezou algunhas décadas antes con compositores como Webern, Berg, Schoenberg ou Stravinsky, quen comezaron a introducir cambios radicais na harmonía, melodía e ritmo. Deste xeito, a partir de 1945 aparecen unha serie de novos compositores que continúan este camiño dando orixe á época de maiores cambios na música occidental, na que apareceron numerosas correntes que cuestionaban que era a música, o seu lugar na sociedade ou a notación musical. Algunhas destas correntes foron o serialismo integral, o dodecafonismo, a atonalidade, a música electroacústica ou o expresionismo.

Por outra banda, ao mesmo tempo que a música contemporánea, desenvolveuse o que neste traballo denominarei como música moderna,é dicir, toda aquela música que xorde a partir dos anos 50 principalmente nos EEUU, co rock and rollderivado do blues , rythm and blues e o country, xunto coa tradición afroamericana. A partir dese momento, comezaron a xurdir numerosos novos estilos musicais cuxa tradición chega ata os nosos días, tales como o folk, o pop, o indie, o heavy metal ou a música electrónica, entre moitos outros. Con isto quero dicir que co obxectivo de facilitar a redacción, denominarei como ‘’música moderna’’ a toda aquela música non académica que aparece a partir de mediados do século XX e que normalmente está asociada á cultura de masas.

Porén, antes destes dous grandes grupos, xa aparecera o jazz a finais do século XIX, aínda que realmente o que acontece co jazz é o mesmo que cos outros dous termos, pois pretende englobar a unha gran variedade de correntes que apareceron nunha época determinada e que tiñan en común unha gran complexidade harmónica, moi diferenciada da tradición clásica, a importancia da técnica do swing no plano rítmico, a importancia da improvisación e ademais da expresividade, a sonoridade e o fraseo propio de cada músico.

Pola contra, ás veces case parece que de forma antagónica a todo o anterior, temos o termo “música clásica”, tan estendido na actualidade. Este fai referencia a toda aquela música académica propia da tradición de Europa occidental para o período de entre mediados do século XVII ata comezos do século XX, caracterizada toda ela por estar desenvolvida principalmente dentro da tonalidade. Nela diferenciamos varias épocas: Barroco, Clasicismo, Romanticismo e unha última etapa máis diverxente, na que se incluirían os nacionalismos ou o impresionismo, comezando a verse xa nesta o alongamento da tonalidade. No entanto, este termo causa normalmente moita confusión e non é aceptado por moitos académicos, os cales aluden que debería facer referencia á música do período do Clasicismo. Un termo que ás veces se usa para eludir isto sería o de “·música culta”, mais ás veces tamén é desaconsellado debido ás connotacións elitistas que pode ter.

Por último, gustaríame falar de “músicas doutras culturas”. Con isto quero referirme a toda aquela música que ten como único requisito non formar parte da música occidental; sendo alén disto de calquera outra época, estilo e cultura. A razón de incluír este termo vén principalmente por unha inquietude que sempre tiven, e que supoño que moitas máis persoas tamén, ao escoitar no conservatorio falar só de compositores europeos ou de procedementos, notación e historia só relacionados coa música tonal europea, dando lugar a preguntas como se acaso non existiría música fóra de Europa en tempos pasados ou non existen referencias cara a ela en documentos ou materiais antigos; tampouco houbo unha tradición musical académica noutras rexións do mundo? No entanto, non só incluiría neste
feito á música antiga, tamén a toda aquela que se fai no día de hoxe dende o século pasado, pois cando falamos de música moderna, moitas veces esquecémonos de xéneros como a bossa nova ou o K-pop, por exemplo.

Análise da enquisa

A enquisa que realicei estaba orientada cara aos alumnos de 5º e 6º do grao profesional do CMUS Vigo, contando con seis preguntas e reuniu 35 respostas. As dúas primeiras cuestións preguntaban polo curso e o instrumento do suxeito. O interese desta cuestión é debido a que segundo a especialidade o plan de estudos cambia levemente, por exemplo tendo en algúns instrumentos a materia de RTA (Repentización e Acompañamento), que de algún xeito engloba algunhas das carencias que poderían mencionarse, así como acontece coas optativas e itinerarios de 6º. Todas estas materias nas que se poden cubrir algunhas das carencias comezan a darse só cara ao final do grao profesional, polo que podería ser que a percepción do alumnado de 5º cambie con respecto ao de 6º.

A terceira e a cuarta preguntas fan referencia a algunha das posibles carencias precibidas e cal podería ser a causa destas carencias. Claramente, neste caso as respostas serán variadas e dependerán en parte dos gustos persoais de cada alumno, aínda que poderán amosar dunha forma xeral cales son as principais e a quen culpabiliza a opinión xeral, podendo corroborar estas opinións ou non, segundo o que poida atopar con respecto a todo isto nas programacións do centro.

Por último, a quinta e a sexta preguntas céntranse máis no futuro do alumno, pois como sabemos, os camiños a seguir polo alumnado son moi variados: algúns deles cursarán estudos superiores de música, outros irán á universidade, outros a un ciclo de formación profesional, etc. O obxectivo destas dúas preguntas é comprobar se existe un cambio de opinión segundo as intencións coas que cada persoa está a estudar no conservatorio, e se ademais preferiría ou non ter distintas posibilidades dentro do plano de estudos do grao profesional.

Para comezar coa análise, como dixen no resumo inicial, sería conveniente ver se existe algunha diferenza entre as respostas dos alumnos de 5º e os de 6º ou entre alumnos de diferentes especialidades. Nesta pregunta en concreto, creo que a mostra non é suficientemente ampla como para chegar a conclusións claras. Refírome a que a pesar de que a mostra en xeral non é moi extensa, se nos pomos a dividir entre as diferentes especialidades, podemos ver como igual só hai catro ou cinco persoas de cada unha, e algunhas inclusive nin están representadas como a de gaita ou a de canto. Porén, penso que aínda que fixésemos a enquisa con todo o alumnado no conservatorio dos cursos 5º e 6º seguiría habendo especialidades que practicamente dependerían da opinión dun par de persoas, polo que non poderíamos extraer conclusións claras. Tendo en conta todo isto á hora de avaliar os datos, vese que hai bastante homoxeneidade entre os participantes, non se aprecian diferencias especiais das respostas segundo isto. Por exemplo, se todas as persoas que marcaron que a culpa de haber certas carencias é do profesorado fosen da especialidade de corda, ou se o alumnado de 5º visen máis carencias ca os de 6º. É dicir as respostas, polo menos segundo a mostra, son bastante independentes do curso e instrumento, polo que poderíamos dicir que é un factor totalmente dependente da opinión persoal de cada persoa.

Para continuar coa avaliación dos datos da enquisa, podemos fixarnos na terceira pregunta onde se fai referencia ás diferentes posibles carencias de formación que se poderían atopar. Segundo isto está claro que todos os participantes da enquisa senten algunha insuficiencia nalgún campo, mais o que chama especialmente a atención é o resultado acadado pola “Improvisación’”, pois un 74,3% dos participantes marcaron está opción. Creo que pode ser interesante afondar un pouco neste aspecto tal vez nas entrevistas pois tamén penso que é en concreto unha calidade coa que realmente alguén pode chegar a amosar se entende a música dende dentro, pois o factor de inmediatez fai que teñas que ter interiorizado todos os mecanismos e procedementos propios dun estilo musical. É dicir, poderíase comparar cunha lingua, da cal pódese saber moito vocabulario e gramática, mais ata que un non é capaz de falala utilizando toda esa base teórica sen dubidar, non se pode dicir con certeza que se domina con fluidez. Relacionado con este tema está o jazz, pois basea gran parte da súa produción na improvisación. Podemos ver como está tan só un pouco por debaixo cun 65,7%. De todos os grupos de estilos musicais que agrupaba a enquisa este foi o que máis votos obtivo e nun comezo dame a pensar que as razóns poden ser as mesmas que ás da improvisación: a improvisación e a complexidade harmónica propias do jazz fan que, comparándoo co resto de estilos non incluídos dentro do considerado como música clásica, sexa visto con admiración como un ámbito importante a ter en conta co que facer música dunha forma máis lúdica e informal, difícil de acadar dun xeito autodidacta, polo menos dende a perspectiva dunha “mentalidade
cuadriculada” dun músico clásico de conservatorio.

Por outra banda, o interese pola música non occidental tamén foi especialmente alto cun 51,4%, aínda que teño que dicir que o seu crecemento deuse especialmente cara o final, pois segundo revisaba os datos que se ían recollendo, nun comezo non era especialmente marcado. Finalmente, con respecto ao resto de opcións, todas elas manteñen uns resultados bastante semellantes, e as razóns para isto poden ser varias: tal vez á música moderna non se lle deu tanta importancia porque non se pensa que falla falta dedicarlle un tempo especial de estudo, mentres que por outra banda a música contemporánea non é especialmente coñecida entre a xuventude polo que a elección desta opción sería de forma pasiva, é dicir, non premeditada, se marcou porque se o pensas é verdade que non se abarca mais moitas persoas non se pararían a notar esta falta por si mesmos. Polo lado da composición, é posible que non sexa das entre máis seleccionadas porque si que se lle dá certa importancia nalgunhas materias como harmonía, RTA ou ás veces xa ata en linguaxe musical, mais non é un foco de traballo principal, polo que é entendible que certas persoas que xa no grao profesional teñen claro a súa preferencia pola composición ante a interpretación, sentan que se lle debería dar máis importancia, aínda que este feito está máis relacionado coa pregunta cinco.

Con respecto a esta quinta pregunta, aínda que existen tres posibles respostas, creo que poderían agruparse en dous grupos, un primeiro que só englobaría a resposta “Non’”, e que polo tanto estaría a favor do plan de estudos actual, e un segundo que agruparía as outras dúas respostas, cuxo interese principal sería conseguir un plan de estudos máis amplo en canto ás ramas de coñecemento e especialización musical, ofrecendo dous posibles camiños, por optativas ou por máis materias comúns e máis xerais. Como dixera, probablemente haxa alumnado que marcou a opción de composición na terceira pregunta porque senta que debería existir unha maior orientación cara a esta disciplina musical se se desexase, e en relación a este feito temos que, nesta na quinta pregunta, os resultados amosan claramente que a maioría do alumnado, ou polo menos aquel incluído dentro da mostra, pensa que xa a partir do grao profesional debería haber unha maior diferenciación de disciplinas en relación á música, en concreto un 60%, comezando dalgún xeito a orientarse cara aos estudos superiores de música que se desexasen facer, algo así como o que se fai en bacharelato, onde aínda non se ten que escoller un campo moi específico, pero polo menos comezar a orientar a aprendizaxe nun ámbito xeral de estudo. Creo que este pensamento é moi sensato dentro do obxectivo do grao profesional, que sería formarnos como músicos profesionais, como o seu propio nome indica, mais sen chegar aínda aos niveis de especialización e perfeccionamento do grao superior. É dicir, aínda é necesaria unha aprendizaxe xeral de todos os campos relacionados coa música, co fin de seren adquiridas todas as destrezas necesarias para se un ‘”músico completo’” e que poda ser competente en todas aquelas ferramentas que poidan axudarlle en calquera actividade que teña que realizar. Non esquezamos que aínda que alguén estea especializado dentro dunha disciplina, na práctica esta nunca está pechada a todas as demais. Porén, tampouco é necesario para alguén que xa ten claro o seu camiño dedicarlle tanto tempo a outras ramas de estudo musical, chegando a adquirir niveis nel que nunca vai precisar. Asemade, tamén é necesario recalcar aquí unha pequena cuestión: non todas as persoas na idade na que se comeza o grao profesional teñen claro que dirección académica queren tomar tanto no conservatorio como no instituto, polo que tal vez esta medida agravase os problemas para algunhas persoas. Con respecto a isto, podería haber dúas solucións. A primeira, manter unha especialización pero que fose moi progresiva, cuxas decisións non marcasen dende o comezo o teu camiño. Mentres, unha segunda, podería ser inclinarse cara á opción pola que se pregunta na enquisa, relacionada cun carácter máis xeral das materias (e que acadou un 37,1%), a cal non daría un maior rango de escolla de materias, mais si unha visión máis ampla dos diferentes campos de especialización que facilitarían a escolla do alumnado nun futuro, evitando así ter que escoller nun último ano de grao profesional onde non hai tempo para nada e no que se non tes claro se queres continuar no grao superior co itinerario escollido xa non tes oportunidade probar cos outros.

En resumo, a gran maioría cre que debería haber unha amplificación dos
ámbitos de estudo no grao profesional que axudase dalgunha maneira á especialización ou á formación total como músicos profesionais, pois, aínda que se discirnen dous camiños diferentes, só un 2,9% marcou que concorda totalmente coa disposición do plan de estudos do conservatorio.

Esta cuarta pregunta tal vez sexa a máis importante da enquisa a pesar de depender totalmente dun prexuízo, xa que non se está pedindo que os participantes da enquisa teñan un coñecemento importante sobre o que contén a programación do centro (aínda que isto si sería recomendable), polo que partimos da propia apreciación de cada persoa. Neste caso tamén agruparía as tres posibles respostas en dous grupos: un primeiro o cal culpa da aparente falta das posibles destrezas escollidas na pregunta tres á propia programación educativa, é dicir, pon responsabilidade sobre como se estruturan os contidos; e outro grupo que englobaría as outras dúas respostas, no cal a responsabilidade estaría encamiñada cara ás propias persoas por unha falta de interese de abarcar as destrezas seleccionadas polo corpo docente, discente, ou tal vez ambos. Neste caso o primeiro grupo mencionado acadou o maior número de votos cun 77,1% superando ás outras dúas opcións que obtiveron 31,4% en total. É dicir, o segundo grupo, o cal culpa ás persoas, seguiría estando moi por detrás aínda que sumásemos as dúas opcións que o forman.

Teño que dicir, que é interesante ver como a maioría das persoas, incluído eu mesmo, dan por suposto que as faltas de contidos veñen de antemán, por como se aborda a programación dos estudos e non polas propias persoas. Talvez este comportamento sexa froito dunha confianza no profesorado no que moitas veces o propio alumnado o ve cómplice nunha posición crítica perante o sistema educativo, o cal ningún de nós ten posibilidade de cambiar, polo menos dunha maneira directa. Por outra banda, tamén é importante recoñecer que todo o mundo como alumno ten a obrigación de facer en ocasións un traballo autodidacta e de interese propio polas materias ou polo propio ámbito de estudo, que neste caso sería a música, pois aínda que neste caso estamos falando de ampliar o rango de coñecemento, non é posible abarcar en calquera tipo de ensinanza todo aquilo que nun futuro poida ser necesario no ámbito. É dicir, as ensinanzas xeneralistas axúdannos a obter unha serie de ‘”ferramentas” básicas que poidan servirnos para valernos por nós mesmos, ante a obvia imposibilidade de ensinar todo aquilo que nos puidese facer falta algún día. Poderíase dicir entón, que un título recoñece que as persoas que o teñen tenden a estar formadas, de xeito que son competentes nel. Con isto quero dicir, que a educación ten que partir dun traballo nas aulas mais tamén dun traballo propio do alumnado por parte da súa curiosidade persoal, polo tanto, o problema do que estamos a falar enténdese que se refire á falta no sistema educativo musical dunha serie de ferramentas que son indispensables para ser competentes e abordar con éxito o papel de musico profesional +unha vez rematados os estudos.



Cambiando de pregunta, nesta ocasión para a sexta e última da enquisa, aparecen unha vez máis resultados que chaman a atención. Neste caso preguntábase polos estudos cos que se ten pensado continuar unha vez acabado o grao profesional. Paradoxalmente, uns estudos cuxa suposta continuación sería o grao superior, neste caso dáse gran cantidade de persoas que prefiren seguir pola vía dos estudos universitarios de calquera outra rama de coñecemento. Este fenómeno tamén dá moito de que falar e moitas preguntas como, será que o conservatorio non está sendo capaz de captar aos xoves? Por que moitos xoves prefiren non continuar a carreira musical? Por que moitas persoas teñen interese en manterse no conservatorio e acabar o grao profesional se teñen claro que non van a continuar por este camiño? Ben, a maior parte das respostas a este tipo de preguntas poden ser respondidas polo simple feito de escoitar ás persoas que deciden tomar este tipo de camiño, polo que na próxima parte das entrevistas mencionarei este tema para conseguir algunhas respostas reais de estudantes. Persoalmente, creo que o argumento máis directo, simple e máis escoitado é “da música non vou a comer”.

O que pode observarse é que actualmente, moitos alumnos fan as probas de acceso ao grao elemental do conservatorio debido á insistencia dos propios pais de teren a formación máis completa posible, e así vemos a nenos demasiado polifacéticos que saben facer de todo, pero non teñen tempo para outro tipo de actividades que tamén son beneficiosas para eles, como simplemente xogar cos amigos no parque ou pasar un tempo cos pais. Despois desta etapa fase evidente que é imposible compaxinar tantas actividades diferentes mais os alumnos vense obrigados a rematar os estudos aínda que non teñan interese en continuar co superior, debido a que “non fixen tanto esforzo estes anos para deixar agora o conservatorio’”. Por último, creo que a presión social ou familiar moitas veces é moi alta, vivimos nun tempo no que se despreza todo aquilo que non estea relacionado coas ciencias exactas ou empíricas, polo que todo o resto de campos de coñecemento como a música mais tamén as letras, o teatro, a pintura ou as ciencias sociais son tratadas como puros hobbies dos que unha persoa que espera ter unha vida estable e suficientes recursos económicos non pode depender como carreira profesional. A todos nós, como estudantes de música, xa non dixeron algunha vez “Estudas música? Ah e que máis?”, “Non fai nada, só estuda música” ou “Se queres vivir de algo vai á universidade”.

É interesante ver como estas opinións tan repetidas e claramente arraigadas na sociedade non teñen ningún argumento lóxico mais que o puro prexuízo. En primeiro lugar, moitas destas opinións son ditas por persoas que nunca estiveron inmersas nunha educación musical, polo que non poden ser conscientes do que se fai ou o esforzo que require e por outro lado, agora mesmo ningún estudo pode garantizar unha saída laboral exitosa, pois ata a aclamada universidade está perdendo campo con respecto a outras titulacións de ciclos superiores de formación profesional. Porén, todo o mundo que se considere aproveitable vai preferir ir á “exitosa” universidade.

Con todo isto quero dicir, que calquera prexuízo se combate dende a educación en todos os seus niveis, e non se pode esperar ter unha industria cultural (neste caso en especial referíndonos á musica) e unha educación musical de calidade e completa en todos os seus sentidos se a propia sociedade marca que non vale a pena. Por iso, penso que estes datos que nos poden dar estas preguntas son especialmente relevantes para pensar que se necesita unha remodelación dos estudos musicais que axuden á súa dignificación, ademais de axudar coa educación escolar dende todos os niveis co obxectivo de concienciar a toda a sociedade do valor e importancia de todos os profesionais e os seus respectivos campos.

Comentarios sobre as programacións do centro

Nesta sección centreime especialmente en comprobar se realmente na programación se mencionan algunha das carencias que se mencionaban na enquisa, é dicir, pretende comprobar a validez da pregunta catro que se lle facía aos participantes. Como resumo xeral das miñas percepcións tras ler as programacións, puiden comprobar que si se mencionan en varios dos documentos aspectos relacionados coa enquisa. Porén, non en todas da mesma maneira nin facendo a mesma incidencia nos mesmos aspectos dos que falabamos. Isto pode verse claramente ao ler programacións de distintos instrumentos e en concreto os puntos relacionados cos recursos recomendados, nos que se inclúe repertorio orientativo. Neste caso creo que é bastante comprensible de antemán que non todos os instrumentos van ter a mesma cantidade de repertorio en todos os estilos, xa que o normal é que cada un deles teñan unha serie de instrumentos que están máis intimamente relacionados coa sonoridade que se quere conseguir. Porén, isto é menos comprensible noutras carencias mencionadas como a improvisación ou a composición ou máis aínda se falamos de materias teóricas.

Precisamente respecto ás materias teóricas, tiven a sensación de que había continuamente unha serie de contradicións entre varias puntos, pois en moitos deles facíase mención a acadar unha serie de coñecementos que permitise ao alumno chegar a ser un músico profesional con competencias, como por exemplo “coñecer os principais e máis básicos elementos e procedementos compositivos das épocas e dos autores, desde o canto gregoriano ata a actualidade” ou “A educación para a paz e a tolerancia traballarase a partir de pezas doutras culturas e das relacións que se establezan coas persoas da contorna”, pero despois dentro dos contidos de cada ano académico non atopábamos ningún elemento que puidese ser relacionado con algún destes puntos das seccións anteriores e inclusive máis ben contradicíase ao facer mención continua do estudo de “música occidental tonal”. Outro aspecto que non tiña en consideración ata antes de lelo é a implicación que ten o conservatorio en, ademais de formar ás persoas como músicos profesionais, tamén en formar aos alumnos como público activo, facéndoo participar en actividades fóra do conservatorio de xeito que sexa capaz de comprender as actuacións e gozar delas. Así, podemos ver como se lle dá moitísima importancia a este propósito, e con razón. No entanto, o problema que ten isto é que depende moito de cada profesor, sempre van incidir os seus gustos persoais, dedicación de cara ao alumnado ou dispoñibilidade se falamos de realizar actividades fóra do conservatorio.

Fixándonos outra vez nos contidos das materias teóricas, como dicía, existe certa incoherencia en ocasións, mais tamén ás veces a gran cantidade de contidos para tan só unha materia de dúas horas semanais non chega para ver todo o que se debería. Por exemplo, en historia, puiden comprobar como se facía referencia a diversos estilos do século XX como o dodecafonismo ou o impresionismo, mais isto, sendo realistas, dificilmente chega a darse debido ao tempo, creando unha vez máis unha lagoa na formación musical. Por outra banda, en linguaxe musical é especialmente notoria a presencia das actividades extra curriculares mencionadas antes, que se xuntan co interese en diversos estilos, principalmente a música e a cultura galegas, mais tamén moitos outros tipos como música moderna ou contemporánea, polo que creo que a materia tamén pretende dotar aos alumnos dunha visión o máis ampla posible. O mesmo acontece con RTA, pois é unha materia moi relacionada con esta anterior en certo sentido, mais moito máis práctica. No caso desta materia en concreto, creo que pode afirmarse que o problema non está na propia programación, pois pode verse gran cantidade dos contidos e destrezas que mencionamos, ademais de que polo menos na miña propia experiencia, todo iso se ve reflectido nas clases. O problema entón, diría que está principalmente en que non todas as especialidades contan con esta materia no seu plan de estudos, ademais que talvez os anos a cursar non son os suficientes para conseguir o que se pretende nun alumno que nunca antes tivera a oportunidade de facer este tipo de traballo. Finalmente, tamén é de mencionar que un dos aspectos que aparecen con máis frecuencia en todas as materias teóricas é do de desenvolver a audición seguindo os aspectos de cada materia: realizando comentarios críticos de obras como en historia, escoitar ou recursos harmónicos máis importantes en harmonía ou distinguir recursos estilísticos (cadencias, texturas, acordes, harmonías especiais, etc.) dentro dunha obra en análise… e así respectivamente.

Volvendo ao relativo á materia de instrumento de cada especialidade, as diferencias agrávanse moito máis. En piano por exemplo, atopámonos cunha gran cantidade de repertorio, mais podemos ver como englóbase en “música moderna” a todo aquilo apartir no século XX. Creo que é un erro facer isto, xa para comezar polo termo que pretende englobar a todos os estilos, pois persoalmente non entendo como “moderno” música feita xa hai un século. Alén diso, debido a como están dispostos os mínimos, con sorte o alumnado só chegará a tocar unha obra por curso académico dentro de este gran grupo de estilos, insuficiente para poder tocar unha cantidade mínima deles para ter un coñecemento global de toda a música que se fixo no século XX. No entanto, si pódese ver insistencia cara á improvisación, aparecendo numerosas veces tanto nos obxectivos xerais como nos de cada curso, aínda que isto en xeral non se reflicta despois na práctica. Por outro lado, no repertorio de canto, parece que o século XX é practicamente inexistente, non se fai mención a case ningunha obra. Porén, si podemos ver gran variedade de repertorio no que se refire a estilos de diferentes países, aínda que isto, como xa dixera ao comezar, está relacionado co propio instrumento, sendo máis visible que en outros debido á necesidade de aprender a pronunciar os textos e coñecer un mínimo do seu significado que poida axudar na súa interpretación. Tamén é interesante ver que aparecen en especial moitas referencias a repertorio galego e español. Finalmente, outros dous exemplos poderían ser o instrumento de saxofón, onde a falta de repertorio case aparece á inversa ca dos outros instrumentos, pero unha vez máis debido á propia historia e calidades do instrumento; ou a gaita galega, onde non puiden valorar moito este aspecto porque carecía de recomendacións de repertorio.

Concluíndo, aínda que a maior parte do alumnado respondera na enquisa que a culpa principalmente estaba na programación, puiden comprobar que isto non era en xeral a realidade, pois aparecían dunha maneira ou noutra todos os aspectos que se mencionaban na terceira pregunta. Porén, é verdade que non existe unha igual disposición deles en todas as materias e instrumentos, ademais que unha mención a algún deles en toda unha programación non é suficiente para que se faga efectivo despois nas clases. Por isto, creo que é moi seguro dicir que este é un problema moito máis complexo do que podería parecer de antemán, podendo incluír aspectos mencionados e moitos outros máis: falta de interese do alumnado ou do profesorado, falta de tempo para cubrir todos os contidos, falta de coñecemento, diferenzas da propia natureza de cada instrumento, etc. Polo que sería un problema que abordar cunha estratexia moito máis complexa que a que a ofrece só unha programación.

Entrevistas

Pablo Ledo

(comunicación persoal, 25 de Abril de 2020)

Compaxina 2º de bacharelato cos seus estudos musicais nos que se encontra cursando actualmente o 6ª curso de grao profesional na especialidade de violoncello.

Para comezar, seica estás cursando o itinerario de composición e no instituto o bacharelato de ciencias, cales son as túas expectativas para o ano que ven relativo aos estudos que quererás continuar?

Tomar unha decisión clara aínda está bastante lonxe para Pablo, pois aínda que lle gustaría estudar composición, tamén estarían as opcións de medicina e matemáticas. Como en España é bastante difícil compaxinalas, outra das súas opcións sería estudar no estranxeiro en países como Austria ou Alemaña, onde a música está moito máis integrada no sistema universitario. Ademais, a posibilidade de estudar composición no superior tería a vantaxe de permitirlle seguir en contacto cos dous instrumentos que toca, o cello e o piano.

Pensas seguir dedicándote á música no teu día a día, é dicir, facer algún concerto, dar clases, etc., ou só como goce persoal?

En caso de non dedicarse profesionalmente á música, a Pablo gustaríalle, de ser posible, unirse a algunha orquestra e participar de vez en cando nalgún concerto, e manter a música como algo máis que unha afección ocasional.

Como estudante de composición, tal vez sentiches algunha vez que se lle dedican excesivas horas á interpretación e que gustaríache ter tido unha educación musical máis centrada na composición dende máis cedo e así aproveitar máis o grao profesional?

Nesta pregunta destaca que aínda que a harmonía pode axudar a iniciarse na composición dunha forma máis sinxela, si que pensa que para un estudante de composición tal vez sería máis interesante ter a posibilidade de comezar máis pronto a formación nestes aspectos, aínda que sexa cun adiantamento da materia de harmonía.

Como realizaches a enquisa, gustaríame que fixeras unha pequena explicación do que te levou a escoller unhas opcións fronte a outras no relativo ás carencias que cres que podes ter.

Ademais do falado en relación a que hai unicamente un ano composición, cando sería ideal que houbese máis, Pablo considera que as carencias varían moito segundo o instrumento que se toque, ademais do nivel ao que queira profundar cada persoa segundo os seus gustos. En gaita, por exemplo, tócase moita máis música tradicional galega que en violín, ou en clarinete vese moita máis improvisación que en corda frotada. Con isto, pensa que tal vez o ideal sería poder ofrecer máis materias complementarias e opcionais para que cada alumno puidese profundar no que desexase, dependendo das carencias que sinte que ten de acordo cos seus gustos persoais.

Considerarías que a educación musical no conservatorio está algo obsoleta segundo isto, é dicir non considera moitas realidades do ámbito musical que agora están igual de presentes e son igual de válidas cas relacionadas coa música clásica, e en concreto á interpretación desta? Onde cres ti que recae a maior responsabilidade nestas carencias e por que o pensas.

Ante esta pregunta, Pablo considera que é certo que de case calquera estilo de música pode extraerse moita teoría musical (progresións, harmonías, ritmos…), e o idóneo sería dispor dunha numerosa cantidade de profesores e materias, para que cada alumno puidese escoller o que mellor se adapte aos seus gustos e intereses, de tal xeito que se a un alumno lle apaixona un estilo de música, puidese, por exemplo, aprender harmonía analizando fragmentos dese xénero. Desgraciadamente, segundo el, tamén sería necesario contar cun elevado orzamento do que actualmente a maioría de conservatorios non dispoñen. Por iso, aínda que lle parece unha mágoa non poder contar con máis opcións de estudos máis que nalgúns conservatorios da Península, supón que a preferencia dos outros conservatorios pola música clásica débese a que é un estándar estable no tempo. Así, engade que todo un programa educativo non se pode improvisar dun ano para outro, nin sequera nuns poucos anos e o que se chama música clásica non é máis co froito dun proceso lentísimo de ir recollendo de cada época o que continuou sendo valorado incluso posteriormente (quizais non por todos, pero si por un número considerable e estable de xente).

A todo isto conta como o día anterior vira unha película de 1968 con música de Ennio Morricone, un autor que hoxe xa podemos considerar un “clásico contemporáneo”, pero a música daquela película resultaba manifestamente pasada de moda, e sen dúbida hai corenta anos era o estilo de música que gustaba. Con isto quere dicir, que nun momento dado, non hai xeito de saber se o que hoxe está de moda mañá vai seguir parecendo interesante ou vai resultar trasnoitado. Polo que pensa que esta é a razón pola que sempre os produtos de maior actualidade axústanse mal no sistema educativo, porque cando algo aínda está de moda non deu tempo a integralo nos programas, e a maior parte das veces, cando xa pasou tempo suficiente para que entre na programación, resulta que xa non é do interese da maioría.

Lara Iglesias

(comunicación persoal, 28 de Marzo de 2020)

Estudante de 1º de enxeñaría biomédica e de 6º de profesional na especialidade de piano.

Como sei, no teu caso, non tes pensado seguir cos estudos musicais despois de rematar este ano. Entón, gustaríame preguntarche para comezar se foi unha opción que tiveches sempre clara ou barallaches ámbalas opcións nun comezo. Que pros e contras puideches ver en cada unha delas?

Aínda que Lara non descarta retomar os estudos musicais nun futuro, polo de agora, ten pensado centrarse na carreira de enxeñaría. Isto foi unha decisión que nunca tivo clara mais que finalmente fíxolle decidir xa primeiramente por escoller o bacharelato científico ante o artístico. Algunhas das razóns foron que non se vía persoalmente estudando o plan de estudos do grao superior, ademais de que para ela a música seguiría sendo parte dela e do seu día a día a pesar de rematar os seus estudos no conservatorio. Porén, a pena de deixar de lado algo ao que levaba dedicándose xa dende hai dez anos tamén estaba presente. Cabe destacar que como din “Tampouco sabía que era o que me gustaba, que era o que non, porque tampouco tiven a oportunidade de afondar nesas cousas, pois iso, até hai dous anos ou hai un ano”, poderíase dicir entón que precisamente esta falta de amplitude no rango de coñecementos marcaron en parte as súas preferencias e as súas dúbidas, mencionando xusto despois como exemplo o caso dunha profesora de RTA (materia que como xa mencionamos, só se dá a partir dos últimos cursos) que a comezou a introducir nalgunhas das actividades que máis aproveitou no ámbito musical.

Por outra banda, aínda rematando o grao profesional, seguirás dedicándote á música máis alá que como gozo persoal no teu grupo Bluesunflowers , non é así? Consideras que todo o aprendido no conservatorio axudouche a levar con máis éxito esta actividade ou que tiveches que realizar un esforzo persoal a maiores?

Ante esta pregunta Lara recoñeceu que existe unha certa dualidade. En primeiro lugar, si que considera que o conservatorio axudoulle en moitos sentidos para agora poder seguir gozando da música pola súa conta, como por exemplo compondo e ofrecendo a súa música xunto coa súa compañeira Carmen Pérez do grupo Bluesunflowers, facer arranxos de cancións ou tamén poder montar pola súa conta obras de piano grazas á técnica pianística adquirida durante todos estes anos, sendo estes só algúns exemplos. No entanto, tamén é verdade que sentiu que lle gustaría ter tido a opción de cursas asignaturas que se ofertaban neste ano como optativa ou itinerario, pois a escolla de só dúas delas no último ano non lle permitiu abranguer todo aquilo que é do seu interese, dando o exemplos das materias de Jazz e interpretación.

Relacionado con isto, que che levou a marcar na enquisa unhas opcións e ademais por que antes ca outras?

A resposta ante a cuestión foi “Basicamente tiven en conta intentar facer unha recompilación con perspectiva de todo o que aprendín ata agora e as posibilidades que teño co meu instrumento ou se me gustaría, visto agora, ter feito algunha outra cousa”.

Gustaríache ter tido a opción dun grao profesional dedicado a facer música dunha forma non tan académica e centrada na interpretación e con menos horas en xeral, é dicir, que dalgunha forma estivese máis acorde coas túas expectativas con respecto á música?

“Definitivamente si”, con isto comezaba a contestar Lara, pois como conta de cotío en moitas ocasións a compaxinación entre o conservatorio e o instituto ou agora coa universidade faise moi difícil, polo que pensa que deberían existir máis facilidades de compaxinación entre ámbalas dúas institucións. Ademais, cre que este factor foi clave na súa decisión, pois tal vez se a rixidez do conservatorio non fose tal, tivese gozado máis da música en ocasións de moita tensión, podendo ter máis opcións de decantarse por esta. Por outra banda, tamén menciona que por parte do instituto, moita axuda tampouco é que houbese neste sentido. É dicir, é como se existise unha disputa constante entre ámbalas institucións, onde ao final o prexudicado é o alumno. Por isto, co obxectivo de acabar con está situación, é necesario unha maior amplitude de opcións que teñan en conta expectativas e realidades académicas dos estudantes a estas idades. Finalmente, outro dato a ter en conta que mencionou Lara relacionado con isto, foi que nestas ocasións de tensión case parecía que se vía obrigada a sacar boas notas no conservatorio co obxectivo de conseguir bos horarios para facilitar a compaxinación, algo absurdo, pois en primeiro lugar deberíamos ir ás aulas cun incentivo de aprender e mellorar, non coa presión de ter que conseguir bos horarios para poder facilitarse a vida.

Considerarías que a educación musical no conservatorio está algo obsoleta segundo isto, é dicir non considera moitas realidades do ámbito musical que agora están igual de presentes e son igual de válidas que as relacionadas coa música clásica, e en concreto á interpretación desta?

Nesta pregunta, coma na anterior, Lara cre que existe unha dobre perspectiva a ter en conta. Por unha banda, si que pensa que é moi importante coñecer a tradición musical clásica, xa para comezar para ter noción de como foi evolucionando a música ata os nosos días, pois todo iso forma parte da noso patrimonio cultural, e mesmo para entender toda a música actual. Ademais, o conservatorio tamén compre a función da que se falaba na programación de “formar un público activo e crítico2, polo que neste sentido si que considera que o conservatorio ten unha importante función que consigue levar a cabo con éxito cos seus alumnos, pois tras o seu paso por este, pode ver con perspectiva cara ao pasado como nun comezo a música clásica non lle atraía en especial e como co paso do tempo aprendeu a valorala e analizala, chegando a poder gozar dela con totalidade. Por iso, pensa que talvez o problema non sexa este, senón que a pesar de todo isto, si que pode considerarse que está obsoleto no sentido de que non lle da saída a todas aquelas persoas, que aínda que teñen que ter tamén coñecementos básicos nestas áreas da música, non teñen interese a afondar tanto por non ser o camiño co que queren continuar, pois como di “Igual agora non están tan presentes nas nosas vidas, pois igual hai persoas que queren compoñer ou queren dedicarse a outros ámbitos da música máis que interpretar algo puramente clásico. E claro, acorde con todo isto que dixen, penso que hai moitas cousas que hoxe en día están igual de valoradas que interpretar unha obra clásica e que podían ser tamén un pouco abordadas dalgunha maneira nunha formación para que a xente, os nenos, se decatasen de que lles gustan certos ámbitos, e puidesen seguir e continuar coa música nun futuro. No entanto, si que é verdade que penso que a formación non facilita moito esta decisión”. Por último menciona, que segundo isto, puido observar como moitos compañeiros que tiñan moi claro continuar co conservatorio, era por que os seus intereses eran os mesmos que as saídas profesionais máis acordes con este tipo de formación, como por exemplo profesor de interpretación de música clásica, pero polo outro lado, continuar coa música de xeito profesional faise unha cuestión moito máis a dubidar cando os intereses van por outras opcións.

Onde cres ti que recae a maior responsabilidade nestas carencias e por que o pensas.

Primeiro de todo, aínda que “a lei sexa a lei” e en verdade son as institucións por encima do propio conservatorio as que están capacitadas para decidiren o que se debe dar nas aulas, pensa que o os corpos docente e discente tamén teñen a capacidade de dar a coñecer as súas demandas co obxectivo de mellorar para todos a educación musical e facela máis efectiva: “se cada profesor puidese propoñerse enfocala dunha maneira non tan académica, non tan dura e poder abrirlles as portas aos nenos eu creo que se agradecería moito”. Relativo a isto, considera un bo exemplo disto unha profesora da súa propia experiencia, naque puido observar como en primeiro lugar sempre pretendía que os alumnos chegasen a abarcar os mínimos de cada curso do conservatorio, mais unha vez acadados moldeaba a materia en función do perfil de cada alumno, por exemplo por intereses propios ou de forma que enriqueza máis á persoa. Por iso, pensa que isto depende bastante de cada profesor, pois moitas veces tamén é moi fácil quitarse o peso de encima dicindo “É que a programación é así e isto é o que teño que facer”, porén, isto moitas veces non é certo e como profesor podes dar certos aspectos según como consideres, organizalo doutra maneira ou expor as nosas obxeccións. Por todo isto, considera que a comunicación entre profesor e alumno e imprescindible, pois con isto sempre se pode chegar a unha solución.

Despois de explicar o seu punto de vista comentei con Lara o que eu atopei despois de ler as programacións.

Tras este comentario, Lara recoñeceu que non era consciente de que existiran estes puntos dentro da programación, e aínda que si que en moitas ocasións existe unha comunicación co alumno para elixir programa segundo os seus gustos non é tan usual que aparezan estes aspectos, talvez por falta de tempo. Porén, engade que deberían ser igual de importantes que outros aspectos polo que como mencionaba na anterior pregunta, unha vez alcanzados os mínimos do curso deberíase prestar máis atención a estas posibilidades.

Ivo Lago

(comunicación persoal, 28 de Marzo de 2020)

Estudante de 5º de profesional de guitarra, xa acabou o bacharelato e ten propósito de continuar cos estudos superiores de música.

O ano que ven tes pensado realizar as probas de acceso ao grao superior. Isto foi unha opción que tiveches clara? (Se non é así que che fixo finalmente elixir seguir coa música?) Nalgún momento sentiches na túa elección que o que che facía dubidar non era o que querías persoalmente estudar senón factores externos como saídas laborais ou comentarios de familiares ou amigos, etc.?

Neste caso, Ivo Lago tivo bastante claro desde moi novo o que quería facer: “dedicarme profesionalmente a tocar a guitarra, ser concertista”. A pesar da súa decisión cara a este camiño, admite que non sempre é fácil e as dúbidas xorden, como a todos os músicos, como se un vai ser o suficientemente bo para chegar a facelo. Porén, máis alá diso, non houbo cabida a outras opcións. Asemade, pensa que con esforzo e actitude ao ver que é o que realmente che gusta e o que che satisfai, sempre vas conseguir saídas no ámbito laboral. Por último, no seu caso o entorno familiar o de amizades non supuxeron ningún problema, pois admite que os seus familiares sempre o apoiaron no que quixese facer e por outro lado o dispor de moitos amigos músicos foi tamén unha axuda.

Ademais no teu caso a relación coa música é máis variada, pois podemos ver que ademais da guitarra acústica, por exemplo, tamén actúas como cantante do grupo Purplefly con outros alumnos ou ex-alumnos do conservatorio. Como pensas que che axudaron os estudos do conservatorio nas outras actividades musicais que realizas fóra do conservatorio?

O conservatorio axudou a Ivo en moitos sentidos para despois realizar outras actividades fóra do ámbito académico. Por exemplo a nivel interpretativo no dominio do instrumento e ao tratar varios estilos de música conséguese unha visión máis ampla e analítica para despois interpretar outros estilos, temas, obras que nos propoñamos. Por outra banda, a nivel compositivo o conservatorio atribúeche moitos recursos para poder crear música, amplía o teu abano de posibilidades.

Cal é a túa opinión con respecto á pregunta quinta da enquisa, na que se preguntaba se as persoas preferirían que existise unha maior especialización no grao profesional ou unha amplificación dos campos a tratar? En caso de existir un modelo así, tiveses escollido outra opción ou continuarías coa guitarra clásica?

Segundo Ivo, non é necesaria unha especialización aínda, pois isto é algo máis propio dunha educación superior, porén, si que serían precisos unha serie de temas que agora no século XXI son moi necesarios, como por exemplo clases de presenza escénica, ou inclusive relacións públicas no que se tratase como buscarse a vida actualmente sendo músico, pois creo que é un tema que non está moi claro entre o alumnado. De todos modos, se existise un modelo máis ramificado do profesional, continuaría sen dubidalo en primeiro lugar coa guitarra clásica. Porén, é certo que tamén tería bastante interese nas clases de composición se tivese a opción.

Relacionado co anterior, que che fixo escoller na enquisa as opcións que marcaches e ademais por que ante as outras?

Jazz, composición e improvisación foron as opcións marcadas por Ivo. Menciona que aínda que estas materias aparecen en 6º, pensa que sería necesario que se comezasen a dar xa con anterioridade, pois son esenciais para calquera música, pondo como exemplo a súa propia experiencia, na que tivo que comezar a desenvolverse nestas actividades por conta propia, probando, investigando, fixándose noutras persoas, etc. No entanto, talvez isto significaría tamén ter máis horas e polo tanto máis problemas para compatibilizar o conservatorio con outros estudos como os do instituto, como fai a maior parte do alumnado. Por iso, dende este punto de vista, si que podería alegarse que dedicarlle tempo a estas materias sería máis propio dunha educación superior onde todo o alumnado xa ten claro que quere dedicarse á música.

Considerarías que a educación musical no conservatorio está algo obsoleta segundo isto, é dicir non considera moitas realidades do ámbito musical que agora están igual de presentes e son igual de válidas que as relacionadas coa música clásica, e en concreto á interpretación desta?

“Considero que si, non toda a educación, porque hai materias como historia, harmonía ou análise que son fundamentais, pero creo que deberían darse outras como as xa mencionadas nunha pregunta anterior”. Ademais, Ivo engade a posibilidade doutra materia centrada nas relacións públicas, como conectar coa xente, pois ao final, ao estudar música tamén é necesario coñecer unha “linguaxe” para poder transmitir o mellor posible ao público o que queiras. Por outra banda, ás veces admite que os estudos se centran moito en non fallar notas, ter un bo son, unha técnica precisa… e aínda que isto sexa tamén necesario, considera que é moito máis importante saber transmitir e chegar á xente, sendo estes, temas que non se tratan. É como se só importase que toques ben, mais ninguén che axuda a desenvolver estas capacidades propias das persoas, non hai ningunha clase específica ou aínda que sexa estar integrado dentro doutra materia na que se trate de axudar aos alumnos de buscar o que realmente queren eles, presionalos para que eles mesmos saquen o que teñen dentro, en vez de simplemente ter que tocar unha peza dunha forma concreta porque é así como se fai. Isto claro, sen deixar de lado as propias necesidades e características de cada estilo.

Onde cres ti que recae a maior responsabilidade destas carencias e por que o pensas.

Principalmente nas persoas que realizan a programación foi en definitiva a resposta de Ivo cara a esta pregunta, engadindo ao final que deberíase considerar unha actualización desta.

Despois de explicar o seu punto de vista comentei con Ivo o que atopei eu despois de ler as programacións.

Isto foi unha sorpresa para Ivo, pero de todos modos tampouco pensa que é culpa nin do profesorado nin do alumnado, pois como explicou en respostas anteriores, os profesores deberían dispor de moitas máis horas para tocar todos estes contidos e con respecto aos alumnos, estes tamén teñen dereito a obter certa formación en todos os aspectos mencionados. Por iso, a situación é bastante complexa e non hai unha solución clara, polo que sería necesario considerar doutra maneira unha alternativa.

Ana Tuñas

(comunicación persoal, 10 de Abril de 2020)

Compaxinas os estudos de música con algunha outra actividade ou formación académica?

Agora mesmo non, pero antes compaxinábaos coa carreira de Comunicación Audiovisual.

Tes pensado dedicarte a música profesionalmente ou simplemente tela nun segundo plano?

Dentro da música a única opción é como mestra. Porén, si que lle gustaría nun futuro ter a súa propia escola na que impartiría produción musical ou inclusive vídeo.

Que che leva a desistir de realizar o grao superior?

Principalmente que as modalidades que ofertan non son do seu interese. Aínda que o que máis lle fixo dubidar foi a modalidade de composición, a cal si que entra dentro das súas preferencias, non así os contidos e o xeito de impartilos, o cal fixo que perdera o interese.

No teu grupo de música, sentiches que o conservatorio te formou para poder ser competente no estilo ou actividades que realizabas ou pola contra foi máis ben produto dun interese persoal e autodidacta?

Só aquilo relacionado coa frauta, o resto de instrumentos aprendeu a tocalos de forma autodidacta. Ademais xa se dedicaba a arranxar e compor cousas xa moito antes de cursar harmonía ou composición no conservatorio.

Que che fixo escoller na enquisa as opcións que marcaches e ademais por que antes que as outras? Gustaríache ter tido unha formación orientada doutra maneira no grao profesional? En que sentido e por que?

Desde o seu punto de vista, a formación musical profesional está orientada nun 95% a ser intérprete de orquestra, non tendo en conta que pasaría se non é a vía que moitos novos estudantes non queren tomar, por exemplo se algún rapaz que ten contacto coa materia de novas tecnoloxías e aprende a mesturar son, a postproducir, e todo iso, descubre que iso é o que lle gusta. Neste caso non tería onde aprendelo dentro do conservatorio, tendo que estudar si ou si interpretación e botar horas e horas estudando co seu instrumento cando realmente non lle interesa ter unha técnica tan perfecta. Por isto, é indispensable que se realice unha modernización na que se integren novas materias como composición ou jazz, as cales deberían darse dende 3º de GP polo menos, e non tan só o último ano. Outros factores a ter en conta tamén serían a importancia de animar aos estudantes a improvisar e que obviamente cada instrumento ten o seu propio repertorio e historia, non tendo sentido que un saxofonista se mate a estudar Bach. Ademais destaca a necesidade de incorporar os recursos dixitais, pois nunca se sabe cando se vai necesitar mandar unha gravación para unha proba ou escoitar a súa composición debidamente montada e editada para ver como está quedando. Finalmente, Ana engade que “É xenial tocar obras do século XVII ou XV, pero nunca hai que esquecer que vivimos no XXI. E se un guitarrista ten que tocar unha obra de Metallica porque os grandes guitarristas actuais están no heavy metal, pois non se lles van caer os aneis!”

Considerarías que a educación musical no conservatorio está algo obsoleta segundo isto, é dicir non considera moitas realidades do ámbito musical que agora están igual de presentes e son igual de válidas que as relacionadas coa música clásica, e en concreto á interpretación desta?

“Obviamente si”, así comezaba respondendo Ana que explica que mentras que os músicos de musica moderna cunha cacerola e o Logic fan un tema, os de clásica (falando moi en xeral) a maior parte deles non son capaces nin de escribir partituras no ordenador.

Onde cres ti que recae a maior responsabilidade nestas carencias e por que o pensas.

“A efectos legais, sobre o Ministerio de Educación, obvio”. Segundo Ana o problema é que normalmente os que fan as programacións teñen pouca idea do que fan. Pero por suposto, os conservatorios teñen gran culpa porque nunca se ve presión por parte deles sobre estes aspectos, seguramente porque non están de acordo. Ademais, considera que hai moito rexeitamento dos profesionais clásicos cara a música moderna, ata chegar a desprestixiala e non querer ter ningún contacto con ela, pois non son capaces de aceptar que hai músicos que sen saber ler partituras ou saber o que é un fagot, crearon obras que cambiaron a historia da música tanto como a 5ª sinfonía de Beethoven. Porén, tamén admite que é normal en certo punto que este tipo de músicos non vexan estas carencias, xa que normalmente non coñeceron na súa formación máis alá do que as escolas de música ou conservatorios lles ensinaron e cando empezas a indagar en todas as opcións que existen fora da partitura, é cando ves as imperfeccións do conservatorio, as cales recalca, non son poucas.

Impresións xerais

Tras realizar as catro enquisas puiden comprobar que dende logo as perspectivas e a forma en que cada unha das persoas se relaciona coa música é considerablemente diferente, sendo isto o meu propósito xa dende o comezo e a razón pola que as elixín. Segundo isto, podíamos ver que cada un deles daba solucións distintas ou vía carencias centrándose na súa experiencia persoal, como é o normal. Por exemplo, Lara facía especial mención ao traballo musical menos académico, algo parecido ao de Ana, mais que neste caso fixábase moito máis en cuestións como a utilización de novas tecnoloxías. Por outra banda, Ivo e Pablo manterían unha posición algo máis conservadora, admitindo que lles gustaría que houbese un maior rango de posibilidades, mais que isto sería moito máis complicado do que pode aparentar nun comezo. No caso de Ivo, persoalmente chamoume moito a atención as opcións que daba de asignaturas orientadas á actitude dun músico, a súa presenza no escenario, etc. pois en verdade é algo que non parara a pensar nin a mencionar anteriormente neste traballo, mais co que realmente concordo. Porén, pódese ver como houbo unha cousa que todos eles mencionaron nun momento ou outro e que sen dúbida, como dixo Lara, pode ser decisivo na disposición do alumnado cara aos estudos, sendo isto a dificultade para compaxinar o conservatorio con outros estudos. Sen dúbida isto é un problema para calquera estudante que pode chegar a facer querer desistir da música en numerosas ocasións ao alumnado. Unha cuestión na que sen dúbida vai acabar saíndo perdendo o conservatorio xeralmente, pois o status de “educación obrigatoria” do instituto fai que o alumnado, se tivese que decidir, decantárase por esta opción. Porén, o problema non debería ser por que camiño se vai decidir o alumno, senón como facer que este teña todas as facilidades posibles para compaxinalas: unha maior comunicación entre o conservatorio e o instituto, maiores opcións de cambio de datas de exames con xustificación, un cambio na forma en que se asignan as horas, etc. Dende logo, isto non é algo fácil, pero tamén é obvio que é algo necesario que debe comezar a cambiarse dende xa.

Relacionado con isto último, tamén puiden ver que os catro entrevistados admitían que unha readaptación curricular non é tamén algo fácil, mencionándose por exemplo o exceso de materia a dar, a falta de tempo ou a velocidade coa que evoluciona agora a música, polo que é difícil establecer un criterio obxectivo sobre o que é realmente necesario. Esta última, explicada por Pablo, tamén é interesante, mais concordo parcialmente con ela. Ben é certo que é difícil establecer con pouca marxe de tempo un programa dos acontecementos históricos que puideron marcar posteriormente, mais tamén é verdade, que se nos referimos a programa musical e a historia, todo isto do que falamos xa non é tan novo como pode parecer, pois xa hai case un século no que se está desenvolvendo tanto a música moderna como a contemporánea; un século que dá para moito, porque o que está claro e que a música, como o resto de campos da actualidade, non para de avanzar e cada vez máis rápido.

Como conclusión, está claro que todas as cuestións que se expón non son de fácil solución e non existen respostas claras para abordalas. Porén, vese dunha forma ou doutra que en xeral todos os alumnos senten que existen certos fallos importantes que non só non os axudan, senón que pode chegar ata acabar coa carreira musical de moitas persoas. Por isto, a comunicación entre lexislación, docencia e discencia é esencial para poder levar a cabo todo isto, pois é moi fácil culpar aos outros mutuamente, mais cada parte ten que mover de si para poder chegar a acordos que sirvan realmente para tornar máis efectiva a educación musical.

Opcións doutros conservatorios de Galicia

A pesar de que inicialmente a miña idea era que o máis probable dentro de Galicia era que todos os conservatorios mantivesen un plan exactamente igual, puiden comprobar que realmente existen diferencias entre eles a ser comentadas. No entanto, previamente gustaríame mencionar brevemente o exemplo de Portugal, moi preto do noso conservatorio de Vigo, mais moi lonxe en como considerar unha educación musical.

Para comezar, en Portugal a educación musical pre-universitaria estrutúrase entre o “ensino básico” cunha duración de cinco anos e consecutivamente o “ensino secundario” cunha duración de tres anos, sendo este equivalente ao noso grao profesional mais cunha duración menor. De referencia tomei a oferta que se presentaba nas páxinas web dos conservatorios de Coimbra e de Porto, amosándose en ámbolos casos unha oferta de cursos moito maior comparada coa do noso conservatorio, incluíndose formación especializada en jazz , ciencias musicais (equivalente ao termo Musicoloxía, o cal engloba a varias ramas como Historia, Etnomusicoloxía, Psicoloxía Musical, etc.), canto gregoriano ou técnico de produción e de tecnoloxías musicais, os cales todos garantían formar aos estudantes para poder desenvolverse nestes ámbitos no mundo musical con totais competencias dentro do ámbito laboral, ademais de, si o desexasen, poder continuar coas ensinanzas superiores. Ademais disto, tamén chamaba a atención a maior oferta de instrumentos nos que especializarse dentro do que é xa a educación clásica máis centrada na interpretación, vendo especialidades como a de órgano, clave, mandolina ou materias como a de música antiga.

Despois do exemplo de Portugal, tocaría centrarse en Galicia, onde, como xa dixen, existen algunhas diferencias entre os conservatorios. Por exemplo, no conservatorio de A Coruña atopamos a materia optativa de “Música nos medios de comunicación”, a cal se centra en coñecer e desenvolver música relacionada co cine, anuncios, programas, etc. centrándose moito nas ferramentas dixitais e tamén na música do século XX, facendo especial mención á harmonía atonal. Ademais, presenta un departamento de instrumentos antigos, aínda que neste só inclúese o clave. Con todo, talvez os conservatorios de Galicia con máis opcións no referente a este departamento sexan o de Pontevedra, coas opcións de clave, viola de gamba e frauta de bico, ou o de Ourense, con estas mesmas mais incluíndo o órgano. Tamén é de destacar que o conservatorio de Pontevedra conta con gran cantidade de actividades que parten deste departamento de música antiga, como por exemplo a optativa de orquestra barroca ou a realización da materia de música de cámara incluíndo estes instrumentos, á que chaman “música de cámara barroca”.

Por outra banda, o Conservatorio de Santiago resalta especialmente na oferta de optativas, moi variadas e con temas que están moi relacionados con este traballo. Para comezar, existe a posibilidade de cursar a materia de “Fundamentos de música contemporánea”, na cal xa se comeza na propia programación dando os seguintes motivos polo que existe: “O baleiro existente no ensino sobre a musica contemporánea segue a ser moi preocupante. Esta é unha área que soamente vese cuberta en casos moi puntuais, a miúdo abranguendo unha parte mínima e mediante enfoques superficiais”. O documento continúa posteriormente argumentando que non é entendible que o alumnado saia dun conservatorio profesional sen coñecer autores como Edgar Varese, Olivier Messiaen ou John Cage, sendo estes nin sequera parte do fenómeno musical actual, amosando así o gran baleiro que existe. Alén diso, fase referencia a abordar temas relacionados co jazz, tamén con sistemas de música non occidentais como o Karnático do sur da India ou a análise de obras contemporáneas de autores como Xenakis, Boulez, Elliot Carter, Stockhausen ou mesmo Ferneyhough. Outro exemplo pode ser a materia de “Creación de música audiovisual”, en cuxa programación se argumenta que non é entendible que non exista unha formación nos conservatorios relacionado con isto sendo que na actualidade cada vez sexa maior o peso das novas tecnoloxías e da innovación tecnolóxica, tanto no día a día das persoas, onde os mozos comunícanse, estudan ou infórmanse case totalmente por estes medios, como no sectores de produción musical. É dicir, os conservatorios deberían poder atribuírlle aos alumnos as competencias necesarias para que, en caso de que o desexasen, puidesen entrar no que é hoxe en día o principal mercado laboral dentro do ámbito musical. Outras materias de especial interese tamén incluídas son a de jazz. tamén incluída no noso conservatorio, a de “Adestramento auditivo”, co fin de desenvolver o recoñecemento e análise auditivo a unha maior escala, con todo tipo de harmonías, escalas, etc., e a de “Iniciación á dirección”, orientada ás ensinanzas superiores deste ámbito.

En definitiva, creo que talvez a visión do alumnado ás veces sexa de que o que temos nos conservatorios “é o que hai”, que aínda non existen outras iniciativas ou opcións a ter en conta dentro da educación musical, ou que talvez sexa moi difícil levalas acabo e por iso aínda non foran incorporadas. Porén, ao dispor dunha visión só un pouco máis ampla do que temos no noso propio conservatorio, vemos que a forma de organizarse e de desenvolver os contidos cambia moito, iso sen ter en conta o que pode acontecer por Europa e mesmo fóra desta.

Conclusión final

Ao rematar este traballo, está claro que aínda que algunhas cousas eran semellantes ao que pensaba antes del, moitas outras non se correspondían en absoluto. Ademais, foi especialmente interesante poder ver perspectivas con respecto a isto doutros conservatorios e doutros compañeiros. En xeral, podo sacar en conclusión que é evidente que para a opinión xeral a educación musical está obsoleta na forma na que se segue considerando actualmente, mais tamén como vimos, todos podemos concluír que non é un tema fácil de abordar nun mundo no que se avanza a pasos xigantescos e cada vez aínda máis rápido. Tamén, a pesar de que a miña opinión persoal nun comezo era que todas estas cuestións nin sequera eran reflectidas nas programacións, na lexislación ou moitas veces no mesmo profesorado, agora puiden chegar á conclusión de que realmente é unha cuestión que ten que ser solucionada por todos e cada un dentro do seu papel, pois obviamente a lexislación é o primeiro paso para acadalo, mais non é un impedimento que impida cambiar e mellorar. Relacionado con isto, puidemos ver como poden presentarse moitas iniciativas que responden a estas necesidades, como acontece moi preto en diferentes conservatorios de Galicia.

Por outra banda, outro dos aspectos que se poden sacar principalmente das opinións dos alumnos, é que, máis alá dos contidos que se impartan, faltan en xeral moitos aspectos relacionados con todo aquilo fóra do conservatorio, como pode ser o doado da compaxinación con outros estudos ou coñecer mellor o mercado laboral musical e como moverse nel. É dicir, o conservatorio non só e un centro onde adquirir coñecementos, tamén ten que axudar ao alumnado nos distintos aspectos que poidan influenciar no éxito durante os seus anos estudando no centro, como despois, tanto se se decide polo mundo musical profesional como se non, podendo en tal caso atribuír moitos outros aspectos fóra do que son simplemente contidos.

Como todo o que se acadou na historia, nun comezo pode parecer dubidoso ou difícil, pero parece ser que unha nova adaptación da educación musical é necesaria para garantir a súa efectividade de aquí ao futuro.

Douglas Ribas González

Alumno de 6º de grao profesional

Referencias

CMUS Profesional da Coruña(2019), Departamentos,Recuperado de http://www.cmusprofesionalcoruna.es/departamentos/

CMUS Vigo (2019), Programacións, Recuperado de http://cmusvigo.gal/?page_id=74

Conservatório de Música de Coimbra (2020), Cursos, Recuperado de https://www.conservatoriomcoimbra.pt/

Conservatório de Música do Porto (2020), Cursos, Recuperado de https://www.conservatoriodemusicadoporto.pt/oferta-educativa/cursos

Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga (2019), Programacións didácticas, Recuperado de https://www.conservatoriomanuelquiroga.gal/programacions-didacticas/

Conservatorio Profesional de Música de Ourense (2019), Departamentos, Recuperado de https://www.conservatoriourense.org/

Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela (2019), Programacións, Recuperado de https://www.conservatoriosantiago.gal/alumnado/programacions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *