MUSICOTERAPIA. Historia, métodos e relación coa oncoloxía

QUE É A MUSICOTERAPIA?

Segundo a Wikipedia, a musicoterapia “consiste no uso da música dentro dunha estrutura organizada de traballo cun fin terapéutico”; a definición é correcta, pois non se centra nun campo específico, senón que deixa ver esa versatilidade desta rama da música dicindo que ten fins terapéuticos. Estes fins son tantos que cando falamos de musicoterapia adoitamos estar equivocados, pois só pensamos en moi poucas finalidades como poden ser tratamentos de ansiedade, nervios etc., é dicir, moi correntes; pero non nos estamos dando conta de que esta ten cada vez máis participación na medicina desde o seu uso en nenos ata en anciáns enfermos de Alzheimer. O realmente difícil é poñer límites porque tampouco vale todo. A xente pode pensar que escoitando música nun día triste xa está a realizar esta terapia, pero obviamente non é así, cabe lembrar que unha terapia sempre ten que ser impartida por un especialista e debe seguirse un control.

Por outra banda, o termo resulta ambiguo por que se están xuntando dúas áreas que inclúen multitude de disciplinas e moitas veces confúndense ditas disciplinas coa propia musicoterapia. Para aclarar un pouco as dúas ideas, imos definir música e terapia. Entendemos como música como unha arte de sucesión de sons e silencios combinando un ritmo, unha melodía e unha harmonía. Doutra banda, a terapia é o tratamento dunha enfermidade xeralmente psíquica ou somática. Feita esta distinción e observando o esquema da imaxe, a musicoterapia combina as dúas realizando así un tratamento medicinal.

HISTORIA DA MUSICOTERAPIA

Prehistoria e idade antiga

A musicoterapia ten as súas orixes na prehistoria (ritos de curación), pero onde realmente aparecen papiros que relacionan a curación do corpo coa música é no mundo exipcio. Os gregos desenvolveron importantes teorías onde os filósofos relacionaban mente e música, podemos mencionar a Platón, que dicía que a música tiña carácter divino e a propiedade de dar pracer ou sedar; pero o máis importante e que deu un cambio significativo, foi Aristóteles, quen desenvolveu a teoría do Ethos, con orixe exipcia, asociaba distintos estados anímicos a diversos modos da música grega, así cada son e ritmo… tiña o seu propio Ethos.

Idade media

Durante a idade media, as teorías anteriores mantéñense, pero son diversos teóricos como Séneca, Quintiliano, Alfonso X ou o arcipreste de Hita entre outros, quen realizan referencias á musicoterapia: as ideas máis destacables son, a visión da música no ámbito laboral, como axuda no traballo; Séneca curouse de insomnio escoitando música e dicía desta que “quen descoñece a música non coñece nada que teña sentido”; e por último debemos destacar a Boecio que foi un personaxe moi importante pois en De institutione musica atende á influencia da música en estados anímicos.

Idade moderna

Durante o renacemento existen numerosos tratados onde se busca establecer uns criterios científicos sobre as teorías musicais, segundo a filosofía musical dos antigos. Un humanista importante foi Pedro Cerone con El Melopeo que recolleu ideas de autores clásicos, sobre todo de Boecio e xa anuncia ideas terapéuticas. Estas ideas de recuperación do antigo continuaron tamén con Benito Jerónimo Feijoo en Cartas eruditas.

En 1744 un monxe cisterciense escribe a primeira obra musicoterapeuta en España chamada, Palestra critico‐médica, onde nun dos volumes considera que a música efectivamente cambia o estado anímico das persoas e afirma que “é axuda eficaz en todo tipo de enfermidades”. Este estudo da música sobre o organismo desde un punto de vista científico esténdese e publícanse numerosos artigos.

Idade contemporánea

Durante o século XIX continúan eses estudos e destacan dous filósofos moi importantes nesta etapa: Hegel e Schopenhauer. Por unha banda, Hegel dedica o tomo VII da Estética á música e a súa expresión; en cambio Schopenhauer, afirma que a música é unha linguaxe universal para todos os países e a través de todos os séculos.

Durante o século XX continua a aplicación científica e destaca EEUU que usa a música de forma aberta coa contratación de músicos para tocar en hospitais durante a I Guerra Mundial. 1950 convértese nun gran ano pois se funda a National association for music therapy, que ademais de realizar diversas actividades promove por primeira vez na historia o grao en musicoterapia. A partir desta créanse outras ata que en 1974 celébrase en París o primeiro congreso mundial de musicoterapia e a partir de aí esta ten un gran auxe.

MÉTODOS DA MUSICOTERAPIA

Son moitísimos os métodos que existen á hora de levar a cabo un tratamento musicoterapéutico, pero podémolos agrupar en dous grandes grupos, os métodos activos e os métodos receptivos.

Métodos receptivos

Con estes métodos o paciente non toca un instrumento nin crea música, utilízase con moita frecuencia a música gravada facendo así que este a escoite e entre nela mentalmente, isto é realizado para que se produzan estímulos con respostas inmediatas ou que se cre un proceso de cambio terapéutico. Adoita estar pensada para pacientes sen coñecementos musicais, pero que se poidan beneficiar dela; o paciente pode abrir a súa imaxinación, obter recordos, sentimentos etc. Os principais métodos a seguir son: método GIM, ISO ou o Tomatis.

Método GIM (Guided Imagery and Music)

Este método foi desenvolto pola estadounidense Helen Bonny; consiste na escoita de obras clásicas para que o paciente nun estado de relaxación, observe imaxes, símbolos ou emocións. As músicas deben variar para observar os distintos efectos que realizan no paciente. Utiliza unha estrutura chamada “o diagrama da viaxe” que contén tres niveles de experiencia: preludio, ponte e centro que se desenvolven na sesión cunha entrevista (diálogo), a experiencia con música, a integración que consiste no debuxo do que lle provoca esa música escoitada anteriormente e o diálogo final no que sacan conclusións.

Método ISO (Identidade Sonora)

O principio ISO creouno Rolando Benenzon, e establece que é o conxunto de enerxías sonoras e acústicas e de movemento que pertencen a un individuo e caracterízano; por tanto, é parte da súa personalidade. Existen varios tipos de ISO: universal (coñécenos todos os seres humanos: latexado do corazón); gestaltico (vivencias intrauterinas: voz da nai, sons do interior…); grupal (establéceo o grupo terapéutico); cultural; complementario….

O que se busca aplicando este principio é o cambio do estado de ánimo do paciente usando segundo que pezas en cada ocasión e recoñecendo as súas ISO; un claro exemplo é un paciente depresivo que pase a un estado de positivismo.

Método Tomatis

Foi creado por Alfred Tomatis (otorrinolaringólogo), quen estaba convencido de que moitos problemas vocais eran problemas auditivos provocados por un trauma e que impedirían captar algunhas frecuencias ou podían provocar cambios no comportamento, como o autismo, a esquizofrenia ou a dislexia. Con esta preocupación crea as orixes do método creando o primeiro oído electrónico presentando as “leis Tomatis” que establecen a relación necesaria entre escoitar e comunicar. Con isto créase o método que consiste na estimulación do oído para corrixir o control audio‐vocal, afinar o circuíto entre oído e voz, e así controlar o fala.

Métodos activos

Con estes métodos o paciente participa na música realizando algunha das seguintes actividades musicais: interpretación, composición, canto e danza. O feito de que estas sexan as utilizadas non significa que tocando un instrumento nos teus intres libres ou cantando na ducha estea a recibirse musicoterapia, para recibila debe existir un proceso con terapeuta e seguindo algún método.

Métodos de improvisación

Os métodos de improvisación buscan a expresión do paciente mediante instrumentos, este debe tocar libremente e se non teñen coñecementos musicais ofrécenselle instrumentos de percusión ou instrumentos Orff… o musicoterapeuta analiza a expresión e o paciente desenvolve a liberdade, creatividade etc.

Método de improvisación musical de Nordoff‐Robbins

Adoita aplicarse a nenos enfermos de autismo, problemas de aprendizaxe, emocionais… Son musicoterapeuta e paciente os que improvisan á vez ou por quendas. O profesional debe ser músico para poder interpretar cancións e diferentes instrumentos, as sesións son gravadas e estudadas para observar a evolución.

Método de Schmoltz

Ofrece dúas alternativas diferentes, por unha banda, dar un ritmo ao paciente mediante un instrumento de percusión facendo que se una libremente e improvisando por encima deste co uso de instrumentos Orff. Por outra banda, o paciente pode ter toda a iniciativa.

Método de Juliette Alvin

Existen varias fases no proceso: nun primeiro momento o paciente debe relacionarse cos instrumentos e realizar actividades para familiarizarse cos sons, como segunda parte estaría a relación terapeuta‐paciente mediante o diálogo e a confianza e por último a relación con outros pacientes.

Diálogo musical de Orff‐Schulwerk

Busca un diálogo que exprese algún sentimento mediante un intercambio de frases musicais entre varios pacientes ou musicoterapeuta e pacientes.

Modelo Priestley

Este é un modelo baseado na psicanálise, consta de catro fases, as tres primeiras son dedicadas ao diálogo entre paciente e terapeuta onde este conta os seus problemas, póñense de acordo para poder plasmalo máis adiante en forma musical e finalmente improvisan; con isto quérese chegar ao porqué do estado do paciente.

Modelo Riordon‐Bruscia

Nun principio Riordon realizou un método baseado no baile para axudar a persoas discapacitadas; foi máis tarde cando Bruscia buscou unha aplicación á musicoterapia combinando a improvisación musical e o baile.

A MUSICOTERAPIA NA ONCOLOXÍA

O cancro é unha enfermidade invasiva, cada vez, por desgraza, máis común e que non só afecta á zona tumoral, senón que trae consigo moitos outros efectos, ben psicolóxicos ou ben físicos debido ao tratamento.

A musicoterapia nunha enfermidade non psicolóxica, como pode ser o cancro, non cura, pero si está demostrado que como suplemento á medicación obtén grandes resultados. En pacientes oncolóxicos o malestar é moi difícil de rebaixar, adoitan sufrir vómitos, mareos, náuseas, ansiedade… e isto provoca maiores problemas na respiración ou a nivel cardíaco; aquí é onde entra o papel musicoterapéutico pois pode levar aos enfermos a un maior benestar.

Os beneficios que proporciona un tratamento deste tipo son moitos, o seu custo é baixo e cada vez son máis as persoas que acoden a esta terapia, pois ten grandes resultados. En España non está aínda tan asentada como noutros países, a pesar disto son moitos os médicos que animan aos pacientes para someterse a ela.

Beneficios principais

Os beneficios poden ser sociais, fisiolóxicos, pero sobre todo psicolóxicos e intelectuais. Poderiamos destacar os seguintes:

  • Aceleramento ou diminución do ritmo cerebral, respiración…
  • Actuación sobre o sistema nervioso.
  • Devolve a sociabilidade ao paciente: pode relacionarse, sentirse acompañado…
  • Cando teñen falta de comunicación por posibles complicacións do cancro serve de axuda para a expresión emocional.
  • Alivia a ansiedade (cabe lembrar que unha das aplicacións máis expandidas da musicoterapia é o tratamento de ansiedade).
  • Seguindo as liñas do anterior punto, axuda á relaxación, estabilidade e así diminuír a dor, que moitas veces é causado por tanta ansiedade ou malos pensamentos.
  • Axuda á memoria, estes pacientes poden ter perdas de memoria debido a outras enfermidades como o Alzheimer ou por recibir tanto tratamento de radio ou quimioterapia no cerebro ou en zonas delicadas.

Aplicación da terapia

Unha das principais características da musicoterapia é a gran diversidade de persoas ás que lle serve, non é necesario ter coñecementos musicais nin ser novo; está demostrado que anciáns que non saben nin quen é o seu propio fillo poden lembrar unha melodía importante na súa vida. Con todo, unha práctica terapéutica sexa cal for debe ser impartida por un profesional, iso nunca debe esquecerse, pois é o profesional o que estudou para saber como tratar ao paciente, saber cando parar, saber que música debe poñer etc.

Como viñamos dicindo os pacientes con cancro sofren moitos efectos secundarios debido a quimioterapia, radioterapia, cirurxías ou transplantes de medula, isto produce impotencia pois tras recibir o tratamento non volven sentirse os mesmos, senten moita dor ao que a música axuda, pois libera endorfinas; hai estudos que demostran que tras cantar aumenta a concentración de inmuglobina que axuda ao enfraquecemento do sistema inmunolóxico, causado polos devanditos tratamentos; existen moitos outros estudos que demostran que pode axudar noutros campos como nos síntomas dixestivos etc. Por suposto o coidador do paciente pódeo chegar a pasar moi mal, sobre todo se é un familiar, porque ve como sofre día a día, como non é o mesmo; e se estamos ante un caso de cancro terminal, é el o que ve día a día como a persoa vai falecendo aos poucos. Con isto son moitos os que deben tratarse psicoloxicamente e o papel da musicoterapia axuda indubidablemente porque, lembramos que a aplicación máis diversificada é a psicolóxica.

Como conclusión poderiamos dicir que obviamente a musicoterapia non vai curar o cancro, pero axuda moito a baixar niveis de dor e ao estado anímico do paciente; esta é recomendada a todo paciente de cancro, nenos, adultos e maiores e sexa cal for o tipo de cancro ou a gravidade.

CONCLUSIÓN

A decisión de realizar este traballo de investigación como fin do Itinerario de musicoloxía, ten a súa causa basicamente na desinformación que creo que existe sobre a musicoterapia, pese que existiu desde sempre e que cada vez hai máis estudos que demostran a súa eficacia, tamén hai máis persoas que ou non a toman en serio ou pensan que é unha perda de tempo. Por desgraza existen moitísimas persoas que se cren que cantando en días tristes ou escoitando Vivaldi mentres estudan porque lles “relaxa”, están a realizar musicoterapia; con este traballo quixen deixar claro que isto non é así e que obviamente existe unha historia, uns métodos e moitísimos estudos que demostran como é para que é e o seu gran efecto tanto en enfermos tanto físicos como psicolóxicos.

Decidín darlle un final cunha enfermidade tan dura como o cancro, para demostrar o seu efecto en enfermidades non psicolóxicas, e a importancia de dar difusión a novas terapias e axudas para estes pacientes que tanto sofren, porque mañá mesmo esta enfermidade pode atacarche a ti e ser ti o que necesite esta axuda.

Elvira García Díaz

Alumna de 6º de Grao Profesional

BIBLIOGRAFÍA

Bruscia, K. E. (2006). Musicoterapia. Editorial Pax México

Definiciones de Musicoterapia. (2012, 3 octubre). lamusicoterapia. Consultado o 19 de abril 2021, dispoñible en, https://www.lamusicoterapia.com/definiciones‐de‐musicoterapia/

Empar, G. V. (2021, 18 marzo). Método de Musicoterapia GIM. Musicoterapia for Life. Consultado o 26 de abril 2021, dispoñible en, https://musicoterapiaforlife.com/metodo‐de‐musicoterapia‐gim/

Farré, A. (2018, 30 maio). Tipos de musicoterapia I. Owl institute (entrada nun blog): https://owlpsicologia.com/tipos‐de‐musicoterapia‐i/

Farré, A. (2018, 5 xuño). Tipos de musicoterapia II. Owl institute (entrada nun blog): https://owlpsicologia.com/tipos‐de‐musicoterapia‐ii/

Farré, A. (2018, 24 maio). Qué es la musicoterapia y como te puede ayudar, Owl institute (entrada nun blog): https://owlpsicologia.com/que‐es‐la‐musicoterapia‐y‐como‐te‐puede-ayudar/

Martí‐Augé, P., Mercadal‐Brotons, M., & Solé‐Resano, C. (2015). La musicoterapia en Oncología. Gaceta Mexicana de Oncología, 14(6), 346–352. https://doi.org/10.1016/j.gamo.2015.11.013

Método Tomatis. (2020, 8 diciembre). En Wikipedia, la enciclopedia libre. Consultado o 26 de abril 2021, dispoñible en, https://es.wikipedia.org/wiki/M%C3%A9todo_Tomatis

Modelos teóricos ‐ musicoterapia1. (s. d.). google sites. Consultado o 26 de abril de 2021, dispoñible en,https://sites.google.com/site/musicoterappia/modelos‐tericos

Musicoterapia. (2021, 10 abril). En Wikipedia, la enciclopedia libre. Consultado o 19 de abril 2021, dispoñible en, https://es.wikipedia.org/wiki/Musicoterapia.

MÚSICA Y EMOCIONES. Principio de ISO ‐ aprende todo sobre la musicoterapia. (2020, 8 novembro). Musictip. Consultado o 26 de abril 2021, dispoñible en, https://musictip.net/musicoterapia/metodologia/principio‐de‐iso/

Sanz, J. I. P. (2004). El concepto de musicoterapia a través de la Historia. Revista electrónica de LEEME, (13). dipoñible en https://cmapspublic2.ihmc.us/rid=1HK98SV1J-22J1WNF-M3S/La%20Musicoterapia%20en%20la%20Historia.pdf

Yáñez Amorós, B. (2011). Musicoterapia en el paciente oncológico. Cultura de los Cuidados. Revista de Enfermería https://doi.org/10.7184/cuid.2011.29.07

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *